Skip to content

Salmos 18

18
(17) Canto de vitoria
1Do mestre do coro. De David, servo do Señor, que recitou esta cántiga diante do Señor, por telo librado do poder de todos os seus inimigos e da man de Xaúl. Dixo:
2Eu ámote, Señor, a miña forza,
3Señor, a miña rocha, o meu castro, o meu refuxio,
meu Deus, penedo onde me acollo,
o meu escudo, o meu alcázar, o meu castelo.
4Eu invoco ó Señor, o adorable,
e salvarame dos meus inimigos.
5As ondas da morte rodéanme,
as correntes do averno atropélanme;
6cínguenme as cordas do abismo,
sorpréndenme as trampas da morte.
7No apuro chamo ó Señor,
suplico cara ó meu Deus.
El escoita a miña voz desde o santuario,
o meu clamor chega ós seus oídos.
8A terra estarrécese e treme,
os fundamentos dos montes estremecen,
abalan por causa da súa ira.
9Do seu nariz sobe fume,
da súa boca lume devorante,
de todo el ascuas acesas.
10Abaixa o ceo e descende
con mesta néboa debaixo dos seus pés.
11Voa a cabalo dun querubín,
subindo nas ás do vento.
12Das tebras fai o seu cerco;
das augas escuras e das mestas nubes,
a tenda que o rodea.
13Co relampo da súa presenza
as nubes desfanse en sarabia e lóstregos.
14O Señor atrona desde o ceo,
o Altísimo fai resoar a súa voz.
15Lanza as súas setas e dispérsaos,
os seus lóstregos enlouquécenos.
16Os fondos do mar déixanse ver,
os fundamentos do orbe quedan espidos,
polas túas ameazas, Señor,
polo soprido da túa ira.
17Desde o ceo tende El a man e cólleme,
tírame das augas caudais.
18Líbrame do inimigo poderoso,
de rivais máis fortes ca min.
19No día funesto fanme fronte,
pero o Señor é o meu arrimo:
20sácame a campo aberto,
sálvame, porque me ama.
21O Señor premia a miña rectitude,
retribúe a miña pureza de conduta.
22Eu gardo os camiños do Señor
e non son rebelde ó meu Deus;
23teño á vista os seus preceptos,
non eludo os seus mandatos,
24son sincero diante del
e gárdome do pecado.
25O Señor retribúe a miña rectitude
e a miña pureza de obrar na súa presenza.
26Co piadoso móstraste piadoso
e co sincero es sincero;
27co puro móstraste puro
e co renarte es retorto.
28Ti salvas os humildes
e abates os soberbios.
29Ti fas lucir a miña candea,
o Señor, meu Deus, aluma as miñas tebras.
30Contigo podo encararme cunha tropa;
co meu Deus, saltar murallas.
31Os camiños de Deus son perfectos,
a palabra do Señor ben probada:
é o escudo para cantos a El se acollen.
32Quen é Deus, fóra do Señor?
Quen unha rocha, fóra de noso Deus,
33o Deus que me cingue de forza
e fai perfecto o meu camiño?
34El dáme pés coma os dos cervos
e ponme nas alturas;
35Adestra as miñas mans para a loita
e os meus brazos para tensar o arco de bronce.
36Ti déixasme o teu escudo salvador,
a túa dereita sostenme,
a túa bondade engrandéceme.
37Fasme dar pasos longos,
e non tremen os meus pés.
38Perseguirei o inimigo ata o pillar,
non volverei sen acabar con el;
39esmagareino xa e non se poderá erguer,
caerá debaixo dos meus pés.
40Ti cínguesme de forza para a loita,
sometes a cantos se me enfrontan.
41Fas que os meus inimigos volvan as costas,
para que eu poida destruír os que me odian.
42Piden socorro, pero ninguén os axuda,
xemen cara ó Señor, mais El non lles responde.
43Espallareinos, coma po diante do vento,
varrereinos, coma lama das rúas.
44Ti líbrasme do pobo en motín,
posme á cabeza das xentes:
pobos non coñecidos réndenme homenaxe.
45Nada máis oír, xa me obedecen,
adúlanme os estranxeiros;
46os estranxeiros embarúllanse
e saen tremendo dos seus refuxios.
47Viva o Señor, bendita a miña rocha;
sexa exaltado Deus, o meu salvador,
48o Deus que me dá satisfacción
e somete pobos ó meu xugo.
49Ti líbrasme dos inimigos,
érguesme sobre os adversarios,
sálvasme dos violentos.
50Por iso hei de loarte, Señor, diante dos pobos:
cantarei o teu nome,
51o que lle dá ó rei grandes vitorias
e mostra misericordia ó seu unxido,
a David e á súa liñaxe, para sempre.