YouVersion Logo
Search Icon

1 Crónicas 22

22
1E dixo David: —"Esta será a casa de Iavé Deus e aquí estará o altar dos holocaustos para Israel".
Preparativos para a construción do templo
2Mandou David que se reunisen todos os estranxeiros que había na terra de Israel, e encargou ós canteiros que fosen preparando pedras labradas para a construción do templo de Deus. 3Preparou tamén ferro abondo para facer os cravos e xuntas das portas, bronce en grandes cantidades, 4e moita madeira de cedro, pois os sidonios e os tirios trouxeron abonda madeira de cedro para David. 5David dicía para si: —"O meu fillo Salomón é aínda novo e inexperto, e o templo que se ten que edificar para o Señor ten que ser, pola grandeza, pola magnificencia e pola beleza, coñecido en toda a terra; por iso quero facer os preparativos", e fíxoos abondos antes da súa morte. 6David chamou a Salomón, seu fillo, e deulle orde de edificar unha casa ó Señor, Deus de Israel. 7Díxolle: —"Meu fillo, eu tiña o propósito de edificar un templo no nome de Iavé, meu Deus; 8pero o Señor díxome: Ti derramaches moito sangue e fixeches grandes guerras. Non serás ti quen edifique un templo no meu nome, porque derramaches ante min moito sangue sobre a terra. 9Velaí que che nacerá un fillo, que será home de paz e a quen eu darei paz, librándoo de todos os seus inimigos do arredor. O seu nome será Salomón, nos seus días eu concederei paz e tranquilidade a Israel. 10El edificará un templo ó meu nome. Será para min un fillo e eu serei para el un pai, e afirmarei sempre o trono do seu reino en Israel. 11Agora, pois, meu fillo, que o Señor sexa contigo, para que prosperes e edifiques o templo de Iavé, teu Deus, como el de ti declarou. 12Queira darche o Señor a sabedoría e a intelixencia para reinar sobre Israel na observancia da lei de Iavé o teu Deus. 13Se coidas de poñeres por obra os mandamentos e preceptos que o Señor lle mandou a Moisés para Israel, prosperarás. Esfórzate, logo, ten ánimos e non temas nin desmaies. 14Eu cos meus esforzos reunín para o templo do Señor cen mil talentos de ouro, un millón de talentos de prata e unha grande cantidade de bronce e ferro. Dispuxen tamén madeira e pedra que ti acrecentarás. 15Tes á man moitos obreiros, canteiros, carpinteiros e homes sabidos en toda clase de obras. 16O ouro, a prata, o bronce e o ferro son de máis. Érguete, pois: comeza coa obra, e que o Señor sexa contigo".
17Mandou tamén David a todos os príncipes de Israel que prestasen a súa axuda a Salomón, seu fillo. 18—"Non está convosco Iavé, o voso Deus, e non nos deu El paz en todas partes? El puxo nas miñas mans os moradores da terra, e a terra está sometida ante Iavé e diante do seu pobo. 19Poñede, pois, todo o voso corazón e o voso ánimo en buscar o Señor, o voso Deus; erguédevos e edificade o santuario de Iavé Deus, para traer a arca da alianza do Señor e os seus utensilios consagrados a Deus ó templo edificado no nome de Iavé".

Currently Selected:

1 Crónicas 22: ABGS

Highlight

Copy

Compare

Share

None

Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in