1 Corintios 3
3
Inmaturidade dos corintios
1E eu, irmáns, non puiden falarvos coma a homes "espirituais", senón coma a homes aínda "non espirituais", coma a meniños en Cristo. 2Alimenteivos con leite, non co alimento sólido, porque aínda non o podiades pasar. Claro que aínda agora non o pasades, 3porque aínda sodes "carnais" Ou non é certo que sodes "carnais" e que vos portades dun xeito simplemente humano, se entre vós hai rivalidade e discordia? 4Mentres un diga "eu son de Paulo" e outro "eu son de Apolo", non sodes sinxelamente humanos?
O verdadeiro papel dos predicadores
5Porque que é Apolo? Que é Paulo? Meros servidores por medio de quen aceptastes a fe; e cada un obrou conforme ó que o Señor lle deu. 6Eu plantei, Apolo regou; pero Deus foi quen vos deu o medro. 7De maneira que nin o que planta nin o que rega son ninguén, senón Deus, que é quen fai medrar. 8Quen planta e rega veñen facer o mesmo, pero cadaquén levará a súa paga conforme ó seu traballo. 9Porque nós somos xornaleiros de Deus; e vós sodes o agro de Deus, edificio de Deus.
10Na medida da graza que Deus deu, coma un bo arquitecto, eu botei os alicerces. Outro edificou enriba. Que cadaquén olle como edifica. 11Pois ninguén pode poñer unha cimentación distinta da que está posta, que é Xesús Cristo. 12E sobre esta cimentación xa se pode edificar con ouro, con prata e con pedras preciosas ou con madeira, con feo e con palla, 13e a obra que cadaquén faga ha quedar ben á vista, porque o Día fará que se vexa. Pois ese Día hase revelar con lume e o lume probará a calidade da obra de cadaquén. 14Aquel a quen se lle aguante a obra que edificou, recibirá recompensa. 15Aquel a quen lle quede ardida, quedará sen paga: el persoalmente hase salvar, pero só coma quen dá fuxido do lume.
16Non sabedes que sodes templo de Deus e que o Espírito de Deus habita en vós? 17Se alguén destrúe o templo de Deus, Deus destruirao a el. Porque o templo de Deus é sagrado e iso sodes vós.
Consecuencias
18Que ninguén se engane. Se entre vós hai algún que se crea sabio ó xeito deste mundo, decátese de que é parvo para volverse sabio de verdade. 19Porque a sabedoría deste mundo é parvada diante de Deus.
Que está escrito:
El pilla os listos na súa propia astucia.
20E tamén:
O Señor coñece os pensamentos dos sabios
e sabe que son vans.
21De modo que ninguén apoie o seu orgullo nos homes. Porque todo é voso certamente: 22tanto Paulo coma Apolo coma Cefas, tanto o mundo coma a vida e coma a morte, tanto o presente coma o futuro. Todo é voso; 23pero vós sodes de Cristo e Cristo é de Deus.
Currently Selected:
1 Corintios 3: ABGS
Highlight
Copy
Compare
Share
Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in
Dereitos reservados: SEPT