Zacarías 6
6
Oitava visión
A) Os catro carros e a volta dos exiliados
1Volvín levantar os meus ollos, e tiven unha visión: velaí, catro carros saían de entre as dúas montañas e as montañas eran de bronce. 2No primeiro carro había cabalos vermellos; no segundo, cabalos negros; 3no terceiro, cabalos brancos; e no cuarto, cabalos baios.
4Logo tomei a palabra e pregunteille ó anxo que falaba comigo: "Que é isto, meu Señor?". 5O anxo respondeu: "Estes catro saen na dirección dos ventos do ceo, despois de estaren na presenza do Señor de toda a terra. 6O carro no que están os cabalos negros sae para o país do norte; os brancos, para o occidente daqueles; e os baios, para o país do sur. 7Os cabalos baios saen e tratan de camiñar e de percorrer o país". El díxolles: "Marchade e percorrede o país". E eles percorreron o país. 8El berrou e díxome: "Mira, os que saen para o país do norte fan repousar o espírito do Señor no país do norte.
B) A coroación de Zerubabel e Iehoxúa
9Veume a palabra do Señor nestes termos: 10"Recolle bens de entre os deportados de Heldai, de Tobías, de Iedaías. O día que volvas, traeralos á casa de Ioxías, fillo de Sefanías, que xa volveu de Babilonia. 11Has de coller a prata e o ouro, farás unhas coroas e poralas na cabeza do sumo sacerdote Iehoxúa, fillo de Iehosadac, e na de Zerubabel. 12E diraslle a este: Así fala o Señor dos Exércitos:
Velaí un home, que ten por nome Refillo,
e por debaixo de si xermolará,
e construirá o santuario do Señor.
Si, el reconstruirá o santuario do Señor.
13Levantará a maxestade rexia,
e sentarase para reinar sobre o seu trono,
haberá un sacerdote sobre o seu propio trono,
e entre os dous traerán a prosperidade.
14No santuario do Señor a coroa servirá de memorial de Heldai, de Tobías e de Iedaías, e da xenerosidade do fillo de Sefanías".
15Os que están lonxe virán e construirán o santuario do Señor, e entón recoñeceredes que o Señor dos Exércitos me mandou onda vós. Isto sucederá, se vós facedes caso en serio da voz do Señor, o voso Deus".
Currently Selected:
Zacarías 6: ABGS
Highlight
Share
Copy
Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in
Dereitos reservados: SEPT