Apocalipse 5
5
1E vin na dereita do que estaba sentado no trono un libro escrito por fóra e por dentro, pechado con sete selos. 2E vin un anxo forte, que clamaba con gran voz: "Quen pode abrir o libro e desenlear os seus selos?"
3E ninguén no ceo nin na terra nin debaixo da terra, daba aberto o libro nin lido nel. 4E eu choraba moito, porque non se atopaba ninguén digno de abrir o libro nin de ler nel.
5Pero díxome entón un dos anciáns: "Non chores, velaquí o león da raza de Xudá e rebento da raíz de David: venceu, e deste xeito pode abrir o libro e os seus sete selos".
6E vin no medio do trono e dos catro animais e diante dos anciáns, un Año en pé, coma se estivese degolado, con sete cornos e sete ollos, que son os sete espíritos de Deus, mandados a toda a terra. 7O Año achegouse ó trono e recibiu o libro da man dereita de quen está sentado no trono. 8Cando o colleu, os catro animais e os vinte e catro anciáns axeonlláronse diante do Año, con cadansúa cítara e con frascos de ouro cheos de perfumes, que son as oracións do pobo santo. 9E cantaban un canto novo:
"Ti es merecente de recibir o libro,
e de abrir os selos,
porque te degolaron e adquiriches para Deus co teu sangue
xentes de toda raza, lingua, pobo e nación.
10E fixeches deles un reino de sacerdotes para o noso Deus e reinarán na terra".
11E vin e oín a voz de moitos anxos arredor do trono e dos animais e dos anciáns: o número deles era de milleiros e milleiros. 12Proclamaban con forte voz:
"Merecente é o Año, por estar degolado,
de recibir o poder, a riqueza, a sabedoría, a forza,
a honra, a gloria e a bendición".
13E oín que todas as criaturas que están no ceo e na terra e debaixo da terra e enriba do mar e todas as cousas que hai nelas, proclamaban:
"Para quen está sentado no trono e para o Año:
a bendición, a honra, a gloria e o poder
polos séculos dos séculos".
14E os catro animais dicían: "Amén" e os anciáns caeron en adoración.
Currently Selected:
Apocalipse 5: ABGS
Highlight
Copy
Compare
Share
Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in
Dereitos reservados: SEPT