1 Corintios 12
12
Os dons do Espírito
1Acerca dos dons espirituais non quero, irmáns, que esteades na ignorancia.
2Ben sabedes que cando erades pagáns, sentiádesvos arrebatados á forza cara ós ídolos mudos. 3Por iso declárovos que ninguén que diga "Renegado sexa Xesús", fala movido polo Espírito de Deus; e que ninguén é capaz a dicir "Xesús é o Señor", se non é baixo o influxo do Espírito Santo.
Variedade e unidade dos dons
4Hai diversidade de dons, pero un mesmo Espírito. 5Hai diversidade de servizos, pero un mesmo Señor. 6Hai diversidade de realizacións, pero un mesmo Deus, que é quen realiza todo en todos.
7A cadaquén dáselle a manifestación do Espírito para o ben común. 8A un o Espírito dálle palabra de sabedoría; a outro dálle palabra de ciencia o mesmo Espírito; 9A aqueloutro o mesmo Espírito concédelle fe. 10A un este mesmo Espírito dálle o don de curacións; a outro, o don de facer milagres; a outro, o don da profecía; a outro, discernimento de espíritos. A un, don de falar distintas linguas; a outro, o saber interpretar esas linguas. 11Pero todo isto é un e o mesmo Espírito quen o realiza, repartindo a cada un en particular, como a El lle parece.
A comparanza do corpo
12Porque igual que o corpo, sendo un, ten moitos membros e todos estes membros, con seren moitos, non fan máis dun corpo: así tamén Cristo. 13Porque a todos nos bautizaron nun único Espírito, para formarmos un único corpo: tanto xudeus coma gregos, tanto escravos coma libres. E a todos se nos deu a beber un único Espírito.
14Pois ben, o corpo non está formado por un único membro senón por moitos. 15Se o pé dixer: "como non son man, eu non son do corpo", non por iso deixaba de ser do corpo. 16E se o oído dixer: "como non son ollo, eu non son do corpo", non por iso deixaba de ser do corpo. 17Se todo o corpo for ollo, onde estaría o oído? Se for todo oído, onde estaría o ulido?
18Ora, foi Deus quen puxo os membros, colocando cada un deles no corpo coma El quixo. 19Se todo for un único membro, onde estaría o corpo? 20En realidade, hai moitos membros, pero un corpo só. 21O ollo non lle pode dicir á man: "Non preciso de ti", nin a cabeza ós pés: "non preciso de vós". 22Todo o contrario: os membros do corpo que parecen máis débiles son os máis necesarios; 23e os que temos por menos decorosos, cubrímolos con máis decoro; e os menos honestos tratámolos con máis recato; 24cousa que non precisan os honestos. Deus dispuxo o corpo, dándolle máis honor ó máis privado del, 25para que non haxa discordia no corpo; senón que, ó revés, os membros se preocupen por igual uns dos outros. 26E así, cando padece un membro, todos padecen con el; cando a un membro o tratan ben, todos se alegran con el.
O corpo místico de Cristo
27Ben, pois vós sodes corpo de Cristo e tamén membros, cada un pola súa parte. 28Na Igrexa dispuxo Deus primeiro apóstolos, logo profetas, en terceiro lugar mestres. Despois os que teñen poder de facer milagres; finalmente os que teñen don de curacións, de asistencia, de goberno, de falar distintas linguas. 29Ou é que todos son apóstolos? Todos son profetas? Todos son mestres? Todos fan milagres? 30Todos teñen o don de curar? Todos falan en moitas linguas? Todos saben interpretar?
31De todos modos, cobizade os carismas mellores. Pero, ademais aínda vos vou mostrar o camiño por excelencia.
Currently Selected:
1 Corintios 12: ABGS
Highlight
Copy
Compare
Share
Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in
Dereitos reservados: SEPT