1 Reis 15
15
Abías de Xudá
1Abías empezou a reinar en Xudá o ano dezaoito do reinado de Ieroboam, fillo de Nabat. 2Reinou tres anos en Xerusalén. Súa nai chamábase Macah, filla de Abxalom.
3Cometeu os mesmos pecados que cometera xa seu pai. O seu corazón non estivo enteiro co Señor, coma o de David, seu pai. 4Pero, por amor a David, concedeulle o Señor, seu Deus, unha lámpada en Xerusalén aínda en pé. 5En verdade, David fixera o que é xusto ós ollos do Señor e non se afastara dos seus mandamentos en toda a súa vida, fóra do caso de Urías o hitita. 6Abías e Ieroboam estiveron en guerra todo o tempo.
7O resto da historia de Abías, todo o que fixo, non está escrito no Libro das Crónicas dos reis de Xudá? Tamén sobre as guerras que houbo entre Abías e Ieroboam. 8Abías durmiu con seus pais, e enterrárono na cidade de David. Sucedeulle no trono seu fillo Asá.
Asá de Xudá
9Asá empezou a reinar en Xudá no ano vinte do reinado de Ieroboam en Israel. 10Reinou corenta anos en Xerusalén. Súa avoa chamábase Macah, filla de Abxalom.
11Asá fixo o que é xusto ós ollos do Señor, coma David, seu pai. 12Botou fóra do país a prostitución consagrada e desbotou todos os ídolos que fixeran seus pais. 13Tamén retirou o título de raíña—nai á súa avoa Macah porque fixera unha imaxe de Axtarté. Asá derrubou a imaxe e queimouna no torrente Cedrón.
14Mesmo se non fixo desaparecer os altares dos outeiros, o corazón de Asá estivo enteiro co Señor, toda a súa vida. 15Levou ó templo do Señor as ofrendas sagradas de seu pai e as súas propias, prata, ouro e xoias.
16Asá e Baxá, rei de Israel, estiveron en guerra todo o tempo. 17Baxá, rei de Israel, marchou contra Xudá e fortificou Ramah, para cortarlle o paso a Asá, rei de Xudá.
18Daquela, Asá botou man da prata e do ouro que quedaban nos tesouros do templo do Señor e do pazo real, entregóullelos ós seus servidores e mandou que llos levasen a Benhadad, fillo de Tabrimón, de Hezión, rei de Aram, que residía en Damasco, con esta mensaxe: 19—"Fagamos un pacto entre nós, coma o que houbo entre os nosos pais. Aí che mando ese regalo de prata e de ouro. Creba o pacto que tes con Baxá, rei de Israel, e que se afaste do meu territorio".
20Benhadad mostrouse de acordo coa petición do rei Asá, e mandou os seus xenerais contra algunhas cidades de Israel. Apoderouse de Iión, Dan, Abel—Bet—Macah, a rexión de Kinéret e o territorio de Naftalí.
21Cando Baxá soubo isto, deixou de reconstruír Ramah e volveuse para Tirsah. 22Entón o rei Asá convocou a todo Xudá, e levaron de Ramah as pedras e as madeiras, coas que Baxá a fortificaba. O rei Asá fortificou con elas Gueba de Benxamín e Mispah.
23O resto da historia de Asá, as súas proezas, os seus feitos e as cidades que fortificou, non está todo escrito no Libro das Crónicas dos reis de Xudá? De vello adoeceu dos pés. 24Asá durmiu con seus pais, e enterrárono na cidade de David. Sucedeulle no trono o seu fillo Ioxafat.
Nadab de Israel
25Nadab, fillo de Ieroboam, empezou a reinar en Israel no ano segundo do reinado de Asá en Xudá. Reinou dous anos en Israel. 26Fixo o mal ós ollos do Señor. Foi polo mesmo camiño ca seu pai e cometeu o pecado que aquel fixera cometer a Israel.
27Baxá, fillo de Ahías, da tribo de Isacar, conspirou contra el e matouno en Guibetón, territorio dos filisteos, cando Nadab e todo Israel estaban cercando a cidade. 28Baxá matouno no ano terceiro do reinado de Asá en Xudá, e sucedeulle no trono.
29O primeiro que fixo Baxá como rei foi matar a familia de Ieroboam, sen deixarlle con vida unha soa persoa. Exterminouna toda, conforme a palabra que dixera no nome do Señor o seu servo Ahías de Xiloh, 30por culpa dos pecados que cometera Ieroboam e dos que fixera cometer a Israel, provocando o noxo do Señor, Deus de Israel.
31O resto da historia de Nadab e todo o que fixo non está escrito no Libro das Crónicas dos reis de Israel?
Baxá de Israel
32Asá e Baxá, rei de Israel, estiveron en guerra todo o tempo. 33No ano terceiro de Asá, rei de Xudá, empezou a reinar Baxá, fillo de Ahías, sobre todo Israel. Reinou vinte e catro anos. 34Fixo o mal ós ollos do Señor. Foi polo mesmo camiño ca Ieroboam e cometeu o pecado que el fixera cometer a Israel.
Currently Selected:
1 Reis 15: ABGS
Highlight
Copy
Compare
Share
Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in
Dereitos reservados: SEPT