Skip to content

1 Macabeos 3

3
Xudas o Macabeo
1Sucedeulle o seu fillo Xudas, chamado o Macabeo; 2Apoiárono seus irmáns e todos os que seguiran a seu pai; e loitaban por Israel con moito ánimo.
3Xudas espallou a sona do seu pobo;
púxose a coiraza coma un xigante,
colleu as armas para facer a guerra
e defendeu coa espada os seus campamentos.
4Semellaba un león nas súas fazañas,
un cachorriño que brada pola presa.
5Perseguiu ós renegados ata os seus refuxios
e fixo queimar os axitadores do seu pobo.
6Os desleigados colléronlle medo e turbáronse os malfeitores;
as súas mans fixeron triunfar a liberación.
7Deu que pensar e facer a moitos reis
e foi a ledicia de Xacob coas súas fazañas.
O seu recordo será bendito por sempre.
8Percorreu as cidades de Xudá,
acabou cos impíos que nelas había
e arredou de Israel a carraxe de Deus.
9A súa sona encheu a terra
e xuntou un pobo en desfeita.
As vitorias de Xudas, o Macabeo
10Apolonio organizou un exército de estranxeiros e veu de Samaría con moitas tropas para facerlle a guerra a Israel. 11Pero cando o soubo Xudas, foille ó encontro, venceuno e matouno; moitos dos inimigos morreron e os demais fuxiron. 12Recolleron os espolios e entre eles a espada de Apolonio, que desde aquela Xudas empregou sempre na guerra.
13Cando soubo Serón, xefe do exército de Siria, que Xudas xuntara moita xente e que, polo celo da Lei, loitaban canda el, 14díxose:
—"Voume facer famoso e collerei gloria no Imperio vencendo a Xudas e á súa xente que fan riso das ordes do rei".
15Preparouse e subiu cun exército poderoso, ó que se xuntaron os impíos para axudarlle a vingarse dos israelitas. 16O chegaren á costa de Bethorón, saíulles ó encontro Xudas cuns poucos homes; 17cando viron o exército que viña contra eles, dixéronlle a Xudas:
—"E como imos loitar nós contra esa chea de xente, nós que somos tan poucos e que andamos mazmidos, sen comer en todo o día?"
18Xudas contestoulles:
—"É cousa fácil que uns poucos poidan con tanta xente, pois que a Deus tanto lle ten salvar con moitos coma con poucos; 19A vitoria na guerra non depende do número de soldados, xa que a forza vén do ceo. 20Eles véñennos atacar cheos de fachenda e impiedade para esnaquizarnos e para apoderarse das nosas mulleres e dos nosos fillos, 21pero nós loitamos pola nosa vida e os nosos costumes. 22Deus vainos esmagar a eles diante de nós; non lles teñades medo".
23Cando acabou de falar, botouse de súpeto contra eles, e derrotou a Serón e ó seu exército. 24Perseguírono pola baixada de Bethorón ata a terra cha; quedaron no campo de batalla uns oitocentos homes, e os demais fuxiron ó país dos filisteos. 25Con isto as nacións veciñas deron en sentir abraio e medo por Xudas e mais por seus irmáns. 26A súa sona chegou ós oídos do rei, pois todos falaban das súas batallas. 27Cando o rei Antíoco coñeceu todo isto, alporizouse moitísimo e mandou xuntar todas as forzas do Imperio, un exército moi poderoso. 28Abriu os seus tesouros e deulles ós soldados a paga dun ano, e mandoulles que estivesen preparados para calquera eventualidade. 29Pero, ó ver que se lle acababan os tesouros e que os tributos eran poucos, debido ás disensións e ás desgrazas que el mesmo motivara no país coa súa teima por acabar coas leis que viñan de vello, 30entón colleu medo de que, como xa lle pasara outras veces, non lle chegase para os gastos e os regalos que adoitaba facer con máis xenerosidade cós reis anteriores a el. 31Véndose neste apuro, decidiu ir a Persia para cobrar os tributos daquelas rexións e xuntar moitos cartos. 32Deixou a Lisias, home ilustre e de familia real, á fronte do goberno, desde o Éufrates ata as fronteiras de Exipto, 33e encargoulle que coidase do seu fillo Antíoco ata que volvese. 34Deixoulle a metade do exército e os elefantes e mandoulle executar os seus planos, maiormente os referentes a Xudá e Xerusalén: 35que mandase un exército contra eles para desfacer totalmente as forzas de Israel e o que quedaba de Xerusalén; 36que borrase o seu recordo daquel sitio e que repartise o país entre xente do estranxeiro.
37O rei levou con el a outra metade do exército. O ano 147 saíu de Antioquía, a capital do seu Imperio, e atravesando o Éufrates dirixiuse cara ás rexións do norte.
38Lisias escolleu a Tolomeo de Dorimeno, a Nicanor e a Gorxias, homes valentes e amigos do rei, 39e mandounos con corenta mil homes e sete mil cabalos para que invadisen e arrasasen Xudea, segundo as ordes do rei. 40Partiron con todo o seu exército e foron acampar cerca de Emaús, na terra cha. 41Cando os tratantes do país souberon que chegara, foron de seguida ó campamento con moito ouro e prata e con cadeas para compraren ós israelitas como escravos. Tamén se lles xuntaron tropas de Idumea e de Filistea.
42Xudas e seus irmáns viron que a cousa se lles poñía moi seria, pois os exércitos acampaban no seu territorio e coñecían tamén as ordes do rei de destruír e de exterminar o pobo; 43entón dixéronse:
—"Defendamos o noso pobo desta desfeita. Loitemos pola nosa nación e polo noso templo".
44E a xente xuntouse para prepararse para a guerra e rezaban pedíndolle a Deus piedade e misericordia.
45Xerusalén estaba despoboada coma un deserto,
ningún dos seus fillos entraba nin saía.
O seu santuario era tripado,
os estranxeiros vivían na cidadela, coveira de pagáns.
A ledicia de Xacob desaparecera
non se oían nin a frauta nin a cítara.
46Xuntáronse e foron a Mispah, fronte a Xerusalén, pois noutros tempos Israel tiña en Mispah un templo. 47Aquel día fixeron xaxún, puxéronse un saio, botaron cinsa pola cabeza, e racharon os vestidos; 48desenvolveron o libro da Lei e procuraron nel o que os pagáns procuran nos seus ídolos. 49Levaron os vestidos sacerdotais, as primicias e os décimos, e fixeron ir ós nazireos que xa acabaran os días do seu ofrecemento, 50e berraron ó ceo dicindo:
—"Que imos facer con estes e onde os imos levar? 51O teu templo está pateado e profanado e os teus sacerdotes andan tristeiros e humillados; 52e agora os pagáns xuntáronse para exterminarnos. Ti ben sabes os planos que teñen contra nós. 53Como lles imos facer fronte, se ti non nos axudas?"
54Tocaron as trompetas e deron grandes berros.
55Despois Xudas nomeou ós xefes do pobo para que mandase cadaquén en mil, cen, cincuenta e dez homes. 56E ós que estaban facendo unha casa, ós que casaran, ós que acababan de plantar unha viña e ós coitados díxolles que se volvesen para a súa casa, como manda a Lei. 57Despois fóronse de alí e acamparon ó sur de Emaús. 58Xudas díxolles:
—"Preparádevos, sede valentes e dispoñédevos a loitar mañá pola fresca contra eses pagáns que se xuntaron contra nós para acabar connosco e co noso templo. 59É mellor morrer loitando que ver as calamidades do noso pobo e do noso templo. 60Con todo, que se faga a vontade de Deus".