1 Macabeos 11
11
Tolomeo traizoa a Alexandro
1O rei de Exipto xuntou un exército moi grande, coma a area da praia, e intentou apoderarse con astucia do reino de Alexandro e de engadilo ó seu reino. 2Marchou cara a Siria con aires de paz, e a xente das cidades abríalle as portas e saía ó seu encontro, pois o rei Alexandro mandara que o recibisen xa que era o seu sogro. 3En cada unha das cidades que visitaba Tolomeo ía deixando gornicións. 4Cando entrou en Axdod, ensináronlle o templo de Dagón queimado, a cidade e os seus arredores en ruínas, os cadáveres tirados polo campo adiante, amoreados polas beiras dos camiños os corpos calcinados dos que morreran na batalla contra Ionatán. 5Contáronlle o que fixera Ionatán para desacreditalo, pero o rei calou.
6Ionatán foino recibir a Iafa con grande acompañamento. Saudáronse e pasaron alí a noite. 7Ionatán acompañou ó rei ata o río Eléuzeros e volveu para Xerusalén.
8O rei Tolomeo apoderouse de todas as cidades da costa ata Seléucida do Mar, e, argallando plans perversos contra Alexandro, 9enviou embaixadores ó rei Demetrio coa seguinte mensaxe:
—"Temos que facer un pacto entre nós; eu dareiche a miña filla, a muller de Alexandro, e ti reinarás no reino de teu pai. 10Estou arrepentido de lle dar a miña filla, pois el quíxome matar".
11Calumniouno porque desexaba apoderarse do seu reino.
12Quitoulle a filla e deulla a Demetrio. Así rompeu as relacións con Alexandro e quedou ó descuberto a súa inimizade. 13Tolomeo entrou en Antioquía e cinguiu a coroa de Asia; así cinguiu a súa fronte con dúas coroas, a de Exipto e a de Asia.
14Por aqueles días o rei Alexandro estaba en Cilicia porque os habitantes daquela rexión reviráranse. 15Cando o soubo, marchou contra eles, pero Tolomeo saíulle ó encontro cun exército poderoso e tivo que fuxir. 16Alexandro escapou cara a Arabia na procura de protección, e o rei Tolomeo quedou dono da situación.
17O árabe Zabdiel cortoulle a cabeza a Alexandro e mandoulla a Tolomeo. 18Dous días despois morría tamén o rei Tolomeo e os habitantes das fortalezas mataron as gornicións que el deixara nelas.
Demetrio II e Ionatán
19Así Demetrio comezou a reinar no ano cento sesenta e sete.
20Por aquel tempo Ionatán xuntou os homes de Xudá para atacar a cidadela de Xerusalén, e construíu moitas máquinas de guerra. 21Pero uns desleigados e inimigos do seu pobo, fóronlle dicir ó rei que Ionatán estaba cercando a cidadela. 22O rei púxose doente cando tal cousa oíu; partiu cara a Tolemaida, e desde alí escribiulle a Ionatán dicíndolle que levantase o cerco e que acudise axiña a Tolemaida para falar con el.
23O recibir a carta, Ionatán mandou continuar o cerco, escolleu algúns anciáns de Israel e algúns sacerdotes e decidiu expoñerse ó perigo. 24Foise presentar ó rei en Tolemaida ben provisto de prata, ouro, roupas e outros regalos, e o rei recibiuno ben, 25e iso que algúns desleigados do seu pobo acusárono. 26O rei tratouno como o trataran os seus predecesores, honrándoo diante de todos os seus amigos. 27Confirmouno no cargo de Sumo Sacerdote, e en todos os honores que xa tiña, e elevouno á categoría de amigo íntimo do rei. 28Ionatán pediulle ó rei que librase de tributos a Xudá e ós tres distritos de Samaría, e prometeulle en troques trescentos talentos de prata. 29O rei pareceulle ben, e escribiulle sobre isto a seguinte carta a Ionatán:
30—"O rei Demetrio saúda ó seu irmán Ionatán e ó pobo xudeu. 31Para que esteades ó corrente, mandámosvos unha copia da carta que acerca de vós lle escribimos ó noso parente Lástenes: 32O rei Demetrio saúda a seu pai Lástenes. 33Polas disposicións que ten para connosco resolvemos favorecer o pobo xudeu, amigo noso e fiel cumpridor das súas obrigacións connosco. 34Confirmámoslle a posesión dos territorios de Xudá e dos distritos de Ofrah, Lida e Ramah, que foron desprendidos de Samaría e agora son anexos de Xudea. A todos os que ofrecen sacrificios en Xerusalén perdoámoslles o importe que o rei recibía deles todos os anos pola froita e os froitos. 35Tamén perdoamos, de hoxe en diante, outros impostos ós que temos dereito, os décimos e os tributos das salinas e das coroas. 36Estas disposicións non se cambiarán nunca.
37Sacade unha copia deste decreto e entregádella a Ionatán, para que sexa colocada nun sitio visible no monte santo".
Revolta de Trifón
38O rei Demetrio pareceulle que o país estaba pacificado baixo o seu mando e que xa ninguén se lle opoñía; entón licenciou todas as tropas, menos as mercenarias estranxeiras, e mandounas para a súa casa. Por isto púxose a mal con todos os soldados que pertenceran ó exército de seus pais. 39Entón Trifón, antigo partidario de Alexandro, vendo que o exército murmuraba contra Demetrio, foi falar co árabe Imalcúe, preceptor de Antíoco, o fillo de Alexandro, 40e pediulle con teimosía que llo entregase para facelo rei como sucesor de seu pai. Púxoo ó corrente de todo canto fixera Demetrio e do odio que lle tiñan os soldados. Trifón pasou alí bastantes días.
41Entrementres Ionatán mandou ó rei Demetrio unha petición no senso de que retirase a gornición da cidadela de Xerusalén e das outras fortalezas, porque lle facían moito mal a Israel. 42Demetrio respondeulle así a Ionatán:
—"Por ti e polo teu pobo non só farei iso, senón que vos hei de cubrir de honores tan axiña como poida. 43Pero agora fai o favor de me mandar algunhas tropas auxiliares, porque todo o meu exército desertou".
44Ionatán mandou para Antioquía tres mil homes escolleitos. Cando se presentaron diante do rei, moito se alegrou pola súa chegada. 45Pero os habitantes da cidade, uns cento vinte mil, amotináronse no centro da cidade e querían matar o rei. 46O rei refuxiouse no seu pazo, mentres a multitude ocupou todas as rúas da cidade e comezou o asalto. 47O rei chamou na súa axuda ós xudeus; de seguida xuntáronse todos arredor del; despois espalláronse pola cidade e mataron naquel día uns cen mil homes. 48Queimaron a cidade e recolleron moitos espolios. Así salvaron ó rei.
49Cando viron os da cidade que os xudeus dominaban a situación como querían, desanimáronse e suplicáronlle ó rei:
50—"Fagamos as paces, e que os xudeus deixen xa de loitar contra nós e contra a nosa cidade".
51Depuxeron as armas e fixeron as paces. Os xudeus colleron moito creto diante do rei e do seu pobo, e volveron para Xerusalén cheos de espolios.
52Demetrio ocupou o trono real, e o país quedoulle sometido. 53Pero non cumpriu o que lle prometera a Ionatán, e arredouse del, pois ademais de non agradecer os servizos que lle prestara, molestábao moito.
54Despois destes sucesos, Trifón volveu con Antíoco, un rapaz moi noviño aínda, que cinguiu a coroa e empezou a reinar. 55Xuntáronselle todas as tropas que Demetrio licenciara, e fixéronlle a guerra e Demetrio tivo que fuxir derrotado. 56Trifón apoderouse dos elefantes e ocupou Antioquía. 57Entón o mozo Antíoco escribiulle a Ionatán o seguinte:
—"Confírmote no cargo de Sumo Sacerdote, póñote ó mando dos catro distritos e declárote amigo do rei".
58E mandoulle unha vaixela completa de ouro, e deulle autorización para beber en copas de ouro, para vestirse de púrpura e para usar fibela de ouro. 59E a seu irmán Simón nomeouno xeneral no territorio comprendido entre a Escada de Tiro e a fronteira de Exipto.
60Ionatán empezou a percorrer todas as cidades da parte de acó do río Éufrates, e engadíronselle todas as tropas sirias. Chegou a Axquelón, e os habitantes da cidade fixéronlle un grande recibimento. 61De alí pasou a Gaza, pero os de Gaza pecháronlle as portas. Entón el cercouna, e queimou e saqueou os seus arredores. 62Os moradores da cidade pedíronlle a paz e concedéullela, pero colleu coma reféns os fillos da xente grande e mandounos a Xerusalén. E el seguiu o seu percorrido polo país ata Damasco. 63Alí informouse de que os xenerais de Demetrio estaban reunidos en Quédex de Galilea cun grande exército para facerlle abandonar o seu proxecto. 64Deixou a seu irmán Simón en Xudá e el saíulles ó encontro. 65Simón foi atacar Betsur, cercouna e combateuna durante moitos días, 66Ata que pediron a paz; el aceptouna, pero fixo evacuar a cidade, apoderouse dela e deixou nela unha gornición.
67Entrementres Ionatán acampou co seu exército ó pé do lago de Xenesaret, e pola mañanciña avanzou cara á chaira de Hasor. 68O exército inimigo saíulle ó encontro na terra cha, pero deixara feita unha emboscada nos montes contra Ionatán. Empezou o combate; 69os homes emboscados saíron dos seus recunchos 70e todos os soldados de Ionatán fuxiron, non quedou ningún, a non ser Matatías, fillo de Abxalom, e Xudas, fillo de Calfeo, capitáns do exército. 71Ionatán colleu e rachou as súas roupas, botou terra pola cabeza e púxose a rezar. 72Despois volveu ó combate contra os inimigos, derrotounos e fíxoos fuxir. 73Cando viron isto os seus soldados que fuxiran volveron para onda el, e entre todos perseguiron ós inimigos ata o seu campamento de Quédex, e alí detivéronse. 74Aquel día caeron uns tres mil inimigos. Ionatán volveu despois para Xerusalén.
Dereitos reservados: SEPT