Salmos 107
107
(106) Os redimidos do Señor
1Loade o Señor, que é bo
e o seu amor é eterno.
2Dígano os redimidos do Señor,
os que El redimiu da man dos opresores
3e reuniu de todos os países,
do nacente e do poñente,
do norte e do sur.
4Errando polo deserto solitario,
non atopaban camiño de cidade habitable.
5Famentos e sedentos,
encollíaselles o espírito.
6No apuro clamaron ó Señor
e El librounos da aflición.
7Levounos por camiño dereito
cara a unha cidade habitable.
8Dean grazas ó Señor pola súa misericordia,
polos seus prodixios cos humanos.
9El sacia ós sedentos
e farta de bens ós famentos.
10Xacían na escuridade e nas tebras,
presos de coitas e ferro,
11por se teren rebelado contra a palabra de Deus
e desprezado o consello do Altísimo.
12Aflixiunos El con traballos,
e eles cambaleaban, sen ninguén que lles valese.
13No apuro clamaron ó Señor
e El librounos da aflición.
14Sacounos da escuridade e das tebras
e rompeu as súas cadeas.
15Dean grazas ó Señor pola súa misericordia,
polos seus prodixios cos humanos.
16El rompeu as portas de bronce
e esnaquizou os ferrollos.
17Doentes polos seus erros,
aflixidos polas súas culpas,
18dáballes noxo a comida
e andaban ás portas da morte.
19No apuro clamaron ó Señor
e El librounos da aflición.
20Mandou a súa palabra e sandounos,
rescatounos da perdición.
21Dean grazas ó Señor pola súa misericordia,
polos seus prodixios cos humanos.
22Ofrézanlle sacrificio de loanza
e pregoen con xúbilo os seus feitos.
23Os que baixan nos barcos ó mar,
para facer o seu traballo nas augas abismais,
24poden ver os feitos do Señor,
os seus prodixios no océano.
25Cun aceno del érguese o vento de temporal
e levántanse fortes as ondas:
26érguense cara ó ceo e caen no abismo.
Co estómago revolto, mareados,
27dan voltas coma borrachos:
toda a súa pericia queda en nada.
28No apuro clamaron ó Señor
e El librounos da aflición.
29El troca a tempestade en brisa lene,
e quedan caladas as ondas.
30Alégranse eles coa calma,
e El lévaos ó porto arelado.
31Dean grazas ó Señor pola súa misericordia,
polos seus prodixios cos humanos.
32Celébreno na asemblea do pobo,
lóeno na xunta dos anciáns.
33El converte os ríos en deserto,
o manancial en terra reseca;
34A terra vizosa en salinas,
pola maldade dos moradores.
35El cambia o deserto en lagoa
e a terra seca en manancial.
36Asenta alí os famentos,
e fundan cidade para habitar.
37Sementan agros, plantan viñas
e recollen os froitos.
38Dálles as bendicións, e van a máis
e as súas facendas non minguan.
39Se minguasen e fosen abatidos,
sería polo peso da malicia e das ansias.
40O que bota desprezos sobre os grandes
e os fai errar por unha soidade sen camiños,
41ergue os pobres da miseria
e acrecenta coma rabaños as súas casas.
42O velo, alégranse os rectos,
mentres que a iniquidade pecha a súa boca.
43O sabio terá en conta isto,
entenderá a misericordia do Señor.
Currently Selected:
Salmos 107: ABGS
Highlight
Copy
Compare
Share
Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in
Dereitos reservados: SEPT