Bible App logo
Search Icon

Salmos 72

72
(71) Os bens da era mesiánica
1De Salomón.
Outórgalle, Deus, o teu xuízo ó rei;
ó fillo de reis, a túa xustiza.
2Que rexa ó teu pobo rectamente
e ós teus pobres con equidade.
3Os montes ofreceranlle prosperidade ó pobo,
os outeiros, xustiza.
4El dará o dereito ós humildes,
socorrerá os indixentes,
esmagará os opresores.
5Durará canto dure o sol
tanto coma a lúa, polas xeracións.
6Será coma chuvia no prado,
coma trebón que rega os terreos.
7Florecerá a xustiza nos seus días,
unha prosperidade duradeira como a lúa.
8Dominará de mar a mar,
desde o gran río ata o cabo da terra.
9Diante del caerán os inimigos,
lamberán o po os adversarios.
10Traeranlle dons os reis de Tárxix e das illas,
os reis de Saba e de Sebá pagaranlle tributo.
11Postraranse ante el todos os reis da terra,
servirano todas as nacións.
12El librará ó pobre que suplica,
ó aflixido que está sen axuda.
13Terá piedade dos febles e indixentes,
salvará a vida dos pobres;
14rescataraos da inxuria e da opresión,
pois a súa vida e o seu sangue
son preciosos ós seus ollos.
15Vivirá e traeranlle ouro de Saba,
pedirán sempre por el,
todo o día o bendicirán.
16Abundará o trigo nos campos,
nos montes ondularán coma no Líbano os froitos,
florecerán as vilas coma a herba dos agros.
17Que o seu nome dure por sempre
e a súa sona igual có sol.
Que se bendigan nel todos os pobos
e que o proclamen ditoso.
18Bendito sexa o Señor, Deus de Israel,
o único que fai marabillas.
19Bendito sexa por sempre o seu nome glorioso
e que a terra se encha da súa gloria.
Amén. Amén.
20Fin das oracións de David, fillo de Ixaí.

Currently Selected:

Salmos 72: ABGS

Highlight

Copy

Compare

Share

None

Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in