Bible App logo
Search Icon

Salmos 71

71
(70) Darasme vida de novo
1En ti, Señor, acóllome,
que endexamais non me vexa confundido.
2Pola túa xustiza, líbrame, deféndeme,
inclina o teu oído e sálvame.
3Se ti a rocha do meu refuxio
sempre disposta para salvarme:
Ti que es a miña forte cidadela.
4Rescátame, meu Deus, do poder dos malvados,
do puño do criminal e do opresor.
5Ti es, Señor, a miña esperanza,
a miña confianza, Señor, desde a mocidade.
6Desde o nacemento apóiome en ti,
desde o seo materno ti es o meu amparo,
a ti vai sempre o meu loor.
7Para moitos convertinme en escarmento,
mais ti es para min forte refuxio.
8Da túa loanza está chea a miña boca,
e da túa glorificación, o día enteiro.
9Non me rexeites na vellez,
non me abandones cando me faltan as forzas,
10pois dirían de min os inimigos,
murmurarían os que me axexan:
11—"Deus teno abandonado:
perseguídeo, agarrádeo,
pois non hai quen o salve".
12Non te afastes, Deus, de min,
date présa en axudarme.
13Que se vexan confusos e abatidos
os que atentan contra min;
que se cubran de vergonza e confusión
os que buscan o meu mal.
14Eu sigo sempre esperando,
engadindo loanza á túa loanza.
15A miña boca pregoa a túa xustiza,
a túa salvación, o día enteiro.
Aínda sen as poder contar,
16falarei das fazañas do Señor:
de ti, só de ti, cantarei a xustiza.
17Desde a mocidade ensínasme ti, Deus,
e aínda hoxe eu canto os teus prodixios.
18Agora na vellez e nas canas
non me abandones, meu Deus,
para lle contar do teu brazo á xeración presente,
e do teu poder a todas as vindeiras.
19A túa xustiza, Deus, chega ás alturas,
ti fixeches cousas grandes:
quen coma ti, meu Deus?
20Ti fixéchesme probar apuros e aflicións,
pero de novo me darás a vida
e volverasme erguer dos abismos da terra.
21Acrecerás a miña dignidade
e outra vez has consolarme.
22Eu dareiche as grazas coa arpa,
meu Deus, pola túa fidelidade;
tocarei para ti a cítola,
Santo de Israel.
23Aclamarante con cantos os meus labios
e esta vida que ti rescataches.
24A miña lingua cantará decote a túa xustiza,
mentres fican avergonzados e confusos
os que buscan o meu mal.

Currently Selected:

Salmos 71: ABGS

Highlight

Copy

Compare

Share

None

Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in