YouVersion Logo
Search Icon

1 Corintios 10

10
O exemplo dos israelitas no deserto
1Porque eu non quero, irmáns, que ignoredes que os nosos pais estiveron todos baixo a nube; que todos pasaron polo medio do mar; 2que, na nube e no mar, todos recibiron o bautismo de Moisés; 3que todos comeron o mesmo alimento espiritual 4pois bebían da pedra espiritual que os acompañaba: e esa pedra era Cristo. 5Pero, con todo, a maior parte deles non lle agradou a Deus, xa que os seus cadáveres ficaron estrados polo deserto.
6Isto sucedeu coma un exemplo para nós, a fin de que non teñamos degaros do mal, coma eles os tiveron. 7Nin vos fagades idólatras, o mesmo que algúns deles; como está escrito: Sentou o pobo a comer e a beber, e logo levantáronse para se divertiren. 8Nin nos entreguemos á impureza, como fixeron algúns deles, e nun día caeron vinte e tres mil. 9Nin tentemos o Señor, coma algúns deles o tentaron e pereceron mordidos polas serpentes. 10Nin murmuredes, coma algúns deles e pereceron vítimas do Exterminador.
11Isto sucedeulles a eles coma exemplo, pero escribiuse para o noso escarmento: para nós que vivimos na fin dos tempos. 12De xeito que o que crea estar de pé, teña coidado de non caer! 13E a vós non vos viñeron tentacións que superen as forzas humanas. Fiel é Deus, que non consentirá que teñades tentacións superiores ás vosas forzas: coa tentación havos dar tamén os medios para poder saír dela.
O banquete sagrado e os banquetes profanos
14Polo tanto, meus benqueridos, fuxide da idolatría. 15Fálovos como se lle fala á xente asisada: xulgade vós mesmos o que digo. 16A copa da bendición que bendicimos, non é unha comuñón co sangue de Cristo? O pan que partimos, non é unha comuñón co corpo de Cristo? 17E como hai un único pan, tamén nós, sendo moitos, formamos un único corpo, porque todos participamos dese único pan.
18Ollade para o Israel histórico: os que comen as vítimas non están en comuñón co altar? 19Que quero dicir entón? Que a carne inmolada ós ídolos é algo? Ou que é algo o ídolo? 20O contrario, digo que os sacrificios que ofrecen os pagáns honran ós demos e non a Deus; e eu non quero que entredes en comuñón cos demos. 21Non podedes beber a copa do Señor e a copa dos demos. Non podedes participar na mesa do Señor e na mesa dos demos. 22Ou é que queremos desafiar o Señor? Ou somos nós máis fortes ca El?
Solucións prácticas
23"Todo está permitido", pero non todo me presta; "todo está permitido" pero non todo é construtivo. 24Que ninguén busque o seu propio interese, senón o dos demais.
25Comede todo o que se vende na cortadoría, sen preguntar cousa ningunha por motivos de conciencia, 26pois do Señor é a terra e todo o que a enche. 27Se algún infiel vos convida e queredes ir, comede todo o que vos poñan e non preguntedes nada por motivos de conciencia. 28Pero se un vos di: "isto foi sacrificado ós ídolos", daquela non comades: por causa de quen vos avisou e pola conciencia. 29Refírome non á vosa conciencia, senón a do outro.
Pero, por que a miña liberdade vai ter de xuíz a conciencia doutro? 30E, se eu cando participo nunha comida llo agradezo a Deus, por que me teñen que criticar por algo que como dándolle as grazas?
31Ollade: tanto que comades, como que bebades, coma calquera cousa que fagades, facédeo todo para gloria de Deus. 32Non sexades tropezo nin para os xudeus, nin para os gregos, nin para a Igrexa de Deus.
33Así tamén eu procuro agradar a todos en todo, non buscando a miña comenencia, senón a da maioría, para que se salven.

Currently Selected:

1 Corintios 10: ABGS

Highlight

Copy

Compare

Share

None

Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in