YouVersion Logo
Search Icon

Apocalipse 6

6
SEGUNDA SECCIÓN: ÁBRESE O LIBRO SELADO CON SETE SELOS
Os catro primeiros selos: os catro cabaleiros
1E mirei, cando o Año abriu o primeiro dos sete selos e oín que un dos catro animais berraba con voz de trebón: "Ven". 2E mirei e vin un cabalo branco. O seu cabaleiro tiña un arco. Déuselle unha coroa e saíu coma vencedor e para seguir vencendo.
3E cando abriu o segundo selo, oín que o segundo animal dicía: "Ven". 4E saíu outro cabalo vermello. O seu cabaleiro déuselle poder de quitar a paz da terra e facer que se degolen uns ós outros e déuselle tamén unha espada grande.
5E cando abriu o terceiro selo, oín que o terceiro animal dicía: "Ven". E mirei e vin un cabalo negro. O seu cabaleiro tiña unha balanza na man. 6E oín algo, coma se fose un berro, no medio dos catro animais, que dicía: "Un cuarto de ferrado de trigo por un denario; e tres cuartos de ferrado de cebada por un denario! Pero ó aceite e ó viño non lles fagas mal".
7E cando abriu o cuarto selo, oín a voz do cuarto animal, que dicía "Ven". 8E mirei e vin un cabalo cardoso. O seu cabaleiro chámase Morte e seguíao o Hades. Déuselle o poder sobre a cuarta parte da terra, para matar coa espada, coa fame, co andazo e coas feras da terra.
O quinto selo: os mártires chaman a Deus
9E cando abriu o quinto selo, vin baixo o altar as ánimas dos degolados por mor da palabra de Deus, e por gardaren ben o seu testemuño. 10E a grandes berros preguntaron: "Ata que día, noso Dono santo e verdadeiro tardarás en facer xustiza e en vingar o noso sangue contra os veciños da terra?" 11Déuselles cadanseu vestido branco e díxoselles que parasen unha miga, ata que se completase o número dos seus compañeiros e irmáns, que os ían matar axiña como os mataran a eles.
O sexto selo: intervención terrible de Deus
12E vin, cando abriu o sexto selo, que houbo un gran terremoto. O sol virou mouro coma un pano de picote e a lúa volveuse en sangue. 13As estrelas do ceo caeron na terra, como a figueira solta os seus figos, cando zorrega nela un gran vento. 14O ceo retirouse coma un rolo de pergamiño cando se recolle, e todos os montes e illas se moveron do seu posto. 15Os reis da terra, e os seus grandes, os xenerais, os ricos, os fortes e todos, servos e libres, agacháronse nas covas e entre os penedos dos montes. 16E dicíanlles ós montes e ós penedos: "Caede enriba de nós e ocultádenos da presenza do que está sentado no trono e da ira do Año! 17Porque chegou o día grande da súa ira e quen o poderá aturar?"

Currently Selected:

Apocalipse 6: ABGS

Highlight

Copy

Compare

Share

None

Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in