YouVersion Logo
Search Icon

1 Reis 21

21
A viña de Nabot
1Nabot de Iezrael tiña unha viña pegada ó pazo de Acab, rei de Samaría. 2Acab propúxolle a Nabot: —"Cédeme a túa viña, para facer un horto nela, pois está ó lado do meu pazo. Eu dareiche, en troques, unha viña mellor ou, se prefires, pagareicha polo que valla". 3Nabot respondeulle a Acab: —"Deus me libre de cederche o que é herdo de meus pais".
4Acab marchou para casa triste e anoxado, polo que lle dixera Nabot de Iezrael: —"Non che cederei o herdo de meus pais". Botouse na cama, volto cara á parede, e non quixo comer.
5Entrou onda el Iezabel, a súa muller, e preguntoulle: —"Por que estás triste e non queres comer?" 6E el contoulle a proposta que lle fixera a Nabot de Iezrael: —"Cédeme a túa viña por diñeiro ou, se o prefires, dareiche por ela outra mellor"; e como el lle respondera: —"Non che cederei a miña viña".
7A isto díxolle Iezabel, á súa muller: —"Seica non es ti quen manda en Israel? Érguete e come. Sentiraste mellor. Eu conseguireiche a viña de Nabot de Iezrael". 8Escribiu cartas no nome de Acab, selounas co selo real e mandóullelas ós anciáns e nobres da cidade, veciños de Nabot. 9Nesas cartas dicíalles: —"Pregoade un xaxún e poñede a Nabot á cabeza do pobo. 10Sentade dous homes ruíns do outro lado, que testemuñen en contra del: ti maldiciches a Deus e ó rei. Que entón o saquen para fóra e que o acantacen, ata que morra".
11Os homes da cidade, os anciáns e os nobres, veciños de Nabot, fixeron como lles dicía Iezabel, conforme o escrito nas cartas que ela lles mandara. 12Pregoaron un xaxún e sentaron a Nabot á cabeza do pobo. 13Viñeron despois dous homes, sentaron enfronte del e testemuñaron contra Nabot, á vista do pobo todo: —"Nabot maldiciu a Deus e ó rei". Sacárono fóra da cidade, acantazárono e morreu. 14Entón mandáronlle dicir a Iezabel: —"Nabot foi acantazado e morreu".
15Cando viu Iezabel que Nabot fora acantazado e que morrera, foille dicir a Acab: —"Anda, vai tomar posesión da viña de Nabot de Iezrael. Non cha quixo vender, pero Nabot xa non vive, está morto". 16Cando Acab soubo que morrera Nabot de Iezrael, foi de contado á sua viña, para tomar posesión.
17Entón chegou esta palabra do Señor a Elías, o texbita: 18—"Érguete e baixa ó encontro de Acab, rei de Israel en Samaría. Está agora mesmo na viña de Nabot, onde baixou para tomar posesión dela. 19Diraslle: isto di o Señor: Mataches e agora roubas? Dille: isto di o Señor: no mesmo sitio onde os cans lamberon o sangue de Nabot, lamberán tamén o teu".
20Acab díxolle a Elías: —"Descubríchesme, meu inimigo". El respondeulle: —"Descubrinte. Xa que te vendiches, facendo o mal ós ollos do Señor, 21Aquí veño eu para traer desgrazas contra ti. Varrerei a túa liñaxe, exterminareille a Acab en Israel todo varón, o mesmo escravo ca libre. 22Farei coa túa familia coma coa de Ieroboam, fillo de Nabat, e a de Baxá, fillo de Ahías, polo moito que me anoxaches e porque fixeches pecar a Israel. 23Tamén contra Iezabel dixo o Señor: os cans devorarán a Iezabel no agro de Iezrael. 24Os de Acab que morran na cidade, devoraranos os cans, e os que morran no campo, comeranos os paxaros do ceo".
25En verdade, non houbo ninguén que se vendese coma Acab, facendo o mal ós ollos do Señor, provocado por Iezabel, a súa muller. 26Fixo cousas abominables, indo detrás dos ídolos. Asemellouse ós amorreos que o Señor expulsara diante dos israelitas.
27Cando Acab oíu estas palabras, rachou as súas vestiduras vestiuse de saco e xaxuou. 28Entón chegoulle esta palabra do Señor a Elías, texbita: 29—"Viches como se humillou Acab diante de min? Por esta humildade, non traerei a desgraza nos seus días; traereina sobre a súa familia, nos días de seu fillo".

Currently Selected:

1 Reis 21: ABGS

Highlight

Copy

Compare

Share

None

Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in