Bible App logo
Search Icon

Salmos 40

40
(39) Non escondo a túa xustiza
1Do mestre do coro. Salmo de David.
2Esperar, eu espero no Señor:
El vólvese para min e escoita o meu lamento.
3Tírame do pozo burbullante,
da poza lamacenta;
ergue os meus pés sobre a rocha
e afirma os meus pasos.
4Ponme na boca un cantar novo,
loanza do noso Deus.
O velo, moitos temerán
e confiarán no Señor.
5Feliz o que pon no Señor a esperanza
e non acode ós arrogantes,
que se extravían no engano.
6Grandes cousas fas, Señor, meu Deus;
nos teus proxectos sobre nós ninguén se che semella.
Se quixese referilos e pregoalos,
excederían toda conta.
7Ti non queres sacrificios e ofrendas
—sobre iso abríchesme o oído—,
non pides holocaustos nin vítimas expiatorias.
8Entón digo: —"Aquí veño
co libro escrito para min".
9Facer a túa vontade, meu Deus, é o que eu quero;
a túa lei está no fondo de min mesmo.
10Proclamo a túa salvación na asemblea,
non pecho os meus labios: ben o sabes, Señor.
11Non escondo no peito a túa xustiza,
anuncio a túa fidelidade e o teu auxilio.
Non encubro o teu amor e a túa verdade
diante da gran asemblea.
12E ti, Señor, non me cerres as entrañas;
que me garden sempre o teu amor e verdade,
pois males sen conto me rodean,
atrápanme as miñas culpas,
xa non podo nin ver.
13Son máis numerosas cós pelos da cabeza,
e fáltame o alento.
14Ten a ben, Señor, salvarme,
corre, Señor, a axudarme.
15Que se vexan confusos e corridos
os que me perseguen á morte;
que volvan para atrás, avergonzados,
os que buscan a miña ruína;
16que enmudezan de vergonza
os que se rin de min.
17Alégrense e folguen contigo
todos os que te buscan;
que poidan sempre dicir
os que arelan a túa salvación:
—"Exaltado sexa o Señor".
18Eu son humilde e pobre,
pero o Señor coida de min.
Ti es a miña rocha, o meu liberador:
meu Deus, non te demores.

Currently Selected:

Salmos 40: ABGS

Highlight

Copy

Compare

Share

None

Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in