1 Corintios 9
9
O exemplo de Paulo
1Non son eu libre? Non son apóstolo? Logo non vin a Xesús, o noso Señor? Non sodes vós a miña obra no Señor? 2Se para outros non son eu apóstolo, para vós si que o son; pois vós sodes, no Señor, o selo do meu apostolado.
3Esta é a miña defensa contra os que me demandan: 4Acaso non temos dereito a comer e beber? 5Non temos dereito a levar connosco unha muller irmá, o mesmo cós demais apóstolos e os irmáns do Señor e Pedro? 6Ou é que soamente eu e mais Bernabé carecemos do dereito de non traballar? 7Quen foi algún día á guerra gastando do seu? Quen planta unha viña e non come o seu froito? Quen coida un rabaño e non se alimenta do seu leite?
8Ou estou falando con criterios humanos? Non di tamén a Lei iso mesmo? 9Pois é precisamente na Lei de Moisés onde está escrito: Non lle poñas o bozo ó boi que malla. Impórtanlle acaso os bois a Deus? 10Ou non está ben claro que o di por nós? Sen dúbida está escrito por nós, pois quen labra precisa labrar con esperanza e tamén o que malla: coa esperanza de levar a súa parte. 11Se nós sementamos en vós os bens espirituais, é moito que fagamos colleita nos vosos bens materiais? 12Se outros teñen tal dereito sobre vós, non temos nós máis? Pero nós nunca nos aproveitamos dese dereito. O contrario, aturamos todo para non lle poñer ningún tropezo ó Evanxeo de Cristo.
13Non sabedes que os que celebran o culto viven do templo, e que os que serven no altar teñen parte nel? 14Do mesmo xeito, o Señor prescribiulles ós que anuncian o Evanxeo que vivan do Evanxeo. 15Pero eu non me aproveitei de nada diso. Nin escribo estas cousas para aproveitarme agora: mellor morrer que... Non, a miña gloria ninguén ma tirará.
16Porque o mero feito de predicar o Evanxeo non é para min gloria ningunha: é unha necesidade que teño enriba de min. Pobre de min se non predico o Evanxeo! 17Pois así: se fago isto polo meu gusto, xa teño premio; pero, se o fago a contragusto, é un simple cargo que estou obrigado a administrar. 18Onde está, logo, o meu premio? En que, cando predico o Evanxeo, fágoo gratuitamente, renunciando ós dereitos que este Evanxeo me confire.
19Pois, sendo como son libre con respecto a todos, de todos me fixen escravo para gañar os máis posibles. 20Fíxenme xudeu cos xudeus, para gañar os xudeus; suxeito a Lei cos que están baixo a Lei eu que non o estou, para gañar os que están baixo a Lei. 21Cos que están sen a lei, fíxenme coma sen lei non estando eu sen a Lei de Deus, tendo como teño a Lei de Cristo para gañar os sen lei. 22Cos débiles fíxenme débil, para gañar os débiles. Fíxenme todo con todos, para salvar algúns a toda costa. 23Todo o fago polo Evanxeo, para ter algunha parte nel.
24Non sabedes que os corredores no estadio, corren todos, pero soamente un leva o premio? Correde, logo, de maneira que levedes premio. 25Todos os que compiten impóñense unha disciplina total; iso que eles é para conseguiren unha coroa perecedoira; nós en cambio, unha imperecedoira. 26Eu, pola miña parte, corro, pero non ó que saia; loito, pero non dando golpes ó aire. 27O contrario, castigo duramente o meu corpo e trátoo coma un escravo: non vaia suceder que despois de lles predicar ós outros, quede eu descualificado.
Currently Selected:
1 Corintios 9: ABGS
Highlight
Copy
Compare
Share
Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in
Dereitos reservados: SEPT