YouVersion Logo
Search Icon

1 Corintios 2

2
A predicación de Paulo
1En canto a min, irmáns, cando cheguei onda vós, non cheguei exhibindo elocuencia nin saber para anunciarvos o misterio de Deus. 2Nada pretendín saber entre vós fóra de Xesús Cristo; e Cristo crucificado. 3E eu presenteime diante vosa cunha sensación de impotencia e tremendo de medo; 4e a miña palabra e mais a miña predicación non se apoiaban en argumentos persuasivos e sabios, senón que constituían unha demostración do poder do Espírito: 5todo para que a vosa fe non se apoie na sabedoría dos homes, senón no poder de Deus.
A sabedoría cristiá
6E, mesmo así, o que predicamos entre os perfectos é sabedoría, pero non sabedoría deste mundo nin dos xefes perecedoiros deste mundo. 7Nós predicamos unha sabedoría de Deus, misteriosa, que permanecía gardada, que Deus tiña predestinada desde antes dos séculos para a nosa gloria. 8Ningún dos xefes príncipes deste mundo a coñeceu; pois se a coñecesen, non crucificaban o Señor da Gloria. 9Pero como está escrito:
O que o ollo non viu,
o que o oído non sentiu,
e o que non pasou pola mente do home:
iso preparou Deus para os que o aman.
10E a nós revelóunolo Deus polo Espírito; pois o Espírito esculca todo, mesmo as profundidades de Deus, 11porque que home coñece o que hai no home, se non é o espírito do home que está nel? Pois igual, o que hai en Deus ninguén o coñece, se non é o Espírito de Deus. 12Ora, nós non recibimos o espírito do mundo, senón o Espírito que procede de Deus, a fin de que coñezamos todo o que Deus nos outorgou pola súa graza. 13E iso é o que tamén predicamos, non con palabras aprendidas de humana sabedoría, senón con palabras aprendidas do Espírito, explicando con verbas espirituais as realidades espirituais.
14O home "animal" non acolle o que é propio do Espírito de Deus, pois parécelle unha parvada; nin o pode coñecer, porque disto só se pode xulgar espiritualmente. 15Pola contra, o home "espiritual" xulga de todo, mentres que a el non o xulga ninguén. 16Porque quen coñeceu o pensamento do Señor, como para se poñer a darlle leccións? Pero nós temos o Espírito de Cristo.

Currently Selected:

1 Corintios 2: ABGS

Highlight

Copy

Compare

Share

None

Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in