Bible App logo
Search Icon

Salmos 69

69
(68) Pobre e enfermo
1Do mestre do coro, con cítolas de Xuxán. De David.
2Sálvame, Deus,
que me chegan as augas ó pescozo;
3que me estou afogando nunha lama profunda,
sen poder facer pé;
que me estou mergullando no abismo das augas,
envolto polas correntes.
4Estou esgotado de berrar,
a miña gorxa está rouca;
os meus ollos anúbranse
agardando ó meu Deus.
5Son máis cós meus cabelos
os que me aborrecen sen razón,
máis duros cós meus ósos
os que inxustamente me perseguen;
debo devolver o que nunca roubei.
6Ti, Deus, coñeces a miña ignorancia,
os meus delitos non se che esconden.
7Que en min non se defrauden os que esperan en ti,
Señor, Señor dos exércitos;
non se avergoncen por min os que te buscan,
Deus de Israel.
8Por ti aturo eu afrontas
e cóbreme a cara a vergonza.
9Volvinme estraño para meus irmáns,
alleo ós fillos da miña nai.
10Consómeme o celo da túa casa
e as aldraxes dos que te aldraxan
caen enriba de min.
11Se me aflixo co xaxún,
fan escarnio de min;
12se me visto de saco,
vólvome o conto de todos:
13sentados á porta murmuran contra min
e sácanme coplas, mentres beben.
14Mais eu, Señor, suplico cara a ti,
na hora, meu Deus, do teu favor.
Pola túa moita bondade,
respóndeme, pois ti es o socorro verdadeiro.
15Sácame da lama e que non afogue,
líbrame dos que me aborrecen
e das augas sen fondo.
16Non me envolvan as correntes,
non me engula o remuíño
e non peche o pozo a boca sobre min.
17Respóndeme, Señor, conforme ó teu amor,
pola túa misericordia, vólvete a min.
18Non escondas a túa cara ó teu servo;
estou no apuro; respóndeme axiña;
19Achégate a min, rescátame,
líbrame dos meus inimigos.
20Ti coñeces a miña afronta,
a miña aldraxe, o meu oprobio;
á túa vista están os que me asoballan.
21A afronta québrame o corazón, e desfalezo,
agardo compaixón, e non a hai;
quen me console, e non o atopo.
22Na comida bótanme fel
e para a sede danme vinagre.
23Que se lles converta en lazo a súa mesa
e os seus banquetes nunha trampa;
24que se lles anubren os ollos e non vexan
e que lles treman os lombos.
25Verte a túa ira sobre eles,
e que o teu noxo os atrape.
26Que os seus campamentos sexan arrasados
e que non haxa habitantes nas súas tendas.
27Xa que abouxan a quen ti feriches
e contan as chagas da túa vítima,
28engádelles culpas sobre culpas
e non teñan acceso á túa xustificación.
29Sexan borrados do libro dos vivos
e non sexan inscritos entre os xustos.
30Mais a min, pobre e doente,
érgueme, Deus, co teu socorro.
31Loarei a Deus con cantos,
gabareino con acción de grazas.
32Praceralle ó Señor máis ca un touro,
ca un xovenco de cornos e de unllas.
33Olládeo, humildes, e alegrádevos,
avivecede o corazón os que buscades o Señor,
34pois o Señor escoita ós humildes,
non despreza ós seus na cadea.
35Lóente o ceo e mais a terra.
36Abofé, salvará Deus a Sión:
recomporá as vilas de Xudá,
haberá quen as herde e as habite.
37Herdaranas os fillos dos seus servos,
habitaranas os que aman o seu nome.

Currently Selected:

Salmos 69: ABGS

Highlight

Copy

Compare

Share

None

Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in