Bible App logo
Search Icon

Salmos 68

68
(67) Desde Sinaí ó santuario
1Do mestre do coro. Salmo de David, cántiga.
2Érguese Deus e dispérsanse os seus inimigos,
foxen da súa presenza os adversarios.
3Disípanse coma fume que esvaece,
coma cera que co lume derrete.
Así perecen diante de Deus os malvados,
4pero os xustos alégranse, exultan na súa presenza,
reloucan de contento.
5Loade o Señor, cantade o seu nome,
abride camiño ó que cabalga polas gándaras.
Chámase Señor: exultade diante del.
6Os orfos teñen un pai, as viúvas un vingador:
Deus na súa morada santa.
7Deus dálles fogar ós solitarios,
libra os presos e enriquéceos,
mentres os rebeldes quedan en terra reseca.
8Cando saías, Deus, á fronte do teu pobo
e avanzabas polo deserto,
9A terra tremeu e os ceos destilaron,
diante do Deus do Sinaí,
diante do Deus de Israel.
10Vertiches, Deus, chuvia xenerosa,
fortaleciches a herdade extenuada.
11O teu rabaño apousentou no lugar
que ti, Deus, dispuxeras na túa bondade para os pobres.
12O Señor dá a palabra
e miles de mensaxeiros pregoan a boa nova.
13Foxen os xefes do exército, foxen;
e mentres vós descansades nos pasteiros,
as mulleres da casa reparten o botín:
14pombas de ás de prata,
plumas de ouro brillante.
15Mentres o Todopoderoso dispersa alí ós reis,
cae a neve no Salmón.
16Montañas altas, montañas de Baxán,
montañas esgrevias, montañas de Baxán,
17por que, montañas esgrevias, ollades con envexa
o monte que Deus elixiu para a súa morada?
O Señor habitará por sempre nel!
18Os carros de Deus son miles de milleiros,
o Señor vén neles do Sinaí ó santuario.
19Subiches á altura e levaches cativos,
colliches tributo en homes, tamén homes rebeldes,
para a túa morada, Señor Deus.
20Bendito sexa o Señor, cada día:
Deus, o noso salvador, coida de nós,
21Deus é para nós un Deus que salva,
no Señor Deus temos escape da morte.
22Deus esmagalles a cabeza ós inimigos,
o cranio ós que camiñan na maldade.
23O Señor di: —"Traereinos de Baxán,
traereinos do profundo do mar,
24para que tingas os pes no sangue do inimigo,
e a lingua dos teus cans teña tamén a súa parte".
25Vense, Deus, ás túas procesións,
as procesións do meu Deus, do meu rei, no santuario.
26Diante van os cantores,
detrás os que tocan as arpas,
no medio as doncelas, tocando pandeiros.
27Bendicide a Deus en coros,
ó Señor desde a orixe de Israel.
28Alí dirixe Benxamín, o máis novo,
os xefes de Xudá coas súas tropas,
os xefes de Zebulón e de Naftalí.
29Desprega, Deus, o teu poder,
o poder que despregas por nós,
30e ó teu templo de Xerusalén
traeranche presentes os reis.
31Ameaza á fera do canaval,
á tropa de touros e xovencos das nacións.
Que se sometan, pagándoche tributo,
dispersa os pobos guerreiros.
32Que veñan os magnates de Exipto
e que Etiopía estenda cara a Deus as súas mans.
33Loade a Deus, reinos da terra,
cantade salmos ó Señor,
34o que cabalga polos ceos, polos ceos antigos,
o que lanza a súa voz, a súa voz potente.
35Recoñecédelle a Deus o poder
a súa maxestade brilla en Israel,
e sobre as nubes o seu poder.
36Desde o seu santuario Deus móstrase terrible:
o Deus de Israel
é quen lle dá forza e vigor ó seu pobo.
Bendito sexa Deus!

Currently Selected:

Salmos 68: ABGS

Highlight

Copy

Compare

Share

None

Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in