YouVersion Logo
Search Icon

1 Corintios 5

5
ESCÁNDALOS NA COMUNIDADE
O incestuoso
1Non se oe falar doutra cousa que da indecencia que hai entre vós; e dunha indecencia tal, que nin entre os pagáns se viu cousa coma ela. Pois chega a darse o caso de que un vive coa muller de seu pai. 2E vós tan fachendosos, en lugar de poñervos de loito, para que desapareza do medio de vós quen tal cousa fai!
3Pois eu, fisicamente ausente pero presente en espírito, xa tomei unha decisión sobre o que tal fixo, coma se estivese aí: 4que xuntándonos no nome do noso Señor Xesús vós en persoa e eu en espírito, co poder do noso Señor Xesús, 5entreguemos a ese tal a Satán: humanamente quedará esnaquizado, pero o seu "espírito" salvarase o Día do Señor.
6Non está ben a vosa fachenda. Non sabedes que un pouco de fermento leveda a masa toda? 7Purificádevos do vello fermento, para serdes unha masa nova, coma pans ácimos que sodes. Pois o noso año pascual, Cristo, xa foi inmolado. 8Fagamos, logo, a festa pero non con fermento vello nin con fermento de malicia e perversidade, senón con pan ácimo de pureza e de verdade.
9Escribinvos na outra carta que non vos levarades cos indecentes; 10pero non me refería ós indecentes deste mundo, así sen máis, nin ós avaros ou ós ladróns ou ós idólatras, porque dese xeito tiñades que saír do mundo. 11O que entón vos escribía foi que non vos levarades con aquel que ostentando o nome de irmán, sexa indecente ou avaro ou idólatra ou faltón ou borracho ou ladrón. Cun home así, nin sentar a comer. 12Por que vou xulgar eu os de fóra? Non é os de dentro a quen vós xulgades? 13Os de fóra é Deus quen os xulga. Botádeme o perverso do medio de vós.

Currently Selected:

1 Corintios 5: ABGS

Highlight

Copy

Compare

Share

None

Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in