Salmos 7
7
Haberá xustiza para o oprimido
1Lamentación, de David. Cando lle cantou ó Señor, polo de Cux o benxaminita.
2Señor, meu Deus, en ti acóllome;
líbrame dos meus perseguidores, sálvame,
3non me atrapen coma leóns:
esnaquizan e non hai quen se salve.
4Señor, meu Deus, se fixen isto,
se nas miñas mans hai maldade,
5se lle correspondín mal ó amigo,
deixando escapar o inxusto opresor,
6que o inimigo me persiga e me aprese,
que me esmague vivo contra o chan
e bote por terra o meu honor.
7Érguete, Señor, na túa ira,
imponte á rabia do opresor,
sae por min, ti que chamas a xuízo.
8Que te rodee a asemblea das nacións,
e ti pon o asento enriba dela.
9O Señor xulga os pobos:
xúlgame, Señor, conforme á miña xustiza,
ten en conta a miña inocencia.
10Que se acabe a maldade dos impíos,
e confirma ós inocentes,
ti, que sondas o corazón e as entrañas,
ti, que es o Deus xusto.
11Deus é o meu escudo,
el salva ós que son rectos.
12Deus é un xuíz xusto,
un Deus que ameaza cada día.
13Se non se converten, afía a espada,
tensa o arco e apunta;
14prepara armas de morte,
tira frechas acesas.
15Quen concibe a maldade
está preñado de malicia e dá a luz o engano.
16Cava unha cova e afóndaa,
e cae el mesmo na cova que fixo.
17A súa maldade recae na súa cabeza,
sobre a propia testa volva a súa violencia.
18Loarei ó Señor pola súa xustiza,
cantarei o nome do Altísimo.
Dereitos reservados: SEPT