1 Corintios 11
11
1Procurade imitarme a min, como eu imito a Cristo.
NORMAS PARA AS ASEMBLEAS LITÚRXICAS
As mulleres e o pano da cabeza
2Felicítovos por vos lembrar de min en todo, e por manterdes as tradicións tal como volas entreguei. 3Pero quero que saibades que a cabeza de todo home é Cristo, que a cabeza da muller é o home, e que a cabeza de Cristo é Deus. 4Todo home que reza ou profetiza coa cabeza cuberta deshonra a súa cabeza. 5E toda muller que reza ou profetiza coa cabeza descuberta deshonra a súa cabeza, pois é talmente igual coma se estivese rapada. 6Logo, se unha muller non se cobre, que se rape. Pero, se é unha deshonra para a muller cortar o pelo ou raparse, que se cubra.
7O home non necesita, xa que logo, cubrir a cabeza, sendo como é a imaxe e reflexo de Deus. Mais a muller é o reflexo do home. 8Porque o home non procede da muller, senón a muller do home. 9Nin se creou o home para a muller, senón a muller para o home. 10Por iso debe a muller levar na cabeza un sinal de submisión, por mor dos anxos. 11(Aínda que polo demais, no Señor nin a muller existe sen o home nin existe o home sen a muller; 12pois do mesmo xeito que a muller vén do home, o home vén por medio da muller; e todo vén de Deus).
13Xulgade por vós mesmos: é decente que a muller rece a Deus coa cabeza descuberta? 14Non vos ensina a mesma natureza que é unha deshonra para o home deixar medrar o pelo; 15e que, pola contra, cámpalle á muller o pelo longo? Pois a ela as guedellas déronselle coma pano da cabeza. 16Ademais, se alguén ten gana de discusións, saiba que non temos tal costume, nin tampouco as igrexas de Deus.
A Cea do Señor
17O facervos estas recomendacións, non podo aplaudir o feito de que as vosas reunións produzan máis mal ca ben. 18O primeiro que oio é que cando vos xuntades en asemblea hai divisións entre vós e, en parte, créoo. 19Pois é necesario que haxa bandos entre vós, para que se vexa quen entre vós é honesto.
20Deste xeito, cando vos xuntades en común, iso xa non é comer a Cea do Señor. 21O poñervos a comer, cada un agárrase á súa propia comida e uns pasan fame mentres os outros se emborrachan. 22Seica non tedes casas para comer e para beber? Ou é que queredes desprezar a Igrexa de Deus e avergonzar ós que non teñen? Que vos vou dicir? Vouvos felicitar? Non, nisto non vos felicito.
23Porque eu recibín do Señor, e transmitinvos tamén a vós, que o Señor Xesús, na noite en que o entregaron, colleu pan 24e, despois de dar grazas, partiuno e dixo: "Isto é o meu corpo, que se entrega por vós; facede isto en lembranza miña". 25Do mesmo xeito, despois de cear, tomou a copa dicindo: "Esta copa é a Nova Alianza, no meu sangue; cada vez que a bebades, facédeo en lembranza miña".
26Polo tanto, cada vez que comedes este pan e bebedes esta copa, anunciades a morte do Señor, ata que El volva.
27De maneira que quen coma o pan ou beba a copa do Señor indignamente, terá que responder do corpo e do sangue do Señor.
28Examínese cadaquén a si mesmo antes de comer o pan e de beber a copa. 29Porque quen sen recoñecer o Corpo come e bebe, come e bebe a súa propia condenación. 30Que por iso hai entre vós moitos achacosos e enfermos e mortos abondo. 31Se nos examinásemos nós, non nos xulgaría ninguén. 32Aínda que, se nos xulga o Señor, é para educarnos, para que non nos condenemos co mundo.
33Pois logo, meus irmáns, cando vos xuntedes para comer, atendédevos uns a outros. 34Se algún ten fame, que coma na casa, de modo que non vos xuntedes para condenación. O resto xa o arranxarei cando chegue.
Currently Selected:
1 Corintios 11: ABGS
Highlight
Copy
Compare
Share
Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in
Dereitos reservados: SEPT