YouVersion Logo
Search Icon

1 Reis 5

5
Poder e sabedoría
1Salomón tiña poder sobre todos os reinos que van desde o río Éufrates ata o país dos filisteos e as fronteiras de Exipto. Pagábanlle tributos e estivéronlle todos sometidos ó longo da súa vida.
2As provisións de Salomón eran para cada día trinta cargas de flor de fariña e setenta de fariña corrente, 3dez bois cebados, vinte becerros e cen ovellas; e, por parte, veados, corzos, parrulos e capóns.
4Salomón tiña poder sobre as terras de máis alá do río Éufrates, desde Tifsah ata Gaza, e sobre todos os reinos desta banda do mesmo río. Estivo en paz con todos os veciños do arredor. 5Nos días de Salomón, Xudá e Israel vivían tranquilos, cada un debaixo da súa parra e da súa figueira, desde Dan ata Beerxeba.
6Salomón tiña cortes para corenta mil cabalos de tiro e doce mil de montura. 7Os gobernadores, un por mes, provían ás necesidades de Salomón e dos que comían á súa mesa, sen que lles faltase cousa ningunha. 8Cada un pola súa vez subministraba tamén orxo e palla para os cabalos de tiro e de montura.
9Deus concedeu a Salomón sabedoría e moito entendemento e unha mente tan aberta coma as praias da beiramar. 10Avantaxaba en sabedoría ós sabios de Oriente e ós de Exipto. 11Era o máis sabio dos homes, máis ca Etán o indíxena e máis ca Hemán, Calcol e Dardá, fillos de Mahol. A súa sona estendíase polas nacións do arredor. 12Formulou tres mil sentenzas e compuxo mil cinco cancións. 13Disertou sobre as árbores, desde o cedro do Líbano ata a herba sagrada que medra nas paredes, acerca dos animais e das aves, dos reptís e dos peixes. 14De todos os pobos viñan xentes, para escoitar o sabio Salomón, de todos os reinos da terra onde chegara a sona de súa sabedoría.
Pacto con Hiram e provisións para o templo
15Cando Hiram, rei de Tiro, tivo a nova de que Salomón fora unxido rei, no posto do pai, mandoulle os seus embaixadores, pois Hiram fora sempre amigo de David.
16Salomón, pola súa parte, mandoulle a Hiram esta embaixada: 17—"Ti sabes que meu pai David non puido edificar un templo ó Señor, seu Deus, por causa das guerras que o envolveron, mentres Deus non puxo os seus inimigos debaixo dos seus pés. 18Agora o Señor meu Deus deume paz polos arredores, e non teño inimigos nin outras calamidades. 19Por iso estou proxectando edificar un templo ó nome do Señor meu Deus, conforme o Señor dixera a meu pai David: o fillo que che darei para que te suceda no teu trono, el será quen edifique un templo ó meu nome. 20Agora, pois, manda que corten para min cedros do Líbano. Os meus servos irán cos teus, e eu pagareilles o xornal que ti me digas. Ti sabes que entre nós non hai quen saiba, coma os fenicios, talar árbores".
21En oíndo Hiram a mensaxe de Salomón, folgouse moito e exclamou: —"Bendito sexa hoxe o Señor, que deu a David un fillo sabio, para gobernar este gran pobo". 22E Hiram mandou dicir a Salomón: —"Acepto a túa petición. Compracereite como desexas, no tocante á madeira de cedro e de ciprés. 23Os meus servos baixarán a madeira desde o Líbano ó mar. De alí levarana logo en balsas ata o lugar que ti sinales. Alí desfaremos as balsas, e ti faraste cargo. Pola túa parte, ti cumprirás a miña arela, se abasteces a miña casa".
24Hiram deulle a Salomón toda a madeira que quixo de cedro e de ciprés. 25E Salomón deulle a Hiram, para sustento da súa casa, vinte mil cargas de trigo e vinte mil medidas de aceite puro de oliveira. Iso era o que Salomón lle daba cada ano a Hiram. 26O Señor concedeu a Salomón sabedoría segundo a promesa. Entre Hiram e Salomón había paz, e fixeron un pacto entre os dous.
27O rei Salomón recrutou traballadores por todo Israel, unha leva de trinta mil homes. 28Mandounos ó Líbano en quendas de dez mil cada mes. Un mes estaban no Líbano e dous nas súas casas. Adoniram era o xefe da leva dos traballadores. 29Por parte, Salomón tiña setenta mil homes dedicados ó carrexo, e oitenta mil canteiros na montaña, 30Ademais dos capataces das obras, que eran tres mil trescentos; estes mandaban na xente que facía os traballos. 31O rei mandou que extraesen pedras grandes, escolleitas, pedras de cantería, para os fundamentos do templo. 32Os obreiros de Salomón, os de Hiram e os guiblitas labraban a madeira e preparaban a pedra para a obra do templo.

Currently Selected:

1 Reis 5: ABGS

Highlight

Copy

Compare

Share

None

Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in