1 Corintios 13
13
Himno ó amor - caridade
1Por moito que eu falase as linguas todas dos homes e as dos anxos, se non tiver amor, non sería máis ca un bronce que resoa ou un pandeiro que repenica.
2Por moito que eu falase inspirado e comprendese todos os misterios e mais toda a ciencia e tivese tanta fe que movese os montes, se non tiver amor, non sería nada.
3Por moito que eu reparta todo o que teño e me deixe queimar vivo, se non tiver amor, non me sería de proveito ningún.
4O amor é de corazón grande, é servizal. O amor non ten envexa, non ten fachenda, non se ensoberbece; 5non é malcriado, non busca a súa comenencia, non se alporiza, non garda malicia; 6non simpatiza coa inxustiza, senón que se alegra coa verdade. 7Desculpa sempre, fíase sempre, espera sempre, atura sempre.
8O amor non pasa endexamais; mentres que as profecías desaparecerán, as linguas calarán, a ciencia acabará. 9Porque a nosa ciencia é limitada e limitada é a nosa inspiración: 10e cando veña o perfecto, desaparecerá o limitado. 11Cando eu era neno, falaba coma un neno, pensaba coma un neno, razoaba coma un neno; cando cheguei a home, deixei de lado as cousas de neno. 12Igual—mente: agora vemos nun espello, escuramente; pero daquela habemos ver cara a cara. Agora coñezo dun modo incompleto; pero daquela hei coñecer tan ben coma Deus me coñece a min. 13En resumo: hai tres cousas que permanecen: a fe, a esperanza, e o amor. Pero delas a meirande é o amor.
Currently Selected:
1 Corintios 13: ABGS
Highlight
Copy
Compare
Share
Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in
Dereitos reservados: SEPT