Salmos 19
19
(18) Os ceos pregoan
1Do mestre do coro. Salmo de David.
2Os ceos proclaman a gloria de Deus,
o firmamento pregoa as obras das súas mans.
3Un día pásalle ó outro a mensaxe,
unha noite transmítelle á outra a noticia.
4Sen que falen nin conten,
sen que se sinta a súa voz,
5por toda a terra vai o seu anuncio,
ata os confíns do mundo a súa palabra.
O sol púxolle alá no ceo unha tenda:
6coma un desposado, sae da súa alcoba
e, ledo coma un heroe, percorre o seu camiño.
7Ten nun extremo do ceo a saída
e, no seu xiro, chega ó outro extremo:
nada se subtrae á súa calor.
8A lei do Señor é perfecta:
reconforta a alma;
a declaración do Señor é firme:
fai sabio ó inxenuo;
9os mandatos do Señor son rectos:
aledan o corazón;
o precepto do Señor é limpo:
ilumina os ollos;
10o temor do Señor é puro:
permanece por sempre;
as decisións do Señor son verdadeiras:
enteiramente xustas.
11Son máis cobizables có ouro
máis có metal precioso;
son máis doces có mel,
máis có zume da antera.
12Aínda que o teu servo os quere cumprir
e pon coidado en gardalos,
13quen se decata dos erros?
Límpame ti de canto se me esquece,
14preserva ó teu servo da soberbia,
para que non me domine.
Entón serei perfecto,
limpo de pecados graves.
15Dígnate aceptar a palabra
da miña boca,
e o sentir do meu corazón,
Señor, a miña rocha e o meu redentor.
Dereitos reservados: SEPT