YouVersion Logo
Search Icon

Zacarías 7

7
SEGUNDA PARTE: SERIE DE ORÁCULOS SALVÍFICOS ACERCA DO XAXÚN
Primeira resposta ó pobo de Xerusalén
1No ano catro do rei Darío, veulle a palabra do Señor a Zacarías, o día catro do noveno mes de Casleu. 2Betel encargou a Saréser e ó oficial do rei e ós seus homes de iren implorar a presenza favorable do Señor, 3e dicirlles ós sacerdotes que había no templo do Señor dos Exércitos e ós profetas: "Hei de seguir facendo a lamentación no quinto mes, privándome de todo tal e como o veño facendo desde hai tantos anos?".
4Entón veume a palabra do Señor nestes termos:
5"Fálalles a todo o pobo do país e ós sacerdotes nestes termos:
Vós cando xaxuades e facedes lamentación no quinto e no sétimo mes,
xa hai disto setenta anos, practicades o xaxún precisamente por min?
6Cando comedes e bebedes, non o facedes por vós, comellóns e bebedores?
7Acaso non coñecedes as palabras que o Señor proclamou por medio dos antigos profetas,
cando Xerusalén estaba habitada e vivía tranquila
o mesmo cás cidades do seu arredor
cando o Négueb e a Xefelah estaban habitados?"
Razón polas que o xaxún aínda ha de continuar
8Veulle a palabra do Señor a Zacarías nestes termos:
9"Así fala o Señor dos Exércitos:
Sentenciade sentencia fiel.
Practicade cada un co seu irmán a bondade e a misericordia.
10A viúva e ó orfo, ó emigrante e ó pobre, non os oprimades.
Non matinedes nos vosos corazóns o mal, cada un contra o seu irmán".
11Pero vós rexeitastes facer caso, puxestes ombro rebelde e endurecestes os vosos oídos para non escoitardes 12e volvestes o voso corazón un diamante, para non facerdes caso desta lei e destas palabras, que o Señor dos Exércitos enviou mediante o seu Espírito por obra dos antigos profetas.
Por isto houbo grande carraxe de parte do Señor dos Exércitos. 13E sucedeu que, o mesmo que eu chamaba e vós non faciades caso, así tamén eles clamaban e eu non lles facía caso —di o Señor dos Exércitos—. 14Eu espalleinos entre as nacións que non coñecían, e o país quedou feito unha desolación detrás deles, sen haber quen o cruzase nin o habitase. Deste xeito converteron un país de delicias nunha desolación".

Currently Selected:

Zacarías 7: ABGS

Highlight

Share

Copy

None

Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in