1 Reis 14
14
O profeta Ahías predí a ruína de Ieroboam
1Por aquel tempo adoeceu Abías, fillo de Ieroboam, 2e este díxolle á súa muller: —"Vai e múdate de roupa, que non se saiba que es a muller de Ieroboam, e chégate a Xiloh, onde vive o profeta Ahías, o que me dixo que sería rei deste pobo. 3Leva contigo dez pans, unhas bicas e un tarro de mel, e preséntate a el, para que che diga o que acontecerá con este neno".
4A muller de Ieroboam fixo como el lle dixera. Colleu e marchou a Xiloh e presentouse na casa de Ahías. Ahías xa non podía ver, pois a vellez escurecéralle a vista. 5Pero o Señor dixéralle: —"Velaquí a muller de Ieroboam que vai vir pedirche unha palabra sobre o seu neno doente. Diraslle isto e isto".
6Chegou ela, finxindo que era outra. Pero, cando Ahías sentiu o bruído das pisadas, ó entrar ela na porta, díxolle: —"Entra, muller de Ieroboam. Por que finxes ser outra? Teño para ti unha amarga nova. 7Vai e dille a Ieroboam: isto di o Señor, Deus de Israel: eu erguinte do medio deste pobo e fíxente xefe do meu pobo Israel. 8Crebei o reino da casa de David para darcho a ti. Xa que non te portaches como o meu servo David, que obedeceu os meus mandatos e me seguiu de todo corazón, facendo sempre o que é xusto ós meus ollos, 9senón que fuches peor ca todos os teus antecesores, facendo para ti deuses estraños e ídolos fundidos, cos que me anoxaches, e volvéndome a min as costas, 10Aquí estou eu agora para traer a desgraza á casa de Ieroboam. Exterminareille a Ieroboam os homes todos, escravos ou libres en Israel; varrerei a casa de Ieroboam coma quen varre esterco, ata que non quede nada dela. 11Os da casa de Ieroboam que morran na cidade, comeranos os cans, e ós que morran no campo comeranos os paxaros do ceo. É o Señor quen o di.
12E ti vaite agora para a túa casa. Cando poñas os pés na cidade, o neno morrerá. 13Israel chorará por el e asistirá todo ó seu enterro. Pero el será o único da familia de Ieroboam que terá sepultura, pois de toda a familia só nel se atopa algo bo ós ollos do Señor.
14O Señor escollerá para si un rei en Israel, que exterminará a familia de Ieroboam. 15O Señor vaille dar un pau a Israel que o deixará coma a cana abaneada pola auga. Arrincarao desta boa terra que dera a seus pais e espallaraos por máis alá do Río, por facérense ídolos, anoxando con eles ó Señor. 16Abandonará a Israel, por culpa dos pecados de Ieroboam e dos que el fixo cometer a Israel".
17A muller de Ieroboam marchou entón e colleu o camiño que leva cara a Tirsah. Cando puña o pé no limiar da súa casa, morría o seu neno. 18Todo Israel chorou por el e asistiu ó seu enterro, conforme dixera o Señor polo seu servo o profeta Ahías.
19O resto da historia de Ieroboam, as súas guerras, o seu reinado, está todo escrito no Libro das Crónicas dos reis de Israel. 20Ieroboam reinou vinte e dous anos. Despois durmiu con seus pais. Sucedeulle no trono o seu fillo Nadab.
Roboam de Xudá
21Roboam, fillo de Salomón, reinou sobre Xudá. Tiña corenta e un anos cando empezou a reinar, e reinou dezasete anos en Xerusalén, a cidade que Deus escollera entre todas as tribos de Israel para poñer nela o seu nome. Súa nai chamábase Namah e era amonita.
22Xudá fixo o mal ós ollos do Señor. Cos pecados que cometeron provocaron os seus celos, aínda máis cós seus pais. 23Tamén eles construíron altares nos outeiros, estelas e ídolos nos cotarelos e debaixo das árbores verdeantes. 24Houbo mesmo prostitución consagrada no país. Arremedaron as abominacións todas dos pobos que o Señor desbotara de diante dos israelitas.
25No ano quinto do reinado de Roboam rubiu Xexac, rei de Exipto, contra Xerusalén. 26Botou man dos tesouros do templo do Señor e do pazo real e levou todo. Tamén levou os escudos de ouro que fixera Salomón. 27Para substituílos, o rei Roboam mandou facer escudos de bronce e entregóullelos ós xefes da garda, que coidaban da entrada do pazo. 28Sempre que o rei ía ó templo do Señor, os da garda levábanos, e despois volvíanos ó corpo de garda outra vez.
29O resto da historia de Roboam, todo o que fixo, non está escrito no Libro das Crónicas dos reis de Xudá? 30Roboam e Xeroboam estiveron en guerra todo o tempo. 31Roboam durmiu con seus pais, e enterrárono na cidade de David. Súa nai chamábase Namah e era amonita. Sucedeulle no trono o seu fillo Abías.
Currently Selected:
1 Reis 14: ABGS
Highlight
Copy
Compare
Share
Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in
Dereitos reservados: SEPT