1 Corintios 6
6
Preitos dos cristiáns nos tribunais pagáns
1Cando algún de vós ten un preito con outro, como é que se atreve a ilo demandar diante dos pagáns e non dos cristiáns? 2Ou é que non sabedes que os cristiáns xulgarán o mundo? E, se vós ides xulgar o mundo, seredes incompetentes para xulgar unhas cousas de nada? 3Non sabedes que xulgaremos os anxos? Canto máis as cousas desta vida! 4Pois logo, como é posible que, cando tedes preitos por cousas desta vida, vaiades poñer de xuíces a aqueles que a Igrexa desbota?
5Seica non tedes vergonza? Ou é que non hai entre vós ningún home bo que poida facer unha avinza entre irmáns? 6Pero, non, van ó preito irmán contra irmán e iso diante dos non crentes. 7Desde logo, xa bastante baixeza é que haxa preitos entre vós. Por que non aguantades, máis ben, a inxustiza? Por que non vos deixades, máis ben, roubar? 8Pero non, sodes vós os que facedes inxustiza e roubades ós outros; iso que son irmáns!
9Non sabedes que os inxustos non herdarán o Reino de Deus? Non vos levedes a engano: nin os indecentes, nin os idólatras, nin os adúlteros, nin os efeminados, nin os homosexuais, 10nin os ladróns, nin os avaros, nin os borrachos, nin os faltóns, nin os caciques herdarán o Reino de Deus. 11E iso erades algúns de vós. Pero xa vos lavastes, xa vos consagraron e xa quedastes xustificados no nome do Señor Xesús Cristo e no Espírito do noso Deus.
A pureza cristiá
12"Todo me está permitido" pero non todo me presta; "todo me está permitido" pero eu non me deixarei dominar por nada.
13Os alimentos son para o ventre e o ventre para os alimentos, ademais o Señor destruirá unha cousa e mais a outra.
Pero o corpo non é para a fornicación, senón para o Señor; e o Señor é para o corpo. 14E Deus, que resucitou xa a Cristo, tamén nos ha resucitar a nós polo seu poder.
15Non sabedes que os vosos corpos son membros de Cristo? E vou coller os membros de Cristo e convertelos en membros dunha prostituta? De ningunha maneira! 16Ou non sabedes que quen se achegue á prostituta, faise un mesmo corpo con ela? Porque está dito: Faranse os dous unha soa carne. 17Pola contra, quen se xunta ó Señor, é un mesmo espírito con El. 18Fuxide da fornicación. Calquera pecado que o home poida cometer, cae fóra do corpo; pero quen fornica peca contra o seu propio corpo. 19Ou non sabedes que o voso corpo é templo do Espírito Santo que está en vós, porque o recibistes de Deus e que polo tanto non sodes donos de vós? 20Porque, en verdade, compróusevos a bo prezo. Glorificade, por tanto, a Deus co voso corpo.
Currently Selected:
1 Corintios 6: ABGS
Highlight
Copy
Compare
Share
Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in
Dereitos reservados: SEPT