YouVersion Logo
Search Icon

1 Reis 11

11
Idolatría e xuízo relixioso
1O rei Salomón, á parte da filla do faraón, amou a moitas mulleres estranxeiras, moabitas, amonitas, edomitas, sidonias e hititas, 2de nacións das que dixera o Señor ós israelitas: —"Non vos xuntedes con elas, nin elas convosco, pois virarían o voso corazón cara ós seus deuses". Salomón namorouse delas. 3Tivo setecentas princesas como esposas e trescentas como concubinas. As mulleres torcéronlle o sentido.
4Cando Salomón ía xa vello, as súas mulleres levaron o seu corazón tras deuses alleos; non o tiña por enteiro co Señor, seu Deus, coma seu pai David. 5Salomón deu culto a Axtarté, deusa dos sidonios, a Malcom, ídolo dos amonitas. 6Fixo o mal ós ollos do Señor e non lle gardou fidelidade, coma seu pai David.
7Daquela construíu Salomón, no monte que está enfronte de Xerusalén, un altar a Kemox, ídolo dos moabitas, e a Moloc, ídolo dos amonitas. 8O mesmo fixo para as outras mulleres estranxeiras, que queimaban incenso e ofrecían sacrificios ós seus deuses.
9Anoxouse o Señor con Salomón, porque afastara o seu corazón do Señor, Deus de Israel, que se lle aparecera dúas veces, 10e que sobre o particular lle prescribira non seguir deuses alleos. Salomón non cumpriu o que lle mandara o Señor.
11Entón díxolle o Señor: —"Xa que te comportaches deste xeito e non gardaches a miña alianza e os preceptos que eu che dei, arrincareiche o reino da man e dareillo a un servo teu. 12Non o farei mentres ti vivas, por amor a David, teu pai; arrincareillo ó teu fillo da súa man. 13Non lle arrincarei o reino todo. Deixareille ó teu fillo unha tribo, por amor de David, teu pai, e por amor de Xerusalén que eu escollín".
Derrubamento do reino
14O Señor suscitoulle un inimigo a Salomón: o edomita Hadad, da liñaxe real de Edom.
15Sucedeu que, cando David venceu a Edom, e foi alí o xeneral Ioab enterrar os mortos, este matou os homes todos de Edom. 16Ioab quedárase alí por seis meses co exército israelita ata que rematou o exterminio dos varóns de Edom. 17Pero Hadad puido fuxir cuns poucos homes de entre os servidores de seu pai e pasou a Exipto. Daquela Hadad era un rapaz.
18Saíron de Madián e chegaron a Parán. Alí colleron consigo algúns homes, pasaron a Exipto e presentáronse ó faraón, rei de Exipto, que os forneceu de casa, de alimentos e de terras. 19Hadad caeulle en graza ó faraón, que lle deu por muller a súa cuñada, irmá da raíña Tafnes. 20A irmá de Tafnes pariulle a Hadad un fillo, Guenubat, que a mesma Tafnes criou no pazo do faraón. Por iso Guenubat medrou no pazo cos fillos do faraón.
21Cando, en Exipto, Hadad oíu dicir que David se reunira con seus pais e que morrera tamén Ioab, o xefe do exército, díxolle ó faraón: —"Déixame ir á miña terra". 22O faraón respondeulle: —"Que botas de menos onda min, para que queiras ir á túa terra?" El dixo: —"Nada. Pero déixame que vaia".
23Deus suscitou aínda outro inimigo a Salomón: Rezón, fillo de Eliadá, que fuxira do seu señor Hadadézer, rei de Sobah. 24Rodeouse duns poucos homes e fíxose xefe de banda. David loitaba daquela con Edom. Eles entraron en Damasco e aclaramon rei a Rezón. 25Foi un inimigo de Israel, toda a vida de Salomón. En canto a Hadad, fíxolle todo o mal que puido a Israel e atormentouno, desde o seu reino de Edom.
Revolta de Ieroboam
26Tamén se revoltou contra Salomón Ieroboam, fillo de Nabat, un servo do rei, un efrateo de Seredah. Súa nai chamábase Seruah e era viúva. 27A ocasión da súa revolta contra o rei foi cando Salomón construía o terraplén e pechaba as fendas da cidade de David, seu pai. 28Ieroboam amosouse home valente. E vendo Salomón que o mozo facía ben o seu traballo, nomeouno capataz dos traballadores da casa de Ioel.
29Un día que saía Ieroboam de Xerusalén, encontrouse no camiño co profeta Ahías de Xiloh. Este levaba unha capa nova, e estaban sós os dous no descampado. 30Ahías botou man da capa nova que levaba e partiuna en doce cachos. 31E mandoulle a Ieroboam: —"Colle dez cachos para ti, pois isto di o Señor, Deus de Israel:
Vou arrincar o reino da man de Salomón, e vouche dar dez tribos a ti. 32Unha tribo será para el, por amor ó meu servo David e por amor a Xerusalén, a cidade que eu escollín entre todas as tribos de Israel.
33Iso é porque me abandonaron a min e adoraron a Axtarté, deusa dos sidonios, a Kemox, deus de Moab, e a Malcom, deus dos amonitas, e non seguiron os meus camiños, facendo o que é xusto ós meus ollos, gardando coma seu pai David os meus mandatos e as miñas decisións.
34Non lle quitarei o reino todo, senón que lle manterei o principado por todos os días da súa vida, por amor ó meu servo David, a quen escollín, e que gardou a miña lei e os meus preceptos.
35Mais arrincarei o reino das mans de seu fillo e dareiche dez tribos a ti. 36A seu fillo dareille unha tribo, para que o meu servo David teña sempre unha lámpada acesa diante de min en Xerusalén, a cidade que eu escollín, para que habite nela o meu nome.
37A ti escóllote para que reines, conforme os teus desexos. Serás rei de Israel. 38Se me obedeces en todo o que che mande, se vas polos meus camiños e fas o que é xusto ós meus ollos, se gardas as miñas leis e os meus mandatos, como fixo o meu servo David, eu estarei contigo, edificareiche unha casa segura, como lla edifiquei a David, e entregareiche Israel. 39Con isto humillarei ós descendentes de David; mais non será para sempre".
Morte de Salomón
40Salomón tentou de matar a Ieroboam; mais este fuxiu para Exipto, ó lado do rei Xexac, e ficou por alá ata a morte de Salomón. 41O resto da historia de Salomón, os seus feitos e a súa sabedoría, están todos escritos no Libro dos Feitos de Salomón. 42Salomón reinou en Xerusalén, sobre todo Israel, corenta anos. 43Despois durmiu con seus pais, e enterrárono na cidade de David, seu pai. Sucedeulle no trono o seu fillo Roboam.

Currently Selected:

1 Reis 11: ABGS

Highlight

Copy

Compare

Share

None

Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in