YouVersion Logo
Search Icon

Zacarías 4

4
Quinta visión: o candelabro, o sacerdote e o príncipe mesiánico
1O anxo que falaba comigo volveu e espertoume, como quen esperta do sono. 2E díxome: "Que ves ti?" Contesteille: "Tiven unha visión, e velaí un candelabro todo el de ouro coa aceiteira na súa cima e sete lámpadas nel, e sete bicos nas lámpadas que tiña na súa cima. 3O lado había dúas oliveiras, unha á dereita da aceiteira e outra á súa esquerda". 4Logo collín a palabra e díxenlle ó anxo que falaba comigo: "Meu Señor, que son estas cousas? 5E o anxo que falaba comigo respondeume: "Non sabes que son estas cousas? Eu díxenlle: "Non, meu Señor". 6El repúxome: "Esta é a palabra do Señor acerca de Zerubabel, nestes termos:
Non é polo poder, nin pola forza, senón polo meu Espírito —di o Señor dos Exércitos—.
7Quen es ti, grande montaña? Diante de Zerubabel resultas ser unha chaira.
Si, el é quen coloca a pedra da clave do arco.
Hai clamores: Que bonita! Que bonita é!"
8Veume a palabra do Señor nestes termos:
9"As mans de Zerubabel puxeron os alicerces deste templo
e as súas mans rematárono.
Así recoñeceredes que o Señor dos Exércitos
me encargou de vir a vós.
10A quen desprezou o día dos pequenos comezos?
Que se alegren ó ver a pedra da chumbada na man de Zerubabel.
Estes sete bicos son os ollos do Señor que percorren toda a terra". 11Eu collín a palabra e pregunteille: "Que significan esas dúas oliveiras á dereita do candelabro e á súa esquerda?" 12Volvín coller a palabra de segundas e díxenlle: "Que significan as dúas pólas da oliveira, cos dous tubos de ouro que levan o aceite da primeira prensadura?" 13El díxome así: "Non sabes o que significa?" Contesteille: "Non, meu Señor". 14El dixo: "Estes son os dous que están marcados co aceite, e mantéñense de pé ó lado do Señor de toda a terra".

Currently Selected:

Zacarías 4: ABGS

Highlight

Share

Copy

None

Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in