1 Corintios 7
7
RESPOSTAS ÁS CONSULTAS DOS CORINTIOS. MATRIMONIO E VIRXINDADE
O matrimonio: dereitos e deberes
1E agora falemos do que me escribistes.
Ben lle está ó home non tocar muller; 2pero, para evitar a fornicación, que cada home teña a súa muller, e que cada muller teña o seu home. 3Que o home cumpra coa súa muller, e o mesmo a muller co seu home. 4A muller non é a dona do seu corpo, éo o home; e do mesmo xeito, o home non é o dono do seu corpo, éo a muller. 5Non vos privedes un ó outro, a non ser de común acordo por algún tempo, a fin de terdes vagar para a oración; despois volvede ó mesmo, para que non vos tente Satán por culpa da vosa incontinencia.
6Isto que vos digo é unha concesión, non un precepto. 7Eu ben quixera que todos os homes fosen coma min; pero cada un recibe de Deus a súa graza particular: uns dun xeito, outros doutro.
8Os solteiros e ás viúvas dígolles que lles era ben quedaren coma min. 9Pero, se non aguantan, que casen, que máis vale casar que abrasarse.
10Os casados dígolles non eu, senón o Señor: que a muller non se separe do seu home. 11En caso de que chegue a separarse, ou que siga sen casar ou que se poña a ben co home. E que o home non repudie á súa muller.
12Os outros dígolles eu, non o Señor: se un irmán ten unha muller que non cre, pero que consente en vivir con el, que non a bote. 13E se unha muller ten un home que non cre, pero que consente en vivir con ela, que non o bote. 14Pois o home que non cre queda santificado pola súa muller; e a muller que non cre queda santificada polo marido crente. Se non fose así, os vosos fillos serían impuros, cando a verdade é que son santos. 15Pero, se o non crente se quere separar, que se separe. En tal caso o irmán ou a irmá non quedan escravizados: Deus chamouvos para vivirdes en paz. 16Porque que sabes ti, muller, se vas salvar a ese home? Ou que sabes, ti, home, se vas salvar a esa muller?
17Fóra disto, que cadaquén viva conforme o Señor lle asignou, no estado en que Deus o chamou. Tal é o que dispoño en todas as igrexas.
18Que a chamada o colleu circuncidado? Non o disimule. Que a chamada o colleu incircunciso? Non se circuncide. 19Nada vale a circuncisión, nada vale a incircuncisión: o que vale é cumprir os mandamentos.
20Que cadaquén siga no estado en que o chamaron. 21Que te chamaron sendo escravo? Non teñas pena. E, aínda que puideses facerte libre, mellor aproveita a túa condición. 22Porque aquel a quen sendo escravo chamou o Señor, é liberto do Señor. Igualmente, aquel a quen chamou sendo libre, é escravo de Cristo. 23Mercáronvos a bo prezo: non vos fagades escravos dos homes. 24Irmáns, que cadaquén siga ante Deus no estado en que o chamaron.
Os non casados e os viúvos
25Polo que toca ós non casados non teño orde do Señor, pero dou un parecer coma persoa que, pola misericordia de Deus, é digna de creto. 26Coido eu que, por culpa da calamidade presente, é ben que cadaquén quede como está. 27Que estás ligado a unha muller? Non teimes por librarte. Que non estás ligado a muller? Non busques muller. 28Non obstante, aínda que cases, non pecas; e, aínda que case unha moza, tampouco peca. Pero os que casen terán tribulacións na carne, e eu quixera librarvos delas.
29O que vos digo, irmáns, é que o tempo é contado. O que importa, é que os que teñen muller vivan coma se non a tivesen; 30os que choran, coma se non chorasen; os que están alegres coma se non se alegrasen; os que comercian, coma se non tivesen nada; 31os que gozan no mundo, coma se non gozasen. Porque o mundo, na súa configuración actual, está a pasar.
32Eu quixera vervos libres de preocupacións. O non casado preocúpase das cousas do Señor, da maneira de lle agradar. 33Pero o casado preocúpase das cousas do mundo, da maneira de lle agradar á muller; 34e así está repartido. A muller non casada, o mesmo cá rapaza solteira, preocúpanse das cousas do Señor, procurando seren santas de corpo e alma. Pero a casada preocúpase das cousas do mundo, da maneira de lle agradar ó seu home. 35Dígovos isto polo voso propio interese, non para vos amarrar botándovos un lazo; ó contrario, para vos guiar no que é honesto e leva sen divisións ó Señor.
36Pero se alguén se encontra en dificultade respecto da súa noiva, porque está moi apaixonado e xa non pode aguantar, que faga o que queira: non peca, que casen. 37Pola contra, quen está firme no seu corazón e non sente unha compulsión irresistible, senón que permanece dono da súa vontade: se se decidiu no seu interior a respectar a súa noiva, fai moi ben. 38De maneira que quen casa coa súa noiva obra ben e o que non casa obrará aínda mellor.
39A muller está ligada ó seu home mentres el viva. Pero, se o home morre, queda libre para casar con quen ela queira, sempre que sexa cun cristián. 40Non obstante será máis feliz, se se deixa estar así. Ese é o meu parecer e paréceme que tamén eu teño o Espírito de Deus.
Currently Selected:
1 Corintios 7: ABGS
Highlight
Copy
Compare
Share
Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in
Dereitos reservados: SEPT