YouVersion Logo
Search Icon

1 Corintios 15

15
A RESURRECCIÓN DOS MORTOS
A resurrección de Cristo
1Quero que vos acorde, irmáns, o Evanxeo que vos prediquei, que vós aceptastes, no que ficades firmes 2e polo que vos estades salvando (se é que o gardades tal como volo anunciei; do contrario, a vosa fe sería inútil).
3Transmitinvos, xa que logo, antes de nada o que eu mesmo recibín: que Cristo morreu polos nosos pecados conforme ás Escrituras; 4que o sepultaron, que ó terceiro día resucitou conforme ás Escrituras 5e que se apareceu a Cefas e despois ós Doce. 6Máis tarde apareceuse dunha soa volta a máis de cincocentos irmáns; moitos deles aínda viven, algúns xa finaron. 7Despois apareceuse a Santiago e logo a todos os apóstolos. 8En derradeiro lugar aparecéuseme tamén a min, coma ó nacido á deshora.
9Pois eu son o menor dos apóstolos, que nin son merecente de me chamar apóstolo, xa que perseguín a Igrexa de Deus; 10pero pola graza de Deus son o que son, e esa graza que fixo comigo non ficou baleira. O contrario, traballei máis ca todos eles; aínda que non precisamente eu, senón a graza de Deus que está comigo. 11Pero, en fin, que sexa eu ou que sexan eles, así predicamos e así crestes vós.
A resurrección de Cristo: garantía da nosa resurrección
12Ora, se se predica que Cristo resucitou dos mortos, como é que andan algúns de entre vós dicindo que non hai resurrección dos mortos? 13Se non hai resurrección dos mortos, tampouco Cristo está resucitado. 14E, se Cristo non está resucitado, baleira é a nosa predicación, e baleira tamén a vosa fe.
15Resultaría, ademais, que nós acabamos sendo falsas testemuñas contra Deus, pois levantámoslle a Deus o testemuño de que resucitou a Cristo, sendo así que non o resucitou, caso de que efectivamente os mortos non resuciten. 16Pois, se os mortos non resucitan, tampouco Cristo está resucitado. 17E, se Cristo non está resucitado, a vosa fe é unha ilusión: estades aínda nos vosos pecados.
18Resultaría tamén que os que finaron en Cristo pereceron completamente. 19Ora, se a esperanza que temos en Cristo é soamente para esta vida, nós somos os máis dignos de compaixón entre todos os homes.
20Pero non: Cristo resucitou dos mortos, coma primicia dos que dormen. 21Porque xa que por un home entrou a morte, tamén por un home chegou a resurrección dos mortos. 22Igual que todos morren por Adam, así tamén por Cristo todos revivirán. 23Pero cada un no seu intre: primeiro, Cristo; logo, no Día da súa Vinda, os que sexan de Cristo; 24despois será a fin, cando lle entregue o Reino a Deus Pai, unha vez destruído todo Principado, toda Potestade e toda Dominación. 25Porque é necesario que El reine ata que poña a todos os seus inimigos por debaixo dos seus pés. 26A morte será o derradeiro inimigo destruído, 27pois todo o puxo por debaixo dos seus pés. (Aínda que cando di que "todo está sometido", é claro que con excepción daquel que lle someteu todas as cousas). 28E cando lle teña todo sometido, entón tamén o propio Fillo se someterá a quen lle someteu a El todo: para que Deus sexa todo en todo.
Confirmación da verdade da resurrección
29De non ser así, que conseguen os que se bautizan polos mortos? Se os mortos non resucitan en absoluto, por que entón se bautizan por eles? 30E nós mesmos, por que nos poñemos en perigo a toda hora? 31Tan certo, irmáns, coma o orgullo que por vós teño en Cristo o noso Señor, que estou todos os días ás portas da morte. 32Se con miras simplemente humanas loitei coas feras en Éfeso, cal sería o meu proveito? Se os mortos non resucitan, comamos e bebamos, que mañá morreremos. 33Non vos deixedes enganar, "malas compañías estragan bos costumes". 34Volvede en vós á realidade normal e non pequedes; porque algúns perderon o coñecemento de Deus. Para a vosa vergonza volo digo.
Como será a resurrección
35Pero algún preguntará: como resucitan os mortos? Con que clase de corpo volverán á vida? 36Insensato. O que ti sementas non prende na vida, se primeiro non morre. 37Nin sementas xa o corpo que vai nacer, senón un simple gran de trigo, se cadra, ou de calquera outra semente. 38Deus é quen lle dá o corpo que lle parece: a cada semente o seu.
39Non todas as carnes son as mesmas: unha cousa é a carne dos homes, outra a dos animais, outra a dos paxaros, outra a dos peixes. 40Hai corpos celestes e corpos terrestres; pero o brillo dos celestes é distinto do brillo dos terrestres. 41Unha cousa é o brillo de sol e outra moi distinta o da lúa ou o das estrelas: mesmo entre estrela e estrela hai diferenza de brillo.
42O mesmo pasa tamén coa resurrección dos mortos: seméntase na corrupción, resucítase na incorrupción; 43seméntase no desprezo, resucítase na gloria; seméntase na debilidade, resucítase na forza; 44seméntase un corpo natural, resucita un corpo espiritual. Se hai un corpo natural tamén hai un espiritual, 45pois así está escrito: o primeiro home, Adam, fixérono un ser vivo; o último Adam, un espírito que dá vida. 46Pero non foi primeiro o espiritual, senón o natural, e despois o espiritual. 47O primeiro home, saído da terra, era terrestre; o segundo home veu do ceo. 48Como era o terrestre, así son os terrestres: e como é o celeste, así son os celestes. 49E o mesmo que antes levamos a imaxe do terrestre, tamén levaremos a imaxe do celeste.
50O que vos digo, irmáns, é que a carne e o sangue non poden herdar o Reino de Deus; nin a corrupción herdará a incorrupción. 51Vouvos revelar un misterio: non todos imos morrer, pero todos nos imos transformar; 52nun instante, nun pechar os ollos, ó toque da derradeira trompeta. Pois soará a trompeta e os mortos resucitarán incorruptibles e nós apareceremos transformados. 53É necesario que isto corruptible se revista de incorrupción e que isto mortal se revista de inmortalidade.
54E cando isto corruptible se revista de incorrupción e isto mortal se revista de inmortalidade, entón cumprirase a palabra que está escrita:
a morte foi tragada pola vitoria
55Morte, u—la túa vitoria?
Morte u—lo teu aguillón?
56O aguillón da morte é o pecado e a forza do pecado é a Lei. 57Pero deámoslle as grazas a Deus, que El nos dá a vitoria por medio do noso Señor Xesús Cristo.
58Así que, meus irmáns queridos, mantédevos firmes e inabalables; aplicádevos cada vez máis á obra do Señor, sabendo que os vosos esforzos coma cristiáns non son en balde.

Currently Selected:

1 Corintios 15: ABGS

Highlight

Copy

Compare

Share

None

Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in