Bible App logo
Search Icon

Salmos 51

51
(50) Miserere
1Do mestre do coro. De David. 2Cando o veu ver Natán o profeta, despois de se ter xuntado David con Batxeba.
3Apiádate de min, meu Deus, pola túa bondade,
pola túa misericordia, borra o meu pecado;
4lávame ben da miña iniquidade,
límpame da miña culpa.
5Eu recoñezo o meu pecado
e teño sempre presente a miña culpa.
6Contra ti, contra ti mesmo, eu pequei
e fixen o que é malo ós teus ollos:
por iso será xusta a túa sentencia
e aparecerá recto o teu xuízo.
7Si, eu nacín no pecado,
no mal concibiume miña nai;
8e ti amas a verdade no corazón
e no íntimo ensínasme sabedoría.
9Purifícame co hisopo, e serei limpo,
lávame ti, e quedarei branco coma a neve.
10Faime sentir o gozo e a ledicia,
que relouquen os meus ósos quebrantados.
11Arreda do meu pecado a túa vista
e borra as miñas culpas.
12Crea, Deus, en min un corazón puro,
renóvame por dentro cun espírito firme.
13Non me botes da túa presenza
e non tires de min o teu santo espírito.
14Devólveme a alegría da túa salvación,
sostenme co espírito xeneroso.
15Ensinarei o teu camiño ós pecadores
e volverán a ti os descarreirados.
16Líbrame dos delitos de sangue,
Señor, meu Deus e salvador,
e a miña lingua contará a túa xustiza.
17Abre, Señor, os meus labios,
e a miña lingua pregoará a túa loanza.
18Con sacrificios ti non te compraces,
se che ofrezo holocaustos, non os aceptarás:
19O meu sacrificio, Deus, será o espírito contrito:
o corazón contrito e humilde
ti, Deus, non o desprezas.
20Faille ben a Sión, pola túa bondade,
restaura os muros de Xerusalén.
21Entón aceptarás os sacrificios puros,
inmolaranse xovencos nos teus altares.

Currently Selected:

Salmos 51: ABGS

Highlight

Copy

Compare

Share

None

Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in