YouVersion Logo
Search Icon

1 Corintios 4

4
Os ministros de Cristo
1Por tanto, que a xente vexa en nós uns servidores de Cristo e administradores dos misterios de Deus. 2Ora, o que se lles pide ós administradores é que sexan de fiar. 3Por min impórtame moi pouco que me pidades contas vós ou un tribunal humano; nin tan sequera eu me xulgo a min mesmo. 4Certo que de nada me remorde a conciencia. Pero non por iso estou xa xustificado: quen me pide contas é o Señor. 5De modo, que non xulguedes antes de tempo: agardade a que chegue o Señor. Xa se encargará El de sacar á luz os segredos das tebras e de descubrir os motivos dos corazóns. Entón quen o mereza recibirá do Señor o seu aprobado.
6En todo isto, irmáns, púxenme de exemplo eu e puxen a Apolo por causa vosa, para que nas nosas persoas aprendades aquilo de que non hai que ir máis alá do que está escrito, e non vos fagades fanáticos dun en contra do outro. 7Porque quen te fai máis distinguido? Que tes ti que non o recibises? E se o recibiches, a que vén gabarse coma se non o recibises? 8Xa estades fartos, xa estades ricos: sen nós estades feitos uns reis! Quen me dera que fose certo! Así podiamos nós reinar convosco.
9Porque paréceme a min que a nós, ós apóstolos, púxonos Deus no derradeiro lugar, coma os condenados á morte; de xeito que resultamos ser un espectáculo para o mundo: tanto para os anxos coma para os homes. 10Nós somos parvos por Cristo, vós que cristiáns máis asisados! Nós somos débiles, vós fortes; a vós hónranvos, a nós desprézannos. 11Mesmo na hora presente pasamos fame e sede, e andamos esfarrapados; recibimos malos tratos e non temos acougo. 12Matámonos a traballar coas nosas propias mans. Aldráxannos, e nós bendicimos; perséguennos e nós aturamos; 13calúmniannos e nós falamos ben. Ata o presente vimos sendo algo así como o refugallo do mundo, o lixo de todos.
14Non escribo isto para vos avergonzar: fágovos a reprensión coma a fillos moi queridos. 15Coma cristiáns xa podedes ter milleiros de mestres, que pais non teredes moitos, pois fun eu quen por medio do Evanxeo vos xerei en Cristo Xesús. 16Así que vos pido por favor que tratedes de me imitar a min. 17Para iso vos mando aí a Timoteo, que é fillo meu moi querido e fiel no Señor. El havos facer o acordo dos meus principios cristiáns que son os mesmos que decote ensino en todas as igrexas.
18Pensando que eu non ía ir onda vós, algúns enchéronse de soberbia. 19Pero, se o Señor o quere, axiña chegarei aí e hei ter en conta non as palabras deses soberbios, senón a súa capacidade. 20Porque o Reino de Deus non está no que se di, senón no que se é capaz de facer. 21Que queredes? Que vaia onda vós cunha vara ou con cariño e espírito de mansedume?

Currently Selected:

1 Corintios 4: ABGS

Highlight

Copy

Compare

Share

None

Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in