Bible App logo
Search Icon

Proverbios 24

24
1Non envexes os malvados
nin areles xuntarte con eles,
2pois as súas mentes matinan destrución
e os seus labios traman a desgraza.
3Un casal constrúese coa Sabedoría
e afíncase co discernimento,
4As súas pezas énchense co saber
dos bens máis prezados e elegantes.
5Máis baril é o sabio có forzudo,
e persoa de saber afianza o poderío,
6pois coa estratexia gañarás a guerra
e o triunfo está nos moitos conselleiros.
7A Sabedoría queda lonxe do parvo:
o tal non abrirá a boca na asemblea da porta.
8O que matina para mal,
levará alcume de intrigante;
9pecado é a intriga do necio
e a xente refuga ó cínico.
10Se te mostras feble no tempo da proba,
feble era a túa forza.
11Libera ós condenados á morte,
non negues axuda ós que van ser executados,
12xa que se despois dis: —"Nós non sabiamos tal",
pensas que o que sopesa as intencións non se decata?
O que vixía a túa vida ben que o sabe,
el retribuirá a cadaquén conforme ós feitos.
13Filliño, toma mel, que che é bo,
o panal é doce ó padal;
14tales son o coñecer a Sabedoría para a túa vida:
se a acadas, terás futuro,
e non será frustrada a túa esperanza.
15Non axexes o casal do home xusto
nin destrúas o seu acougo,
16pois se sete veces cae o home honrado, outras tantas se ergue,
mais os perversos tropezan e non se levantan.
17Non te alegres cando caia o inimigo
nin botes risadas cando tropece,
18non sexa que, ó velo, desagrades ó Señor,
e retire del a súa xenreira.
19Non te alporices contra os malvados
nin envexes os perversos,
20pois o impío non ten futuro
e a candea dos perversos esmorece.
21Meu fillo, teme ó Señor e ó rei,
non te comprometas cos que conspiran,
22pois a súa desfeita sobrevén de súpeto,
e quen sabe cando chegará a ruína das súas vidas.
OUTROS DITOS DE SABIOS (24, 23-24)
23Tamén estas máximas se atribúen ós Sabios:
Dar un xuízo parcial non está ben.
24A quen lle di ó culpable: —"tes a razón"
maldino os pobos, detéstano as nacións,
25mais os que os reprenden quedarán contentos,
e virá sobre eles a bendición cumprida.
26Bica nos labios
quen responde francamente.
27Pon orde no teu traballo exterior,
arránxate na túa leira;
despois poderás construír a casa.
28Non fagas sen máis de testemuña contra o teu veciño,
gústache enganar coa boca?
29Non digas: —"Farei con el o que el fixo comigo;
vaimas pagar conforme ó seu feito".
30Pasei pola leira do preguiceiro,
preto da viña do insensato,
31e estaba toda inzada de silveiras,
toda cuberta de estripos
e o valado de pedra derrubado.
32O velo reflexionei,
ollalo foi aprender unha lección:
33dormes un pouco, moqueas outro pouco,
cruzas os brazos un intre para repousar,
34e achégaseche a pobreza coma un moinante
e a necesidade coma un mendigo.

Currently Selected:

Proverbios 24: ABGS

Highlight

Copy

Compare

Share

None

Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in