1 Reis 9
9
Nova aparición de Deus
1Cando Salomón acabou de construír o templo do Señor e o pazo real e rematou os proxectos todos que fixera, 2Aparecéuselle de novo o Señor, como en Gabaón, 3e díxolle: —"Oín a túa oración e a súplica que me fixeches, polo que santifico este templo que ti edificaches, para que nel more para sempre o meu nome. Nel terei sempre postos os meus ollos e o meu corazón. 4En canto a ti, se camiñas na miña presenza, como fixo teu pai David, con recto e sinxelo corazón, facendo o que che mando, gardando as miñas normas e as miñas decisións, 5eu farei firme para sempre o teu trono real sobre Israel, conforme lle prometín a teu pai David. Non che fallará un descendente, que se sente no trono de Israel.
6Pero, se vós ou vosos fillos vos afastades de min, se non gardades os mandatos e os preceptos que eu vos dei, se vos ides servir deuses estraños e vos prostrades diante deles, 7eu botarei a Israel da terra que lle dei, arredarei da miña vista este templo, que santifiquei para honra do meu nome, e Israel será o refrán e o riso para todos os pobos.
8Este templo converterase nun pardiñeiro, e os que pasen diante del pasmaranse e asubiarán, e dirán: —Por que tratou deste xeito o Señor esta terra e este templo? 9E responderanlles: —Porque abandonaron ó Señor, seu Deus, que tirara de Exipto a seus pais, e apegáronse a deuses alleos, prostráronse diante deles e adoráronos. Por iso o Señor botou riba deles todas estas desgrazas".
Terra de Cabul
10Nos vinte anos que empregou Salomón para construír as dúas casas, o templo do Señor e o pazo real, 11Hiram, rei de Tiro, forneceu a Salomón das madeiras de cedro e de ciprés e de todo o ouro que quixo. En compensación, o rei Salomón deulle a Hiram vinte cidades na rexión de Galilea.
12Foi Hiram de Tiro ver as cidades que lle dera Salomón, e non lle gustaron. 13Dixo: —"Que clase de cidades son esas que me deches, irmán?" E chamounas Cabul, nome que levan ata hoxe. 14Hiram mandáralle a Salomón catro mil quilos de ouro.
Recrutamento de traballadores
15Agora falaremos do recrutamento de traballadores que fixo o rei Salomón para construír o templo, o pazo real, o terraplén, os muros de Xerusalén, e mais Hasor,
Meguido e Guézer.
16O faraón, rei de Exipto, subira para apoderarse de Guézer e puxéralle lume; matara os cananeos que habitaban na cidade e déralla en dote á súa filla, muller de Salomón. 17Salomón reconstruíu Guézer, Bet—Horón de Abaixo, 18Balat, Tamar da estepa 19e todas as cidades de aprovisionamento que o rei tiña, mais as cidades de carros e cabalos e canto se lle antollou construír en Xerusalén, no Líbano e en todos os seus dominios.
20Salomón recrutou para traballos forzados, cousa que rexe ata hoxe, toda a xente non israelita que quedara dos amorreos, dos hititas, dos perizitas, dos hivitas e dos iebuseos. 21Os seus descendentes seguiron no país, pois os israelitas non os exterminaran.
22Os israelitas non os empregou coma escravos, senón coma guerreiros, mordomos, xefes e oficiais, comandantes de carros e de cabalería. 23Os capataces que vixiaban as obras de Salomón e que tiñan o mando sobre os traballadores eran cincocentos cincuenta.
24Cando a filla de Salomón subiu da cidade de David ó pazo que Salomón lle construíra, foi cando el fixo edificar o terraplén.
25Salomón ofrecía tres veces ó ano holocaustos e sacrificios pacíficos no altar que lle construíra ó Señor, queimaba nel pos recendentes diante do Señor. El tiña tamén a conservación do templo ó seu coidado.
A flota de Salomón
26O rei Salomón construíu unha flota en Esion Guéber, preto de Elat, na beira do mar Morto, no país de Edom. 27Hiram mandou nesa flota, cos homes de Salomón, algúns mariñeiros servos seus, xente que coñecía ben o mar. 28Chegaron ata Ufir, de onde trouxeron ó rei Salomón quince mil quilos de ouro.
Currently Selected:
1 Reis 9: ABGS
Highlight
Copy
Compare
Share
Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in
Dereitos reservados: SEPT