1 Reis 22
22
O profeta Miqueas
1Pasaron tres anos sen guerra entre Aram e Israel. 2O terceiro ano foi Ioxafat, rei de Xudá, visitar o rei de Israel. 3Este díxolles ós seus ministros: —"Non sabedes que Ramot de Galaad é nosa, e nós estámonos aquí quedos, sen arrincala das mans do rei de Aram?" E preguntoulle a Ioxafat: —"Virías comigo á guerra contra Ramot de Galaad?"
4Ioxafat respondeulle ó rei de Israel: —"Conta comigo coma contigo, co meu exército coma co teu, coa miña cabalería coma coa túa". 5Despois dixo Ioxafat ó rei de Israel: —"Gustaríame que consultases agora a palabra do Señor". 6O rei de Israel reuniu os profetas, arredor de catrocentos, e preguntoulles: —"Debo atacar Ramot de Galaad ou debo desistir?" Respondéronlle eles: —"Vai. O Señor entregaraa nas mans do rei".
7Ioxafat preguntou: —"Non hai aquí aínda un profeta do Señor, ó que poidamos consultar?" 8Respondeulle o rei de Israel: —"Queda aínda un home, polo que se pode consultar o Señor: Miqueas, fillo de Imlah; pero eu aborrézoo, porque nunca me anuncia cousa boa, senón sempre desgrazas". Díxolle Ioxafat: —"Que o rei non fale dese xeito".
9O rei de Israel chamou un servidor e ordenoulle: —"Tráeme axiña a Miqueas, fillo de Imlah". 10O rei de Israel e Ioxafat, rei de Xudá, estaban os dous sentados ás portas de Samaría, vestidos de traxe real, en cadanseu trono, e os profetas todos en arroubo, diante deles. 11Sedecías, fillo de Cananah, fixera cornos de ferro e dicía: —"Isto di o Señor: con estes cornos turrarás nos arameos, ata acabares con eles". 12E os profetas a unha profetizaban: —"Rube a Ramot de Galaad; terás vitoria; o Señor entregaraa nas mans do rei".
13O mensaxeiro que fora en busca de Miqueas, advertiuno: —"Mira que os profetas son todos do mesmo parecer, de agoirárenlle vitoria ó rei. Que a túa palabra concerte coa súa, agoirándolle o ben". 14Pero Miqueas respondeulle: —"Pola vida do Señor! O que me diga o Señor, iso será o que eu direi".
15Presentouse Miqueas onda o rei, e este preguntoulle: —"Miqueas, podemos ir atacar Ramot de Galaad, ou debemos desistir?" El respondeulle: —"Rube, vencerás; o Señor entregaraa nas mans do rei". 16Pero o rei advertiuno: —"Cantas veces terei que facerche xurar que non me dirás senón a verdade no nome do Señor?" 17Entón dixo Miqueas: —"Estou vendo todo Israel espallado polas montañas, coma rabaño que non ten pastor. E o Señor di: estes non teñen pastor. Que cada un se volva en paz para a súa casa".
18O rei de Israel díxolle a Ioxafat: —"Non cho dicía? Non me agoira nunca ventura, senón sempre desgraza".
19Miqueas dixo aínda: —"Agora escoita a palabra do Señor. Vin o Señor sentado no seu trono, e todo o exército do ceo onda el, á súa dereita e á súa esquerda. 20O Señor preguntou: —Quen enganará a Acab, para que ruba e pereza en Ramot de Galaad? E un propuña unha cousa e outro outra. 21Entón adiantouse o espírito, presentouse diante do Señor e dixo: —Eu enganareino. E o Señor preguntoulle: —Como? 22E el respondeu: —Irei e fareime espírito de mentira na boca dos seus profetas. A iso dixo o Señor: Ti poderalo enganar: vai e faino.
23Polo tanto, mira que o Señor puxo un espírito de mentira na boca deses teus profetas, porque o Señor ten decretada a túa desgraza". 24Entón adiantouse Sedecías, fillo de Cananah, e deulle unha labazada a Miqueas, preguntándolle: —"Como é que se foi de onda min o espírito do Señor, para irche falar a ti?" 25Respondeulle Miqueas: —"Xa o verás ti mesmo, o día en que teñas que fuxir dun recanto noutro, querendo esconderte".
26O rei de Israel dispuxo entón: —"Prende a Miqueas e lévallo a Amón, gobernador da cidade, e a Ioax, fillo do rei, 27e dilles de parte do rei: metede a este na cadea e taxádelle pan e auga, ata que eu volva coa vitoria". 28A iso dixo Miqueas: —"Se de verdade ti volves con vitoria, é que Deus non falou pola miña boca".
Morte de Acab
29O rei de Israel e Ioxafat, rei de Xudá, rubiron contra Ramot de Galaad. 30Díxolle o rei de Israel a Ioxafat: —"Voume disfrazar, para entrar no combate. Ti leva a túa roupa". E, coa mesma, entrou no combate disfrazado.
31O rei de Aram déralles ós trinta e dous xefes de carros esta orde: —"Non ataquedes nin a pequeno nin a grande, senón só ó rei de Israel". 32Cando os xefes dos carros viron a Ioxafat, comentaron: —"Aquel é certamente o rei de Israel". 33E botáronse enriba del. Pero Ioxafat pegou un berro, e os xefes dos carros viron que aquel non era o rei de Israel e deixaron de perseguilo. 34Un soldado disparou á toa unha frecha e feriu ó rei de Israel, por entre as xunturas da coiraza. O rei díxolle ó que guiaba o seu carro: —"Dá volta e sácame do campo, porque estou malferido".
35O combate era moi rexo ese día, e o rei mantívose ergueito no seu carro, enfronte dos arameos. Pero á tarde morreu. O sangue da súa ferida corría por dentro do carro. 36No solpor correu polo campamento o clamor: —"Cada un para a súa cidade, cada un para a súa terra! O rei morreu!"
37Despois de que o rei morreu, levárono a Samaría e enterrárono alí. 38Cando lavaban o seu carro no estanque de Samaría, os cans lambían o seu sangue, e as prostitutas lavábanse con ela, conforme a palabra do Señor.
39O resto da historia de Acab, todo o que fixo, o pazo de marfil e as cidades que construíu, non está todo escrito no Libro das Crónicas dos reis de Israel? 40Acab durmiu con seus pais, e sucedeulle no trono o seu fillo Ocozías.
Ioxafat de Xudá
41Ioxafat, fillo de Asá, empezou a reinar en Xudá no ano cuarto de Acab, rei de Israel. 42Tiña trinta e cinco anos cando empezou a reinar, e reinou vinte e cinco anos en Xerusalén. Súa nai chamábase Azubah, filla de Xilhí.
43Seguiu o camiño de Asá, seu pai, sen afastarse nada del, facendo o que é xusto ós ollos do Señor. 44Mais non desapareceron os altares dos outeiros, e a xente seguía sacrificando e queimando incenso neles. 45Ioxafat estivo en paz co rei de Israel.
46O resto da historia de Ioxafat, as súas proezas e as guerras que fixo, non está todo escrito no Libro das Crónicas dos reis de Xudá? 47Ioxafat varreu do país a prostitución consagrada, que quedara do tempo de Asá, seu pai. 48Daquela non había rei en Edom, e un gobernador facía de rei.
49Ioxafat construíuse unha flota de navíos de Tárxix, para ir por ouro a Ufir. Pero non chegou a saír, porque a flota afundiuse en Esion—Guéber. 50Entón Ocozías, fillo de Acab, propúxolle a Ioxafat: —"Que vaian os meus homes nos navíos cos teus"". Pero Ioxafat non accedeu.
51Ioxafat durmiu con seus pais, e enterrárono na cidade de seu pai David. Sucedeulle no trono o seu fillo Ioram.
Ocozías de Israel
52Ocozías, fillo de Acab, empezou a reinar sobre Israel, en Samaría, no ano dezasete do reinado de Ioxafat sobre Xudá. Reinou dous anos sobre Israel.
53Ocozías fixo o mal ós ollos do Señor, seguindo o camiño de seu pai, de súa nai e de Ieroboam, fillo de Nabat, que fixera pecar a Israel. 54Deulle culto a Baal e adorouno, provocando con iso o noxo do Señor, Deus de Israel, como fixera tamén seu pai.
Currently Selected:
1 Reis 22: ABGS
Highlight
Copy
Compare
Share
Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in
Dereitos reservados: SEPT