YouVersion Logo
Search Icon

1 Reis 12

12
Asemblea de Xequem
1Roboam foi a Xequem, pois reuníase alí todo Israel para proclamalo rei. 2Sóuboo Ieroboam, cando estaba aínda en Exipto, a onde fora fuxindo do rei Salomón, 3e en canto o mandaron chamar, viñera axiña.
4Ieroboam e a asemblea toda de Israel presentáronse a Roboam e faláronlle deste xeito: —"Teu pai botou riba de nós un xugo duro de máis. Alixeira agora ti esta rexa servidume que teu pai botou riba de nós, e este xugo tan duro que el nos impuxo, e entón nós servirémoste". 5El respondeulles: —"Agora ídevos, e volvede onda min ó cabo de tres días". E o pobo retirouse.
6O rei Roboam consultou entón cos anciáns, que estiveran ó servizo do seu pai Salomón, cando el vivía: —"Que me aconsellades que lle responda a esta xente?" 7Eles dixéronlle: —"Se hoxe te abaixas con esta xente e te pos ó seu servizo, se te avés con eles e lles dás boas palabras, servirante por toda a vida".
8Pero el desbotou o consello que lle daban os anciáns, e aconsellouse con xente nova, que medraran con el e que estaban agora ó seu servizo. 9El preguntoulles: —"Que me aconsellades que responda a esta xente, que veñen pedindo que lles afrouxe o xugo que botou riba deles meu pai?"
10Os mozos compañeiros respondéronlle: —"O pobo que che di que teu pai lles impuxo un xugo moi duro e que ti llelo alixeires, débeslle dicir isto: o meu dedo maimiño é máis groso có lombo de meu pai. 11Se meu pai vos impuxo un xugo rexo, eu engadirei dureza a ese xugo. Se meu pai vos zorregou a lombeiradas, eu fareino coa tralla".
12O terceiro día, conforme o rei lles dixera, presentouse Ieroboam co pobo todo diante de Roboam. 13O rei faloulles duramente, desatendendo o consello que lle deran os anciáns. 14Seguindo o consello dos mozos, faloulles nestes termos: —"Se meu pai vos impuxo un xugo rexo, eu engadirei dureza a ese xugo. Se meu pai vos zorregou a lombeiradas, eu fareino coa tralla".
15O rei non fixo caso dos desexos do pobo, e esa foi a ocasión buscada polo Señor, para que se confirmase a palabra que o Señor tiña dito a Ieroboam, fillo de Nabat, por Ahías de Xiloh. 16Cando todo Israel se convenceu de que o rei non os atendía, faláronlle deste xeito:
—"Que parte temos nós con David?
Non temos herdo ningún co fillo de Ixaí.
As túas tendas, Israel!
E ti, David, goberna agora a túa casa".
E os israelitas fóronse todos para as súas casas. 17Pero Roboam seguiu reinando sobre os israelitas que vivían nas cidades de Xudá.
18O rei Roboam mandou entón a Adoniram, xefe do recrutamento dos traballadores. Mais os israelitas botáronselle enriba, acantazárono e matárono. O velo, o rei Roboam montou no seu carro a toda présa e fuxiu cara a Xerusalén. 19Foi dese xeito como Israel se separou da casa de David, ata o día de hoxe.
División do reino
20Cando se soubo en Israel que volvera Ieroboam, chamárono á súa asemblea e proclamárono rei de todo Israel. A casa de David non lle quedou tribo ningunha, fóra da tribo de Xudá.
21Chegado a Xerusalén, Roboam reuniu a casa toda de Xudá e a tribo de Benxamín, cento oitenta mil homes, guerreiros escolleitos, para facer a guerra á casa de Israel e restituír o reino de Roboam, fillo de Salomón. 22Pero nisto veu esta palabra do Señor a Semaías, home de Deus: 23—"Dille isto a Roboam, fillo de Salomón, rei de Xudá, á casa toda de Xudá e de Benxamín e ó resto do pobo. 24Isto di o Señor: non vaiades facer a guerra ós vosos irmáns os israelitas. Que cada un volva para a súa casa, pois isto que pasa é cousa miña". Eles obedeceron a palabra do Señor e, de acordo con ela, foi cada un para a súa casa.
25Ieroboam fortificou Xequem, na montaña de Efraím, e quedou a vivir alí. Despois saíu de Xequem e fortificou Penuel. 26Ieroboam pensou nos seus adentros: o reino pode aínda volver á casa de David. 27Se esta xente segue subindo a Xerusalén, para ofrecer sacrificios na casa do Señor, o seu corazón tornarase para o seu señor Roboam, rei de Xudá. Someteranse ó rei de Xudá e a min mataranme.
28Despois de aconsellarse, o rei mandou construír dous becerros de ouro, e díxolle ó pobo:
—"Acabouse rubir a Xerusalén!
Aquí está o teu Deus, Israel,
o que te sacou de Exipto".
29E puxo un becerro en Betel e o outro en Dan.
30Isto foi causa de pecado, pois a xente ía, uns a Dan e outros a Betel. 31Ieroboam construíu tamén ermidas nos outeiros e puxo por sacerdotes xentes do pobo, que non pertencían á tribo de Leví. 32Por parte, instituíu unha festa no día quince do mes oitavo, como a festa que se facía en Xudá, e el mesmo rubiu ó altar que fixera en Betel, para ofrecer sacrificios ós becerros, mandados facer por el. En Betel puxo tamén sacerdotes nas ermidas que el construíra nos outeiros. 33Rubiu ó altar feito por el en Betel, o día quince do mes oitavo, o mes escollido ó seu gusto. Instituíu para os israelitas esa festa e rubiu ó altar para ofrecer incenso nel.

Currently Selected:

1 Reis 12: ABGS

Highlight

Copy

Compare

Share

None

Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in