Bible App logo
Search Icon

Proverbios 23

23
1Cando sentes a xantar co xefe,
considérate ben de quen tes diante;
2ponte ti mesmo unha navalla na gorxa
se es bo comellón;
3que non te tenten as súas lambetadas,
pois son xantar que engana.
4Non te esgotes en facer fortuna,
deixa de darlle voltas ó maxín;
5Apartas dela os ollos, e esmorece.
pois pode botar ás
e coma a aguia fuxir voando cara ó ceo.
6Non vaias ó banquete do avarento
nin areles as súas peperetadas;
7é coma un pelo de través na gorxa;
dirache: —"come e bebe!"
mais non lle interesas ren.
8Vomitarás o que comiches
malgastando as túas amables razóns.
9A oídos parvos non fales,
desprezarán o bo senso das túas palabras.
10Non removas os lindeiros de sempre
nin te metas nas leiras dos orfos,
11pois o seu vingador é poderoso,
e defenderaos no preito contra ti.
12Pon mentes na corrección,
e ten oído para as palabras instrutivas.
13Non lle aforres o reproche ó mozo:
porque lle deas coa vara non vai morrer;
14en troques, se o bates coa vara,
acaso o salves do Xeol.
15Meu fillo, se o teu corazón é sabio,
hase alegrar tamén o meu corazón,
16e reloucarán as miñas entrañas,
se os teus labios falan axeitadamente.
17Non sinta envexa a túa mente dos pecadores,
matine máis ben todos os días no temor do Señor,
18dese xeito agardarache un bo porvir
e a túa esperanza non será frustrada.
19Escoita, filliño, e faraste sabio,
endereita a túa mente pola vía xusta.
20Non te xuntes cos bébedos
nin cos engulidores de carne,
21pois o bébedo e o larpeiro empobrecen
e darse á nugalla leva a vestir de farrapos.
22Escoita a teu pai, que te xerou;
e non desbotes a túa nai, se vai vella.
23Merca a verdade e non a vendas,
a Sabedoría, a Instrución e a Intelixencia.
24Reloucará gozoso o pai do xusto;
quen xerou a un sabio, aledarase con el,
25teu pai e túa nai encheranse de alegría
e exultará a que te deu.
26Meu fillo, préstame atención,
que os teus ollos aproben os meus camiños,
27pois cova profunda é a prostituta,
pozo estreito a estranxeira,
28tamén axexa ela coma o atracador
e multiplica os traidores entre os homes.
29Quen di: —"Ai!"? Quen grita: —"Mamá!"?
De quen son os preitos e para quen os laios?
Quen leva sen motivo as zorregadas?
De quen son os ollos chispos?
30—"Dos que se demoran no viño
e van catar os viños mesturados".
31Non olles para o viño cando pinta de vermello
e reloce na cunca:
esvara lixeiriño,
32mais ó remate morde coma cobra
e pica coma víbora.
33Os teus ollos verán cousas estrañas,
a mente farate falar trabucado;
34estarás coma quen se deita na mareira
ou asenta no picouto do mastro.
35—"Bateron en min e non me doeu,
calcáronme coma uva e non me decatei.
Cando volverei a estar sobrio?
Aínda pediría outra rolda".

Currently Selected:

Proverbios 23: ABGS

Highlight

Copy

Compare

Share

None

Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in