YouVersion Logo
Search Icon

1 Reis 7

7
Construción do pazo real
1En canto ó pazo real, Salomón empregou para construílo trece anos. 2Edificou primeiro o "Bosque do Líbano", unha sala que medía cincuenta metros de lonxitude, vinte e cinco de anchura e quince de alto, sobre catro ringleiras de columnas de cedro, que sostiñan trabes de cedro. 3Por riba das trabes que se apoiaban nas columnas (en todo corenta e cinco, quince por cada fiada), había un teito de cedro. 4Levaba tres ringleiras de fiestras, que se correspondían de tres en tres unhas coas outras. 5Todas as portas e fiestras levaban marcos rectangulares. As fiestras correspondíanse nas tres ringleiras entre elas.
6Salomón construíu un pórtico de columnas, de vinte e cinco metros de lonxitude e quince de anchura, e diante del outro pórtico de columnas, cun cuberto diante.
7Fixo tamén o pórtico do trono, onde administraba xustiza, a aula xudicial, e recubriuna de madeira de cedro, do pavimento ata o teito.
8A súa residencia construíuna no mesmo patio do pórtico, e era da súa mesma feitura. Da mesma feitura era tamén a casa que construíu para a filla do faraón, coa que casara.
9Estaba todo construído con pedras escolleitas, labradas á medida, serradas por dentro e por fóra, desde os cimentos ata a cimeira, desde fóra ata o gran adro. 10Os cimentos era de grandes pezas de pedra escolleita, de cinco por catro metros, 11e por riba tamén de pedras escolleitas, talladas á medida, e de madeira de cedro. 12O gran adro levaba arredor tres ringleiras de trabes de cedro, coma o adro interior do templo e o seu pórtico.
Obxectos de bronce para o templo
13O rei Salomón mandou vir de Tiro a Hiram. 14Este era fillo dunha muller viúva, da tribo de Naftalí, e dun home de Tiro. Traballaba o bronce e estaba dotado de gran coñecemento, pericia e habilidade para facer traballos en bronce. Veu onda o rei Salomón para realizar os seus encargos.
15Fundiu dúas columnas de bronce, de nove metros de alto e de seis metros de circunferencia, medida coa corda. 16Para rematar as columnas fixo dous capiteis de bronce fundido, de dous metros e medio de alto cada un deles. 17Para os capiteis que remataban as columnas fixo trenzados en forma de cadeas, sete para cada capitel.
18Despois fixo dúas ringleiras de granadas, arredor de cada trenzado, para cubrir os capiteis que remataban as dúas columnas. 19Os capiteis que remataban as columnas do pórtico tiñan forma de lirio, e medían dous metros. 20Por riba da moldura, que sobresaía do trenzado, eses capiteis tiñan duascentas granadas en ringleira arredor de cada capitel.
21Hiram asentou as columnas no pórtico do templo. Primeiro asentou a dereita, e púxolle o nome de Firme; despois asentou a esquerda e deulle o nome de Forte. 22Os remates das columnas tiñan forma de lirio. Con iso quedou rematada a obra das columnas.
23Fixo despois Hiram o Mar de Bronce, un depósito redondo, de cinco metros de diámetro, de dous e medio de alto e de quince de circunferencia, medidos coa corda. 24Por debaixo do bordo, por todo o arredor, o depósito tiña botóns gravados, cinco por cada metro. Estaban dispostos en dúas ringleiras, e foran fundidos co Mar, facendo con el unha peza.
25O Mar de Bronce estaba asentado enriba de doce bois. Tres deles miraban para o norte, tres para o occidente, tres para o sur e tres para o nacente; enriba deles ía o depósito. Os cadrís dos bois quedaban todos cara a dentro. 26O Mar de Bronce tiña unha cuarta de grosor; o seu bordo semellaba o dunha copa, coa forma de flor de lirio; a súa capacidade era de oitenta mil litros.
27Hiram fixo tamén dez baseamentos de bronce, cada unha de dous metros de lonxitude, dous de anchura e un e medio de alto. 28Tiñan a seguinte forma: levaban entrepanos encadrados en molduras; 29nos entrepanos entre as molduras había leóns, bois e querubíns; nas molduras, por riba e por baixo dos leóns e dos bois, ían grilandas de flores.
30Cada baseamento levaba catro rodas de bronce, con eixes tamén de bronce. Nos catro pés levaba resaltes fundidos, que sostiñan a pía sobresaíndo das grilandas. 31Os baseamentos por dentro, na parte superior, unha boca de medio metro; era redonda e tiña un remate de setenta e cinco centímetros. Arredor da boca levaba uns gravados, en entrepanos cadrados, non redondos.
32As catro rodas estaban debaixo dos entrepanos e os eixes fixos nos baseamentos. Cada roda medía de diámetro setenta e cinco centímetros. 33A súa forma era coma a da roda dun carro. Os seus eixes, as cinchas, os radios e os cubos eran todos de metal fundido. 34Os catro resaltes sobre os pés do baseamento formaban un corpo con ela.
35O baseamento remataba nunha peza circular de vinte e cinco centímetros de alto; os seus resaltes e entrepanos formaban un corpo con ela. 36Nos entrepanos gravou Hiram querubíns, leóns e palmeiras, segundo o espazo, con grilandas arredor. 37Deste xeito ficaron acabadas os dez baseamentos de metal fundido, todos de mesma feitura, das mesmas dimensións e co mesmo debuxo.
38Fixo despois Hiram dez pías de metal fundido, unha para cada baseamento de cento sesenta litros de capacidade cada unha delas. 39Colocou cinco baseamentos na banda dereita do templo e cinco na banda esquerda. O Mar de Bronce situouno na banda dereita do templo, ó sueste.
40Hiram fixo tamén cinseiros, pás e hisopos. E con iso rematou o que Salomón lle encomendara facer para o templo de Señor. 41Foron dúas columnas, dous capiteis redondos, que remataban as columnas, dúas grilandas para recubrilos, 42catrocentas granadas para as dúas grilandas, dúas ringleiras de granadas en cada unha das grilandas; 43os dez baseamentos e mais as dez pías enriba delas; 44o Mar de Bronce cos doce bois debaixo del; 45os cinseiros, as pás e os hisopos.
Todos os obxectos que o rei Salomón encargara a Hiram eran de bronce fundido. 46O rei fíxoos fundir en moldes de arxila, no val do Xordán, entre Succot e Sartán. 47Salomón fixo poñer cada obxecto no seu sitio. Eran tantos, que non se puido botar a conta do que pesaba o seu bronce.
48Salomón mandou facer aínda outros obxectos para o templo do Señor: o altar de ouro, a mesa de ouro para poñer enriba dela os pans da proposición; 49os candelabros de ouro puro, cinco á dereita e cinco á esquerda, diante do camarín; e, por parte, as flores, as lámpadas e as pinzas de ouro, 50As culleres, os coitelos, as cuncas, as copas e os braseiros de ouro puro; os gonzos de ouro para as portas do camarín ou santísimo, e para as do santuario.
51Cando o que encargara o rei Salomón para o templo do Señor estivo todo acabado, o rei fixo traer as cousas que consagrara seu pai David, prata, ouro e obxectos, e depositou todo no templo do Señor.

Currently Selected:

1 Reis 7: ABGS

Highlight

Copy

Compare

Share

None

Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in