YouVersion Logo
Search Icon

1 Reis 13

13
Un profeta de Xudá
1Cando estaba Ieroboam ó pé do altar para ofrecer incenso nel, chegou a Betel un home de Deus con palabra do Señor. Por mandato do Señor berrou contra o altar esta palabra: 2—"Altar, altar! Isto di o Señor: da familia de David nacerá un fillo, que se chamará Ioxías, que sacrificará enriba de ti os sacerdotes dos outeiros, que queiman incenso sobre ti; enriba de ti queimará ósos humanos". 3E deu entón este sinal: "Este é o sinal de que quen fala é o Señor: o altar fenderase e ciscarase a cinsa que hai enriba del".
4Cando o rei Ieroboam oíu a palabra que proclamaba o home de Deus contra o altar de Betel, tendeu a súa man cara ó altar e ordenou: —"Prendédeo!" Mais a man que tendera contra o home quedou ríxida e non podía volvela ó seu sitio. 5O altar fendeuse e a cinsa que había enriba del ciscouse toda. Era o sinal que dera o home de Deus da parte do Señor.
6O rei pediulle ó home de Deus: —"Aplaca ó Señor, teu Deus, e rézalle por min, para que sande a miña man". O home de Deus aplacou ó Señor, e a man do rei volveu a ter movemento e quedou coma antes.
7O rei díxolle entón ó home de Deus: —"Ven comigo á miña casa comer algo. Quero tamén facerche un regalo". 8O home de Deus respondeulle: —"Non iría contigo nin que me deses a metade da túa casa. Neste lugar non quero comer nin beber nada, 9pois o Señor mandoume que non comese nin bebese aquí cousa ningunha, nin volvese polo camiño por onde vin". 10E foise por outro camiño, non por onde chegara antes a Betel.
O home de Deus e o vello profeta
11En Betel vivía daquela un profeta moi vello. Seus fillos viñéranlle contando o que ese día fixera en Betel o home de Deus e o que lle dixera ó rei. 12O pai preguntoulles: —"Que camiño colleu?" E os fillos mostráronlle o camiño que collera o home de Deus chegado de Xudá.
13Entón o profeta díxolles ós fillos: —"Aparelládeme o burro". Eles aparelláronllo, e o profeta montou nel, 14para irse tralo home de Deus. Encontrouno sentado debaixo dunha aciñeira e preguntoulle: —"Es ti o home de Deus, que chegou de Xudá?" —"Son", respondeu el. 15O outro dixo: —"Ven comigo á miña casa, comer un anaco de pan". 16Respondeulle o home de Deus: —"Non podo volver nin ir á túa casa, nin podo comer nin beber neste lugar cousa ningunha. 17Porque o Señor que me falou, ordenoume que non comese nin bebese aquí nada e que non volvese por onde vin". 18O outro entón díxolle, enganándoo: —"Eu son tamén profeta, coma ti, e o anxo díxome no nome do Señor: faino ir contigo á túa casa, para que coma e beba algo". 19O home de Deus foise con el, e comeu e bebeu na súa casa.
20Estando os dous sentados á mesa, veulle palabra do Señor ó profeta que o fixera volver, 21e este berroulle ó home de Deus chegado de Xudá: —"Isto di o Señor: xa que desobedeciches a orde do Señor e non fixeches o que o Señor, teu Deus, che ordenara, 22senón que comiches e bebiches no lugar onde Deus che vedara que o fixeras, o teu cadáver non será enterrado na sepultura de teus pais".
23Despois que lle deu de comer e de beber, o vello profeta aparelloulle o burro, e o home de Deus foise. 24Polo camiño saíulle un león que o matou. O seu cadáver quedou tirado no camiño, e onda el quedou o burro e o león. 25Pasaron algúns camiñantes e viron o cadáver no medio do camiño e o león quedo onda el, e o foron contar na cidade onde vivía o vello profeta. 26Cando o soubo, o profeta que o fixera volver do seu camiño, comentou: —"É o home de Deus, que se rebelou contra a palabra do Señor. O Señor entregouno ó león, que o esnaquizou e o matou, como lle dixera o Señor".
27Entón mandou o profeta a seus fillos: —"Aparelládeme o burro". E eles aparelláronllo. 28El foi e encontrou o cadáver tirado no camiño e a pé del o burro e mais o león. O león non devorara o cadáver nin matara o burro.
29O profeta levantou o cadáver do home de Deus, cargouno no burro e levouno. Chegados á cidade do vello profeta, fixeron dó por el e enterrárono. 30O profeta puxo o cadáver no seu propio sepulcro e choraba por el dicindo: —"Ai, meu irmán!" 31Despois do enterro pediulles a seus fillos: —"Cando eu morra, enterrádeme no mesmo sepulcro, onda o home de Deus. Poñede os meus ósos onda os seus, 32porque a palabra que dixo coma palabra do Señor contra o altar de Betel e contra os altares dos outeiros das montañas de Samaría, de certo se cumprirá".
33Despois de todo isto, Ieroboam non se converteu da súa torta conduta, senón que seguiu facendo sacerdotes para os altares dos outeiros de entre a xente do pobo. A quen quería selo, el consagrábao sacerdote para as ermidas dos outeiros. 34Nisto consistía o pecado da casa de Ieroboam, e por iso foi destruída, varrida da face da terra.

Currently Selected:

1 Reis 13: ABGS

Highlight

Copy

Compare

Share

None

Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in