1 Reis 10
10
A raíña de Saba
1A raíña de Saba oíu falar do renome de Salomón, e foino probar con adiviñas. 2Chegou a Xerusalén cun grande séquito, con camelos cargados de pos recendentes, de moitísimo ouro e de pedras preciosas. Presentouse ó rei Salomón e propúxolle todo aquilo que traía pensado. 3O rei Salomón respondeulle a todo. Por escura que fose, non houbo pregunta ningunha que non tivese do rei a súa resposta.
4Cando a raíña de Saba viu a sabedoría de Salomón, o pazo que construíra, 5os manxares da súa mesa, as habitacións dos seus cortesáns, o porte e as vestiduras dos seus servidores e copeiros, e os holocaustos que ofrecía no templo do Señor, quedou admirada. 6E díxolle ó rei: —"Todo o que na miña terra oíra sobre os teus feitos e a túa sabedoría era verdade. 7Eu non lle daba creto ó que dicían, mais ó vir e velo cos meus ollos, constato que non me contaban a metade. A túa sabedoría e as túas riquezas son maiores de canto me dixeran. 8Ditosa a túa xente, ditosos os teus cortesáns, que están sempre contigo, aprendendo da túa sabedoría. 9Bendito sexa o Señor, teu Deus, que te quixo a ti no trono de Israel. Polo amor eterno que o Señor ten a Israel, constituíute a ti rei, para que o gobernes con xustiza e equidade".
10A raíña entregoulle ó rei catro mil quilos de ouro e gran cantidade de pos recendentes e de pedras preciosas. Endexamais se viran tantas coma as que lle trouxo a raíña de Saba ó rei Salomón.
Abundancia de Salomón
11A flota de Hiram traíalle a Salomón ouro de Ufir. De alí traía tamén en grande cantidade madeira de sándalo e pedras preciosas. 12Coa madeira de sándalo fixo o rei varandas para o templo do Señor e para o pazo real; e para os cantores fixo cítolas e arpas. Madeira de sándalo coma aquela nunca antes viñera, nin volvería verse ata hoxe.
13O rei Salomón regaloulle á raíña de Saba canto a ela se lle antollou, amais do que el lle tiña xa dado con rexia xenerosidade. Despois, a raíña de Saba deu volta e marchou co seu séquito para a súa terra.
14O peso do ouro que cada ano chegaba onda Salomón era de vinte e tres mil trescentos quilos, 15á maiores dos impostos dos mercadores e dos trabucos dos traficantes, dos reis de Arabia e dos gobernadores do país.
16O rei Salomón mandou facer douscentos escudos de ouro batido, de seis quilos e medio de ouro cada un, 17e outros trescentos, de quilo e medio cada un, e fíxoos gardar todos na casa do Bosque de Líbano. 18Tamén mandou o rei que fixeran un trono de marfil e recubriuno de ouro do máis puro. 19O trono levaba seis chanzos, un remate redondo por detrás, e brazos dun lado e doutro do asento, con dous leóns de pé onda os brazos. 20Sobre os seis chanzos había, seis dun lado e seis doutro, doce leóns en pé. Non se tiña visto obra coma ela en ningún reino.
21A vaixela do rei Salomón era toda de ouro. As xoias da casa do Bosque do Líbano eran todas tamén de ouro puro. Non había nada de prata, pois nos días de Salomón non se lle daba aprecio. 22O rei tiña no mar navíos de Tárxix, coa flota de Hiram. Cada tres anos os navíos viñan cargados de ouro, prata, marfil, macacos e pavos reais.
23O rei Salomón avantaxaba ós reis todos da terra en riqueza e sabedoría. 24Todo o mundo quería velo, para aprender da sabedoría que Deus lle concedera. 25Cada un traía o seu regalo, obxectos de prata e de ouro, armas e pos recendentes, cabalos e mulos. Así ano tras ano. 26Reuniu moitos carros e cabalos. Chegou a ter mil catrocentos carros e doce mil cabalos, que puxo de gornición nas cidades de carros e en Xerusalén, cerca do rei. 27O rei fixo abundar Xerusalén en prata tanta coma pedras, e en tantos cedros coma figueiras da Xefelah.
28Os cabalos de Salomón proviñan de Exipto. Os tratantes do rei mercábanos alí ó contado. 29Un carro traído de Exipto custaba seiscentos siclos de prata, e un cabalo cento cincuenta siclos. Iso mesmo custaban os importados polos tratantes do rei do reino hitita ou dos reinos arameos.
Currently Selected:
1 Reis 10: ABGS
Highlight
Copy
Compare
Share
Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in
Dereitos reservados: SEPT