1 Crónicas 21
21
O censo do pobo
1Alzouse Satán contra Israel e incitou a David a facer o censo de Israel. 2David dixo a Ioab e ós xefes do pobo: —"Ide facer o censo de Israel, desde Beerxeba ata Dan, e traédemo para que eu saiba o seu número". 3Ioab respondeu a David: —"Oxalá fixera Iavé cen veces máis numeroso o seu pobo. Pero non, señor, non son todos servidores teus? Para que pide isto o meu señor? Para que facer unha cousa que será vista como pecado de Israel?". 4O rei persistiu na orde que lle dera a Ioab, e Ioab partiu e percorreu todo Israel. 5Cando volveu a Xerusalén, Ioab entregou a David o número do censo do pobo. Había en todo Israel un millón cen mil homes en condicións de levar armas, e en Xudá catrocentos setenta mil bos. 6Entre eles non fixo o censo de Leví e Benxamín, porque Ioab aborrecía a orde do rei. 7A orde desagradou a Deus e castigou a Israel.
8Entón dixo David a Deus: —"Cometín nisto un gran pecado. Pídoche que perdoes a iniquidade do teu servo, pois obrei coma un insensato".
9Iavé falou así a Gad, o vidente de David: 10—"Vai e dille a David: así fala Iavé: tres pragas che propoño para que elixas unha coa que ferirte". 11Gad viu a David e díxolle: —"Así fala Iavé: escolle para ti: 12tres anos de fame ou tres meses de derrota ante os teus inimigos, dándoche alcance a espada dos teus adversarios, ou tres días nos que a espada de Iavé e a peste estarán sobre o país, mentres o anxo de Iavé levará a destrución a todo o territorio de Israel. Dime, pois, o que teño que responder ó que me envía". 13David respondeu a Gad: —"Véxome nun bo apuro, mais caia eu nas mans do Señor, que é grande en misericordia, e non caia nas mans dos homes".
14Mandou Iavé a peste sobre Israel e caeron setenta mil israelitas. 15Deus mandou un anxo a Xerusalén para destruíla, e cando xa a estaba destruíndo, mirou o Señor e arrepentiuse daquel mal, e díxolle ó anxo destrutor: —"Abonda, retira xa a túa man". O anxo de Iavé estaba onda a eira de Ornán o iebuseo. 16David alzou os ollos e viu o anxo de Iavé entre a terra e o ceo, tendo na súa man a espada desenvaiñada, volta contra Xerusalén. Entón David e os anciáns, vestidos de saco, caeron sobre os seus rostros. 17David dixo a Deus: —"Non fun eu quen mandou facer o censo do pobo? Fun eu quen pecou e fixo o mal; pero estas ovellas, que fixeron? Iavé, meu Deus!, carga a túa man sobre min e sobre a casa de meu pai e non haxa praga no teu pobo". 18O anxo de Iavé dixo a Gad que falase a David para que subise a levantar un altar na eira de Ornán, o iebuseo, 19e subiu David, cumprindo a orde que Gad lle dera no nome do Señor. 20Ornán, que estaba mallando no millo, volveuse e viu o anxo e escondeuse cos seus catro fillos.
21Cando chegou David cerca de Ornán, mirou Ornán e viu a David, e saíndo da eira, postrouse ante David co rostro en terra. 22David dixo a Ornán: —"Déixame o terreo da eira para que levante un altar a Iavé; pagareicho polo xusto prezo, para que se retire a praga sobre o pobo". 23Ornán respondeu a David: —"Tómaa, e que o meu señor, o rei, faga nela o que lle pareza ben; mira, douche os bois para o holocausto, os mallos para a leña e o trigo para a ofrenda. Doucho todo". 24Pero o rei dixo a Ornán: —"Non. Quero comprarcha polo seu valor en prata, pois non vou eu presentarlle ó Señor o que é teu, nin ofrecerlle un holocausto que non me custa nada". 25Deu David a Ornán seiscentos siclos de ouro polo lugar, 26edificou alí un altar a Iavé e ofreceulle holocaustos e sacrificios de comuñón. Invocou a Iavé, e o Señor respondeulle co lume que do ceo descendeu sobre o altar do holocausto. 27Entón falou Iavé ó anxo, que volveu a espada ó seu sitio.
28Vendo David que o Señor o escoitara na eira de Ornán, o iebuseo, sacrificaba alí, 29pois o tabernáculo de Iavé, que Moisés fixera no deserto, e o altar dos holocaustos estaban entón á altura de Gabaón. 30Pero David non puidera ir ante el para consultar a Deus, porque a espada do anxo de Iavé o encheu de medo.
Currently Selected:
1 Crónicas 21: ABGS
Highlight
Copy
Compare
Share
Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in
Dereitos reservados: SEPT