1 Corintios 8
8
AS CARNES SACRIFICADAS ÓS ÍDOLOS
Os principios teóricos
1No que toca ás carnes inmoladas ós ídolos, é ben sabido que todos temos coñecemento. Pero o coñecemento incha, mentres que a caridade é construtiva. 2Se alguén cre que xa coñece algo, aínda non coñece como hai que coñecer. 3En troques, se alguén ama a Deus, Deus coñéceo a el.
4Así que verbo de comer as carnes sacrificadas ós ídolos, sabemos que ningún ídolo existe de verdade no mundo, nin deus ningún fóra do Único. 5Porque, aínda que haxa moitos deuses de nome, tanto no ceo coma na terra e hai efectivamente moitos deuses e moitos señores, 6para nós non hai máis ca un só Deus, o Pai, de quen todo procede e para quen nós estamos feitos; nin hai máis ca un só Señor, Xesús Cristo, por quen todo existe e por quen existimos nós mesmos.
O punto de vista da caridade
7Pero non todos teñen este coñecemento. Algúns, por estaren afeitos ata agora á mentalidade idolátrica, comen esa carne coma se fose sagrada; entón, a súa conciencia, por non estar segura, quédalles lixada. 8Desde logo, non é a comida o que nos achega a Deus: non imos ser menos por non comer, nin por comer imos ser máis. 9Pero tede coidado de que esa liberdade vosa non sexa tropezo para os débiles. 10Porque, se alguén te ve a ti, que tes coñecemento, sentado á mesa nun templo idolátrico, non é certo que, a quen non está aínda seguro, o vai tentar a conciencia a comer o sacrificado ós ídolos? 11Así, polo teu coñecemento pérdese o débil, ese irmán por quen morreu Cristo.
12Dese xeito, pecando contra os irmáns e ferindo a súa débil conciencia, pecades contra Cristo. 13Por iso, se unha comida escandaliza a un irmán meu, endexamais non probarei a carne, para non escandalizar a meu irmán.
Currently Selected:
1 Corintios 8: ABGS
Highlight
Copy
Compare
Share
Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in
Dereitos reservados: SEPT