Skip to content

1 Macabeos 2

2
Rebelión de Matatías
1Daquela xurdiu Matatías, fillo de Xoán, fillo de Simeón, sacerdote da familia de Ioarib; era de Xerusalén, pero vivía en Modín. 2Tiña cinco fillos: Xoán, alcumado Cadix; 3Simón, alcumado Tasí; 4Xudas, alcumado Macabeo; 5Elazar, alcumado Avarán, e Ionatán, alcumado Aptos. 6O ver Matatías as abominacións que se estaban cometendo en Xudá e mais en Xerusalén, 7dixo:
—"Pobre de min! Por que nacín eu para ver a desfeita do meu pobo e da cidade santa? Eu aquí sentado mentres a cidade está en poder do inimigo, e o seu santuario en mans alleas!
8O seu templo é coma un home deshonrado;
9os seus vasos preciosos foron levados coma botín;
os seus neniños foron asasinados nas prazas;
os seus mozos caeron baixo a espada inimiga.
10Que nación non ocupou os seus pazos,
e non se apoderou dos seus espolios?
11Roubáronlle toda a súa fermosura,
era libre e fixérona escrava.
12Velaí o noso santuario:
era o noso honor e a nosa gloria,
e está desolado e profanado polos pagáns.
13Para que seguir vivindo?".
14Matatías e os seus fillos racharon os seus vestidos, puxéronse un saio e fixeron un dó moi grande.
15No intre chegaron a Modín os enviados do rei para facer apostatar pola forza mediante a ofrenda do incenso; 16moitos israelitas fixeron o que lles mandaban, mentres Matatías e os seus fillos quedaron a un lado.
17E os enviados do rei dixéronlle:
—"Ti es un personaxe de sona e grande nesta cidade, amparado por moitos fillos e parentes; 18Así que achégate ti, o primeiro, e fai o que o rei mandou, como xa o fan todas as nacións, os mesmos xudeus e os que quedaron en Xerusalén. Ti e mais os teus fillos seredes amigos do rei e hásevos dar ouro e prata e moitos regalos".
19Matatías respondeulle en voz alta:
—"Aínda que todas as nacións do Imperio abandonen a relixión de seus pais e obedezan ó rei, 20eu e mais os meus fillos e parentes viviremos segundo a alianza de nosos pais. 21Deus nos libre de abandonar a Lei e os nosos costumes! 22Non faremos caso ás ordes do rei, non nos apartaremos da nosa relixión nin á dereita nin á esquerda".
23Aínda non acabara de falar, cando saíu un xudeu alí ó medio de todos para ofrecer incenso sobre a ara de Modín, segundo o que mandara o rei.
24O velo, a Matatías deulle tanto noxo que ata tremía de carraxe, e levado dunha arroutada santa foi correndo e cortoulle a cabeza a aquel home enriba do altar. 25E no mesmo acto matou ó enviado do rei que obrigaba a sacrificar, e desfixo o altar. 26Así mostrou o seu celo pola Lei, como fixera Pinhás con Zimrí, o fillo de Xalum. 27Logo empezou a berrar Matatías na cidade, e dicía:
—"Todo o que sinta celo pola Lei e queira manter a alianza, que me siga!" 28E botouse ó monte cos seus fillos, deixando na cidade todo canto tiña.
29Por aquel tempo moitos que querían vivir segundo dereito e xustiza, baixaban ó deserto 30cos seus fillos, as súas mulleres e o seu gando, e instaláronse alí, pois as desgrazas xa non tiñan medida.
31Os enviados do rei e ás tropas que había en Xerusalén chegoulles a nova de que algúns homes baixaran para esconderse no deserto despois de desobedecer as ordes do rei; 32seguíronos moitos; deron con eles, e acamparon enfronte deles, e atacáronos un sábado. 33Dicíanlles:
—"Non vos avisamos máis. Saíde e cumpride as ordes do rei, e viviredes".
34Pero eles contestaron:
—"Non sairemos nin cumpriremos as ordes do rei profanando o sábado".
35Os soldados atacáronos de seguida, 36e eles non replicaron, nin lles tiraron unha pedra, nin cubriron os refuxios; 37dicían:
—"Morramos todos aínda sendo inocentes, e que o ceo e mais a terra sexan testemuñas de que nos matades inxustamente".
38E atacáronos en sábado. E morreron eles, coas súas mulleres, os seus fillos e o seu gando; eran arredor de mil persoas.
39Cando o souberon Matatías e os seus fillos, doeulles moito, 40pero comentaban:
—"Se todos facemos coma os nosos irmáns, e non loitamos contra os pagáns pola nosa vida e pola nosa Lei, axiña nos farán desaparecer da terra".
41E aquel mesmo día tomaron esta decisión: a calquera que nos ataque en sábado responderémoslle loitando, e non nos deixaremos matar todos, coma os nosos irmáns, nos nosos refuxios.
42Entón xuntóuselles un grupo de asideos, israelitas loitadores, todos moi apegados á Lei; 43xuntáronselles tamén todos os que escapaban dalgunha persecución, e con isto víronse reforzados, 44Ata o punto de formar un exército, e con el cargaron con asañamento e carraxe contra os pecadentos e desleigados. Os que se libraban buscaban refuxio entre os pagáns.
45Matatías e os seus partidarios percorreron as cidades desfacendo as aras 46e obrigando a circuncidar a todos os pequenos non circuncidados de Israel e 47perseguindo ós rebeldes. O seu poder medraba cada vez máis, 48de xeito que defenderon a Lei contra os pagáns e os reis, e non se deixaron asoballar polos malvados.
Testamento de Matatías
49Cando lle chegou a hora de morrer, Matatías díxolles ós seus fillos:
—"Polo de agora triunfou a soberbia e o impudor; son tempos de subversión e de carraxe. 50Meus fillos, sede celosos da Lei e dade a vida pola alianza dos vosos maiores. 51Lembrádevos das fazañas que os vosos antepasados fixeron no seu tempo e acadaredes gloria e sona sen medida. 52Abraham permaneceu fiel no medio dos pobos, e isto consideróuselle como positivo. 53Xosé gardou a Lei nos días difíciles, e chegou a ser amo de Exipto. 54Pinhás, o noso pai, polo seu grande celo, recibiu a promesa do sacerdocio eterno. 55Xosué por cumprir a Lei chegou a ser xuíz de Israel. 56Caleb, polo seu testemuño diante do pobo, recibiu a herdade da terra. 57David, pola súa misericordia, herdou o trono real polos séculos dos séculos. 58Elías polo seu grande celo pola Lei foi arrebatado para o ceo. 59Hananías, Azarías e Mixael, pola súa fe, foron librados do lume. 60Daniel, pola súa inocencia, foi librado da boca dos leóns.
61Reparade deste xeito en todas as xeracións, e veredes como os que confían en Deus xamais non se senten burlados.
62Non lles teñades medo ás ameazas dese malvado, pois que a súa galanura hase converter en esterco e vermes. 63Hoxe anda todo fachendoso, pero mañá desaparecerá, volverá ó po e os seus planos quedarán en nada.
64Vós, meus fillos, sede valentes e combatede coma homes pola Lei, e así chegaredes a ter moita gloria.
65Eu ben sei que o voso irmán Simón é home asisado; escoitádeo sempre, e que el sexa coma un pai para vós. 66Xudas o Macabeo é forte e valente xa desde mozo; que sexa o capitán das tropas e que dirixa a guerra contra o estranxeiro. 67A ver se atraedes a todos os que gardan a Lei, e vingades as aldraxes do voso pobo. 68Dádelles ós pagáns o seu merecido e tede moito coidado en cumprir os preceptos da Lei".
69E despois de os bendicir, foise xuntar cos seus antepasados. 70Morreu o ano 146. Os fillos enterrárono no sartego de seus pais, en Modín, e todo Israel fixo grandes funerais por el.