1 Reis 8
8
Dedicación do templo
1Salomón convocou en Xerusalén a todos os anciáns de Israel, os xefes de tribo e os cabezas de familia dos israelitas, para traer a Arca da Alianza do Señor da cidade de David, que é Sión. 2No mes de Etanim, o sétimo do ano, pola festa das Tendas, reuníronse, pois, con Salomón todos os israelitas.
3Chegados todos os anciáns de Israel, os sacerdotes colleron a Arca e levárona. 4Os sacerdotes e os levitas levaban tamén a Tenda do Encontro, con todos os obxectos sacros que había nela. 5O rei Salomón e toda a asemblea de Israel, congregada arredor del, diante da Arca, ofreceron sacrificios de ovellas e de bois en grande cantidade. 6Despois os sacerdotes puxeron a Arca da Alianza do Señor no seu lugar, no camarín do templo, o santísimo, baixo as ás dos querubíns.
7Os querubíns estendían as súas ás por riba da Arca, e cubrían a Arca e mais os seus varais. 8Os varais eran tan longos, que se lles vían os extremos desde o santuario, diante do camarín, pero non se lles vían desde fóra: aínda están alí hoxe.
9Na Arca non había cousa fóra das dúas táboas de pedra que puxera alí Moisés, no monte Horeb, cando o Señor concluíu cos israelitas a Alianza, logo de saíren de Exipto.
10O tempo que os sacerdotes saían do santuario, a nube enchía o templo do Señor, 11de xeito que non podían os sacerdotes seguir facendo o servizo, por cousa dela: a gloria do Señor enchía o templo.
Proclama de Salomón
12Entón dixo Salomón:
—"O Señor que puxo o sol no ceo,
quixo habitar na escuridade.
13Eu construínche unha casa, onde habites para sempre,
que sexa o lugar da túa morada".
14Despois volveuse o rei cara á asemblea de Israel, toda en pé, e bendiciuna. 15Dixo:
—"Bendito sexa o Señor, Deus de Israel,
que deu cumprimento coa súa man
ó que coa súa boca prometera a meu pai David, cando lle dixo:
16Desde o día en que saquei de Exipto o meu pobo Israel,
non escollín cidade ningunha, no medio das tribos de Israel,
para edificar nela un templo, onde habite o meu nome,
pero escollín a David,
para que fose á fronte do meu pobo Israel.
17Meu pai David tivera no pensamento
construír unha casa en honra do Señor Deus de Israel.
18Entón díxolle o Señor:
Ese pensamento de construír unha casa ó meu nome
está ben que o teñas.
19Pero non serás ti quen me construirá esa casa;
será un fillo saído dos teus lombos
quen edificará esa casa ó meu nome.
20E o Señor cumpriu a promesa que fixera.
Eu sucedín a meu pai David
e estou sentado no trono de Israel,
conforme a promesa do Señor,
e construín esta casa en honra do Señor Deus de Israel.
21Nela fixen un sitio para a Arca da Alianza do Señor,
a alianza que el concluíra cos nosos pais,
despois de sacalos de Exipto".
Pregaria de Salomón
22Salomón, en pé, diante do altar do Señor, de cara para toda a asemblea de Israel, ergueu as mans cara ó ceo 23e dixo:
—"Señor, Deus de Israel,
non hai un deus coma ti,
nin arriba no ceo, nin abaixo na terra.
Ti gardas a alianza e o amor ós teus servos,
que camiñan diante de ti con todo o corazón.
24Ti mantivécheslle ó teu servo David, meu pai,
a promesa que lle fixeches.
O que coa boca lle prometiches,
cúmprelo hoxe coa túa man.
25E agora, Señor, Deus de Israel,
mantenlle ó teu servo David, meu pai,
estoutra promesa que lle fixeches, ó dicirlle:
Non che ha faltar, polo que a min respecta, un descendente, que sente no trono de Israel,
con tal que os teus fillos sigan como é debido os meus camiños, e anden na miña presenza coma ti.
26Agora, pois, Señor, Deus de Israel, cumpre a palabra que lle deches
ó teu servo David, meu pai.
27Será verdade que Deus fará na terra unha morada?
Se nin os ceos todos te poden acoller,
canto menos esta casa que eu che construín.
28Mais ti, Señor, meu Deus, volve a atención á súplica e á pregaria do teu servo, escoitando o clamor e as preces que hoxe che dirixe. 29Ten abertos os ollos noite e día sobre este templo, este lugar en que dixeches que habitaría o teu nome. Escoita a oración que che faga o teu servo, mirando cara este lugar. 30Escoita a súplica do teu servo e do teu pobo Israel, cando recen neste lugar. Escoita desde a túa morada, desde o ceo. Escoita e perdoa.
31Cando un home peque contra outro e se lle pida xuramento, se el vén a este santuario, para xurar diante do teu altar, 32escoita ti desde o ceo e fai xustiza entre os teus servos. Condena ó culpable, dándolle o seu merecido, e declara xusto ó inocente, conforme á súa inocencia.
33Cando o teu pobo Israel sexa vencido polos inimigos, por ter pecado contra ti, se se volve cara a ti, se confesa o seu pecado, se suplica e pide a túa misericordia neste templo, 34escoita ti desde o ceo e perdoa o pecado do teu pobo Israel, e fai que retornen á terra que ti lles deras a seus pais.
35Cando os ceos se pechen e non caia a chuvia, por teren eles pecado contra ti, se eles veñen rezar a este lugar, se na aflición confesan o teu nome e se converten do seu pecado, 36escoita ti desde o ceo e perdoa o pecado do teu pobo Israel. Ensínalles o bo vieiro por onde teñen que camiñar, e manda a chuvia sobre a terra que ti deches en herdo ó teu pobo.
37Cando haxa fame no país, cando haxa peste, pragas, fungos, lagostas, saltóns, ou se o inimigo cerca ó teu pobo nunha das súas cidades, ou en calquera outra calamidade e enfermidade, 38se entón un home ou o pobo enteiro de Israel, recoñecendo o mal da súa conciencia, estende as mans cara a este templo, rezando e suplicando, 39escoita ti desde o ceo, lugar da túa morada, e perdoa. Dálle a cada un segundo o seu merecido, ti que coñecer os corazóns, pois só ti coñeces o interior dos homes todos. 40Con iso temerante todos os días da súa vida na terra que deches ti a nosos pais.
41Tamén o estranxeiro, que non é do teu pobo Israel, pero que veu de terras de lonxe por razón do teu nome, 42—pois haberá moito que falar e oír sobre a grandeza do teu nome, sobre o poder da túa man o sobre a largueza do teu brazo—, cando ese estranxeiro veña rezarche a este templo, 43escoita ti desde o ceo, lugar da túa morada, e fai o que o estranxeiro che pida, para que todos os pobos do mundo coñezan o teu nome, te teman coma o teu pobo Israel, e saiban que o teu nome é invocado neste templo que eu che construín.
44Cando o teu pobo saia á guerra contra os seus inimigos, polo camiño que ti lles sinalares, se rezan ó Señor, cara á cidade que ti escolliches e cara ó templo que eu edifiquei na túa honra, 45escoita ti desde os ceos a súa oración e a súa súplica e axúdaos a acadar os seus dereitos.
46Cando eles pecaren contra ti, pois non hai home que non peque, e ti, anoxado con eles, os deixes caer nas mans dos seus inimigos, e que estes os leven cativos a unha terra apartada ou próxima, 47se na terra da súa catividade reflexionan, se converten e desde alí rezan, dicindo: pecamos, fixemos o mal, temos a culpa; 48se na terra dos inimigos que os levaron cativos se converten a ti, con todo o corazón e con toda a alma, e se che rezan voltos cara á terra que ti deches a seus pais, cara á cidade que ti escolliches e cara ó templo que eu che construín, 49escoita ti desde o ceo, lugar da túa morada, a súa oración e a súa súplica, e axúdaos a acadar os seus dereitos.
50Perdoa ó teu pobo os seus erros e os pecados que teñan cometido contra ti, e fai que teñan dó deles os que os levaron cativos, 51pois eles son o teu pobo e o teu herdo, que ti sacaches de Exipto, do medio dun forno de ferro.
52Ten abertos os ollos cara á súplica do teu servo e a do teu pobo Israel, e escóitaos, cando te chamen. 53Porque ti, Señor, escollíchelos a eles por teu herdo, entre todos os pobos da terra, segundo prometeras polo teu servo Moisés, cando sacaches de Exipto ós nosos pais".
Bendición para a asemblea
54Cando Salomón acabou de rezar esta oración e esta súplica ó Señor, levantouse de diante do altar do Señor, onde estaba axeonllado e, ergueitas as mans cara ó ceo, 55posto de pé, bendiciu á asemblea de Israel, dicindo con forte voz:
56—"Bendito sexa o Señor, que deu acougo ó seu pobo Israel, conforme as súas promesas. Non fallou unha soa palabra de todo o que prometera polo seu servo Moisés.
57Que o Señor, noso Deus, estea connosco, como estivo cos nosos pais, que non nos abandone nin nos deixe. 58Que vire cara a El os nosos corazóns, para que sigamos os seus camiños e gardemos os seus mandamentos, as súas leis e as súas decisións, o que mandou a nosos pais.
59Que as palabras desta súplica que eu acabo de facer ó Señor, estean presentes perante o Señor, noso Deus, de día e de noite, para que El faga xustiza ó seu servo e ó seu pobo Israel, segundo a necesidade de cada día.
60Dese xeito recoñecerán os pobos todos que o Señor é o Deus verdadeiro e que non hai outro fóra del. 61E o voso corazón estará por enteiro co Señor, noso Deus, seguindo os seus preceptos e gardando os seus mandamentos, coma hoxe".
Sacrificios da Dedicación
62O rei e todo Israel ofreceron sacrificios ó Señor. 63Salomón ofreceu, no seu sacrificio de comuñón en honor do Señor, vinte e dous mil bois e cento vinte mil ovellas. Así foi como o rei e todo Israel dedicaron o templo do Señor.
64Aquel mesmo día consagrou o rei o adro interior, que está diante do templo do Señor. Alí ofreceu os holocaustos, as oblacións e a graxa dos sacrificios de comuñón, pois o altar de bronce que estaba ante o Señor era pequeno de máis para que coubesen nel os holocaustos, as oblacións e a graxa dos sacrificios de comuñón.
65Daquela, o rei Salomón e o pobo enteiro de Israel, unha grande multitude que viñera de todo o país, desde o paso de Hamat ata o torrente de Exipto, celebraron sete días de festa diante do Señor. 66No oitavo día Salomón despediu ó pobo, e fóronse todos para as súas casas, bendicindo ó rei, contentos e ditosos, por todos os bens que tiña feito o Señor ó seu servo David e ó seu pobo Israel.
Currently Selected:
1 Reis 8: ABGS
Highlight
Copy
Compare
Share
Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in
Dereitos reservados: SEPT