1 Corintios 1
1
Saúdo e acción de grazas
1Paulo, chamado a ser apóstolo de Cristo Xesús pola vontade de Deus, así coma o irmán Sóstenes: 2á Igrexa de Deus que está en Corinto, ós que están santificados en Cristo Xesús, chamados a ser santos cos que en calquera lugar invocan o nome do noso Señor Xesús Cristo, Señor deles e noso, 3desexámosvos graza e paz de parte de Deus, noso Pai, e do Señor Xesús Cristo.
4Non paro de lle dar grazas a Deus por vós, pola graza de Deus que se vos deu por medio de Cristo Xesús. 5Porque por medio del quedastes ricos en todo, nos dons da palabra e do coñecemento: 6e así confirmouse solidamente entre vós o testemuño en favor de Cristo. 7De xeito que non carecedes de ningún don, mentres agardades a revelación do noso Señor Xesús Cristo. 8El é quen vos manterá firmes deica á fin, para que ninguén vos poida acusar de nada no día do noso Señor Xesús Cristo. 9Deus é fiel e foi El quen vos chamou á comunidade do seu Fillo Xesús Cristo, noso Señor.
CORRECCIÓN DOS ABUSOS EN CORINTO. DIVISIÓN NA COMUNIDADE
Partidos na Igrexa de Corinto
10Irmáns, polo nome do noso Señor Xesús Cristo: rógovos que vos poñades todos de acordo e que non haxa divisións entre vós; ó contrario, axeitádevos todos nun mesmo espírito e nun mesmo pensamento.
11Pois, irmáns, polos de Cloe cheguei a saber que hai discordias entre vós. 12Refírome a que cada un de vós anda a dicir: "eu son de Paulo, eu de Apolo, eu de Cefas, eu de Cristo". 13Pero é que Cristo está dividido? É que foi Paulo a quen crucificaron por vós? Ou é Paulo o nome no que vos bautizaron?
14Dou grazas a Deus de non ter eu bautizado a ningún de vós fóra de Crispo e de Caio; 15Así ninguén poderá dicir que vos bautizaron no meu nome. 16(Ai si, tamén bauticei a familia do Estevo; pero do resto, que eu acorde non bauticei a ninguén). 17Porque non me mandou Cristo a bautizar, senón a predicar o Evanxeo; e isto sen habilidades retóricas, para que non quede desvirtuada a eficacia da cruz de Cristo.
A sabedoría do mundo e a sabedoría de Deus
18Porque a palabra da cruz é loucura para os que se perden, pero para nós, os que nos salvamos, é poder de Deus. 19Pois está escrito:
Desmontarei a sabedoría dos sabios
e derrubarei a intelixencia dos intelixentes.
20Onde está o sabio? Onde o letrado? Onde está o investigador conforme ós criterios deste mundo?
É que non mostrou Deus que a sabedoría do mundo é unha parvada? 21Mirade, xa que o mundo con todo o seu saber non recoñeceu a Deus na súa Sabedoría, tivo Deus a ben salvar coa loucura da predicación ós que teñen fe. 22Así os xudeus piden signos e os gregos buscan a sabedoría; 23pero nós predicamos un Mesías crucificado: e isto para os xudeus é un escándalo e para os pagáns é unha loucura. 24Pero para os chamados, tanto xudeus coma gregos, el é Cristo, marabilla do poder e da sabedoría de Deus. 25Porque a loucura de Deus é máis sabia ca toda a sabedoría dos homes e a debilidade de Deus é máis forte ca toda a fortaleza dos homes.
26E, se non, irmáns, reparade en quen sodes os chamados: entre vós, mirando as cousas con criterios deste mundo, non hai moitos sabios, nin moitos poderosos, nin moitos da nobreza. 27O contrario, o que hai de parvo no mundo, iso foi escoller Deus para desconcertar os sabios; e o que hai de débil no mundo, iso foi escoller Deus para desconcertar o poder; 28o plebeo e mais o desprezado, iso foi escoller Deus: o que non é, para anular o que é; 29de xeito que ningún mortal poida campar diante de Deus. 30Por El é por quen existides vós en Cristo Xesús, quen se fixo para nós a sabedoría e mais a xustiza, a santificación e mais a redención que veñen de Deus. 31E así, como está escrito, "quen está orgulloso, que o estea do Señor".
Currently Selected:
1 Corintios 1: ABGS
Highlight
Copy
Compare
Share
Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in
Dereitos reservados: SEPT