1 Reis 6
6
Construción do templo
1O ano catrocentos oitenta da saída dos israelitas de Exipto, no mes de Ziv, que é o segundo do ano, no mes cuarto do reinado de Salomón en Israel, empezou a construírse o templo do Señor.
2O templo que o rei Salomón construía en honor do Señor, medía trinta metros de lonxitude, dez de anchura e quince de altura. 3O pórtico que había diante da nave do santuario tiña dez metros de lonxitude, no sentido da anchura do santuario, e cinco de fondo, ata a parede do templo. 4No templo fixo fiestras, con marcos e con reixas.
5Pegado ó muro do templo, arredor do santuario e do santísimo, construíu un anexo, con andares arredor. 6O piso baixo medía dous metros e medio de anchura, o do medio medía tres, e o terceiro tres metros e medio de anchura. Arredor do templo, por afora, fixera canzorros, para que as trabes non entrasen nos mesmos muros do templo.
7Na construción do templo empregáronse pedras labradas na canteira, de xeito que, na hora do traballo, non se oían martelos, machetas nin outras ferramentas. 8A entrada do piso baixo estaba á dereita do templo. Por unha esqueira de caracol subíase ó andar do medio, e desde este ó terceiro.
9Cando o templo quedou construído, Salomón recubriuno cun artesoado de madeira de cedro. 10O anexo que construíra arredor do templo tiña dous metros e medio de altura, e estaba ligado por trabes de cedro ó templo mesmo.
11Daquela, Deus faloulle a Salomón:
12—"Por este templo que me estás construíndo,
se camiñas conforme os meus mandatos e cumpres as miñas decisións,
se gardas os meus preceptos e te guías por eles,
eu mantereiche a promesa que fixen a teu pai David.
13Habitarei no medio dos israelitas
e non abandonarei este meu pobo de Israel".
Os complementos do templo
14Cando Salomón acabou de construír o templo, 15revestiu os muros por dentro de táboas de cedro, desde o pavimento ata o teito; revestiu de madeira todo o seu interior e pisouno de táboas de ciprés. 16Revestiu de táboas de cedro os dez metros de fondo, desde o pavimento ó teito, e dedicou esta parte a camarín ou santísimo. 17Os outros vinte metros diante del constituían o santuario. 18O cedro do interior do santuario estaba enfeitado de grilandas de flores abertas. Era todo de cedro, e a pedra non se vía.
19O camarín, no fondo interior do templo, estaba preparado para colocar alí a Arca da Alianza do Señor. 20O camarín tiña dez metros de longo, dez de ancho e dez de alto. Salomón revestiuno de ouro puro. O altar revestiuno de cedro. 21Revestiu tamén de ouro puro o interior do templo; puxo cadeas de ouro diante do camarín e recubriu este de ouro. 22De ouro revestiu o templo todo, desde o cimo ata o fondo; e tamén o altar, diante do camarín.
23Para o camarín fixo Salomón dous querubíns, de madeira de oliveira, de cinco metros de altura. 24A á dun querubín medía dous metros e medio, e dous metros e medio a outra, de xeito que do cabo dunha ó cabo doutra había cinco metros. 25O outro querubín medía igualmente cinco metros. Os dous tiñan o mesmo grandor e a mesma feitura. 26Tanto un coma outro medían cinco metros de altura.
27Salomón puxo os querubíns dentro do camarín, coas ás estendidas, de xeito que unha daba nun muro e a outra no muro oposto. As outras dúas ás tocábanse entre elas, no medio do recinto. 28Os querubíns estaban revestidos de ouro.
29Sobre as paredes do templo, por toda a volta, fixo gravar por dentro e por fóra, baixorrelevos de querubíns, de palmeiras e de grilandas de flores. 30O lousado do templo, tanto na parte interior coma na exterior, recubriuno tamén de ouro. 31Para a entrada do camarín fixo portas de madeira de oliveira, con xambas de cinco arestas. 32Nas dúas follas das portas de oliveira fixo gravar baixorrelevos de querubíns, de palmeiras e de grilandas de flores, e recubriunas de ouro, ben axustado ás entalladuras.
33Para a entrada do santuario fixo xambas de oliveira, con catro arestas 34e con dúas portas de madeira de ciprés, cada unha con dúas follas xiratorias. 35Esculpiu nelas querubíns, palmeiras e grilandas de flores, e recubriunas de ouro, axustado ás entalladuras. 36Construíu a adro interior, con tres ringleiras de pedras talladas e unha de trabes de cedro.
37No mes de Ziv do ano cuarto do seu reinado, puxo Salomón os cimentos do templo do Señor, 38e no mes de Bul, que é o oitavo, do ano once do reinado, quedou rematado en todas as súas partes, conforme o seu proxecto. Construíu todo en sete anos.
Currently Selected:
1 Reis 6: ABGS
Highlight
Copy
Compare
Share
Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in
Dereitos reservados: SEPT