Bible App logo
Search Icon

Eclesiástico 19

19
1Quen tal fai non chegará a rico,
quen desbota o pequeno arruínase ós poucos.
2O viño e as mulleres volven o ánimo lercho
e quen se xunta con rameiras faise máis desvergonzado aínda;
3A podremia e os vermes farán presa del,
pois o temerario será aniquilado.
Do falar e das lerias
4O que axiña confía é un espírito lixeiro
e quen peca faise mal a si mesmo;
5quen se goza no mal será danado,
6quen aborrece as lerias diminúe en malicia.
7Non vaias repetindo unha leria
e ninguén te amolará;
8non leves contos a amigo nin inimigo
e se non é con dano teu, non o reveles,
9doutro xeito quen te escoite gardarase de ti
e chegará a odiarte.
10Escoitaches algo? —Que morra contigo!
Resiste, que non vas estoupar.
11Diante dunha noticia o insensato entra en dores
coma a parturiente ó chegar o neno.
12Coma unha frecha espetada na coxa
é unha noticia na entraña do parvo.
13Inquire do teu amigo; pode que non fixese nada,
e se fixo algo, para que non continúe.
14Inquire do veciño; pode que non dixese nada,
e se dixo algo, para que non o repita.
15Inquire do teu amigo: dinse tantas calumnias!
Non deas creto a todo o que se fala!
16Tamén hai quen esvara sen pretendelo.
Quen hai que nunca pecase coa lingua?
17-19Inquire do teu veciño antes de chegares ás ameazas,
e deixa lugar á lei do Altísimo.
Falsas sabedorías
20-21O temor de Deus é o celme de toda Sabedoría
e en toda Sabedoría hai cumprimento da lei.
22Non é Sabedoría coñecer a malicia,
nin prudencia o matinar dos pecadores.
23Hai unha habilidade que é abominable
como existe un parvo que carece de Sabedoría.
24Mellor é o minguado de siso, máis temeroso
có que abonda en intelixencia e viola a lei.
25Hai sagacidade sutil, mais inxusta:
a de quen recorre a manexos para se dar aires de recto.
26Hai quen camiña cangado pola coita,
mais no seu interior está cheo de engano;
27baixa a cabeza, faise o xordo,
mais cando non te decatas aprovéitase de ti;
28e se por falta de forzas non pode pecar,
cando atope ocasión fará o mal.
29Polo aspecto coñécese o home
e polo porte da faciana o sabio.
30O atavío dun home, o riso dos seus labios
e o xeito de camiñar amosan o seu carácter.

Currently Selected:

Eclesiástico 19: ABGS

Highlight

Copy

Compare

Share

None

Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in